Hai doce anos: Alexandre Bóveda no Congreso dos Deputados

Hai doce anos: Alexandre Bóveda no Congreso dos Deputados

No Pleno do Congreso dos Deputados, celebrado o 28 de febreiro de 2006 debateuse e foi aprobada unha proposición non de lei do BNG relativa á anulación do Consello de Guerra sumarísimo a que foi sometido Alexandre Bóveda. Foi hai agora máis de doce anos. Vou facer unha transcrición da intervención que, como portavoz do BNG, fixen en defensa da mesma entón, traducíndoa á nosa lingua. A miña intención, agora que, segundo lin na prensa, foi rexistrada alí unha iniciativa na mesma dirección por Unidos-Podemos (En Marea) é non só informar dos antecedentes, senón tamén advertir sobre a eficacia executiva das iniciativas parlamentares e valorar en que contexto se vai producir esta que se anuncia. Hai máis de doce anos, dirixinme á Cámara, como nacionalista galego coas seguintes palabras:

"Señoras e señores deputados, nesta breve intervención, gustaríame conseguir que comprendan a importancia histórico-política da proposta que facemos. É algo así como comprender a perspectiva galega, precisamente en relación co pluralismo e a diversidade nacional, como un factor clave da democracia. A persoa da que hoxe imos falar, Alexandre Bóveda, é todo un símbolo porque transcende a anécdota persoal e, ademais, porque expresa a dialéctica específica e particular, sen negar a dialéctica xeral que é a que mellor comprenden normalmente en España.

Alexandre Bóveda, fillo de costureira e carpinteiro, tiña 33 anos cando foi fusilado o 17 de agosto de 1936, unha vez sometido a Consello de Guerra sumarísimo, acusado nada menos que de traizón polos militares sublevados. Como tantos fusilados e asasinados deixou muller viúva e fillos orfos. Non era toda unha esperanza para Galiza, era o artífice de realidades prácticas: secretario de organización do Partido Galeguista, estudoso da economía fiscal e da necesidade de autonomía financeira par Galiza; redactor principal do Estatuto no ano 1932, defensor do texto perante a Asemblea de concellos de Galiza, aprobación preceptiva para poder sometelo logo a referendo, e promotor da alianza do Partido Galeguista cos partidos integrados na Fronte Popular. Era o home necesario naquel momento histórico tan oportuno, o da República, coa urxencia que as circunstancias demandaban e cos coñecementos e a convicción que cumpría nun pobo como o galego.

Este home mozo, sen cargos institucionais, progresista e nacionalista, é a figura política máis significada perante o golpe militar na cidade de Pontevedra. As actas do Consello de Guerra así o recoñecen: "Ha de apreciarse que la personalidad de Alejandro Bóveda destaca como especialmente peligrosa por su mayor actividad, acción directa de importancia en la intervención como director de los que se enfrentan con el movimiento militar". Esta acusación late continuamente nas actas do Consello de Guerra porque Alexandre Bóveda, que era un home católico, non precisamente un marxista, se ben un home progresista, non podía comprender naquel momento a actitude tépeda, a deixación dalgunhas autoridades republicanas como o gobernador civil, ou a desorganización do pobo perante a sublevación militar, sublevación que, por certo, no caso de Galiza se xustificou nada menos que en nome da República. O bando do Capitán Xeneral da VIII Rexión Militar do 20 de xullo emitiuse no nome de España e no da República, xusto o mesmo día no que Alexandre Bóveda foi detido e ingresado na prisión. Non volverá a saír máis, a non ser como reo para ser fusilado nunha estrada a varios quilómetros de Pontevedra. Para Alexandre Bóveda a República era sinónimo de autogoberno, de dignidade e tamén dun novo tempo histórico para o pobo galego, tan necesitado del. Foi tan clara a súa actividade que xa no bienio negro fora desterrado de Galiza a Cádiz, sendo funcionario de Facenda en Pontevedra, precisamente porque o Goberno da CEDA e Lerroux eran conscientes da súa capacidade na organización a favor da conciencia autónoma de Galiza como nación e, polo tanto, o perigoso que era pola base potencial que había para o nacionalismo galego naquel momento histórico.



Por outra parte, foi Bóveda un dos redactores principais do Estatuto de Galiza, moitas veces en compaña do señor Raxoi Leloup, avó do portavoz do Grupo Parlamentario Popular, por certo, tamén represaliado, abandonado e sometido a marxinación durante moitos anos. Bóveda logrou que aprobaran este estatuto o oitenta por cento dos concellos galegos a finais de 1932 e, após as eleccións de febreiro de 1936, e en pacto coa Fronte Popular, admitiuse que pasara a ser plebiscitado o 28 de xuño do mesmo ano. Moitas propostas como as da administración única, o imposto único, a progresividade dos impostos, a balanza fiscal e a necesidade de autonomía financeira para ter un real autogoberno están nos escritos de Bóveda. Tivemos Estatuto de Autonomía, após el ser asasinado, nas Cortes de Montserrat precisamente pola pericia e da man do seu compañeiro e amigo Castelao, en 1938. Esta forma de proceder foi a que posibilitou que, na transición democrática, cunha realidade electoral moi adversa. Galiza accedese á autonomía como nacionalidade histórica por esta lexitimidade que lle viña de vello.

Non pode estrañar que, desde 1936 a 1942 todos os deputados socialistas, de calquera condición, republicanos ou nacionalistas, consideraran Bóveda, nas revistas do exilio, como símbolo dos mártires galegos. E, así, a partir de 1941, en todas as sociedades republicanas do exilio, estabeleceuse o día 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. En 1972 publicouse un libro no exilio, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, escrito por Xerardo Álvarez Gallego, o seu cuñado, que gozou dunha grande difusión na Galiza, malia ter que facerse ás agachadas. A partir de 1976 nin un só ano fallou a cita en Pontevedra como Día da Galiza Mártir, en fidelidade a un pensamento e a un esforzo continuo por manter vivos a conciencia do país, os valores representativos, a especificidade, e en concreto a memoria histórica que se expresa a través de este home exemplar, válida para socialistas, comunistas, republicanos, agrarios, anarquistas e nacionalistas.

Galiza, señorías, foi vítima dun alzamento militar e da represión conseguinte. Non houbo alí unha guerra civil, foi algo moito peor. Foi martirizada e anulada nos seus mellores elementos humanos, como Bóveda, un caso representativo, e simbólico, e moitos fusilados, os seus alcaldes, Ángel Casal ou Quintanilla, homes como Díaz Baliño; os asasinatos anónimos, as purgas, os desterros, o exilio, todo o que tamén Castelao representou artisticamente en Atila en Galicia, Milicianos e Galicia mártir. Nós non chegamos a ter un goberno autónomo. Tivemos, iso si, unha posibilidade truncada polo alzamento militar; logo tivemos maquis, represión, silencio e servizo con homes e materias primas para a España fascista. Mesmo fomos aldraxados porque un dos caudillos da sublevación nacera na Galiza, ao servizo da idea do Viva España!, a mesma que presidía a resolución que levou precisamente Bóveda ao martirio, ao fusilamento na estrada de Campañó, en A Caeira. Nós necesitamos máis do que ninguén reconstruír a verdade histórica, non por un afán partidista, senón pola dignidade do país, e celebramos, señorías, que podamos comezar co caso exemplar de Bóveda esta recuperación e a anulación do seu consello de guerra, porque Bóveda é para todos nós a expresión significativa da vontade de Galiza, de todos os galegos, da nosa vontade de país digno e de país que aspira a ter un lugar na historia. Por iso lles pedimos a vostedes o voto afirmativo para esta proposición non de lei".

A proposición non de lei aprobada rezaba así: "O Congreso dos Deputados insta ao Goberno a:

1.- Dispor as accións necesarias, en colaboración coa Xunta, para a recuperación da memoria histórica democrática en relación coa recuperación, rehabilitación e recoñecemento das vítimas da represión provocada polo levantamento militar de 1936.

2.-Promover a rehabilitación institucional, xurídica e moral de Alexandre Bóveda, fusilado por defender a legalidade democrática e as aspiracións de autogoberno de Galiza, como primeiro e decisivo paso no compromiso coa recuperación da memoria histórica e iniciar as accións necesarias que permitan, á luz do contido dos traballos da Comisión Interministerial creada para o estudo da situación das vítimas da Guerra Civil e do franquismo, a anulación do Consello de Guerra sumarísimo a que foi sometido"

Unha proposición non de lei aprobada é só unha obriga moral para o Goberno, pode ou non cumprila. Todas as que lle poidan resultar inconvenientes, conflitivas ou sen interese propio pode abeiralas. Nas actuais circunstancias, de producirse a exhumación dos restos de Franco do Val do Caídos e facerse dese lugar un espazo laico e democrático, antifascista, será máis difícil mirar para outro lado perante da petición de anulacións de consellos de guerra, como os de Companys ou Alexandre Bóveda, entre outros. En todo caso, é importante que a sociedade galega , as organizacións da memoria histórica e a Fundación Alexandre Bóveda, en concreto, alén dos partidos e organizacións que compartan este obxectivo, se manifesten de forma viva e insistente a este respecto.