Galiza subsidiada... ou anulada?

Galiza subsidiada... ou anulada?

Leo nun periódico galego, en primeira páxina, que Galiza xa ten máis pensionistas e parados que cobren subsidios ou prestacións, que traballadores en activo que estean a cotizar.

E apoian esta noticia con datos estatísticos e uns testimonios.

Tamén no apartado de opinión, poñen de manifesto a importancia da solidariedade interterritorial (ameazada últimamente polos "nacionalistas" cataláns) e a necesidade que se maximice o gasto e o investimento público.

E con ese mantra despachan ese gran problema que temos en Galiza.

Poñendo esa noticia pensarán que son uns periodistas de manual e máis galegos que ninguén.

De inmediato, ó ler a noticia, pensei de súpeto que lle faltaba algo no titular; algo como uns puntos suspensivos e a coletiña "obxectivo conseguido".

Estes que queren dirixir a opinión galega dende ese periódico están a practicar, dende fai moito tempo, unha sorte de falcatruadas intelectuais, revestidas de todo tipo de datos -incompletos e con un tratamento maniqueo e nada científico-, que fan que o lector teña a sensación que isto é inasumible, que Galiza é un desastre, e que menos mal que temos en Madrid a posibilidade da salvación. Será por iso que se alegraron tanto que no concurso eólico Unión Fenosa levara un dos premios gordos...

Non falan nese artigo, de por qué se está a dar ese fenómeno, como puidera ser a falta de compromiso das élites tradicionais (financeiras, empresariais e de opinión) na defensa de Galiza como territorio capaz de artellar unha serie de sectores competitivos e con futuro (un exemplo foi o concurso eólico e antes o expolio dos nosos ríos). Tampouco fan referencia a eses fluxos migratorios que fan, por unha parte, que moitos galegos retornan cando conseguen chegar a pensionistas (deixando no pobo de acollida aos seus fillos e os descendentes de estes), e por outra, a necesidade que fai que moitos dos nosos mozos teñan que buscar traballo en territorios lonxanos (agora, en especial os mellor formados).

Ou acaso a emigración non é unha variable a tratar no noso pais?

Pero, claro está, así a noticia pode que invite á reflexión. E iso non interesa.

Mellor darlle ó lector a noticia/mantra como se leva agora, sen esquinas, redonda e branda, coma un "donut". Pero ese tipo de noticias/alimento lixo leva de man, e ábrelle a porta á inacción e a un sentimento de incapacidade por parte de esta sociedade en cambiar nada.

Lendo isto, a xente nova mellor formada parece que soamente ten como opción intelixente saír de este barco que está a piques de ir para o fondo. Que aquí non hai futuro, que si se cren con capacidades o mellor e marcharse.

Sinto moito dicir que esta noticia de hoxe, transportoume a outras noticias que vin en outros periódicos, do século pasado e do anterior.

Recordo ver os anuncios de navieiras que facían escala en Vigo e A Coruña, para transportar aos mozos galegos para diferentes países de sudamérica. E claro está, o negocio é o negocio, os que facían as noticias, incitando a tomar ese camiño a todo aquel que pensara que estaba nas súas capacidades cambiar a súa realidade.

Iso non é patrimonio das nosas élites. Tamén vin esas tácticas no Museo das Emigracións en Roma, onde en diferentes ocasións, os gobernos tiñan que facer bandos para tentar atallar a información/lidos periódicos, que pintaban á emigración como unha sorte de lotería con premio seguro, e que conseguían que milleiros de persoas embarcaran para onde o "mercado" dicía que había un futuro de cor rosa.

Pasaron máis de cen anos, e seguimos na mesma. Algúns opostan por perder un ollo, para que os seus veciños sexan cegos. E o triste e que teñen un gran poder de influencia. Un poder baseado en retorcer a realidade e facela patrimonio deles. Eles din que son a voz da realidade.

E o certo é que son os que queren seguir sendo esa élite inmovilista, apoltroada, que nunca fai nada polo seu entorno, e que loita sempre para que nada lle poda facer sombra no seu terreo. Ven sendo como un gran eucalipto que trata de coller toda a auga para él, sen importarlle que o seu entorno se desertice.

Non lle estorban os probes, mais ó contrario, precisan deles, pero con algún subsidio para que non protesten, e así poden seguir instalados como elite dun pais que non funciona e que necesita permanentemente da esmola europea.

Agora piden políticas que maximicen o gasto público, seguro que acompañadas con unhas boas/golosas campañas institucionais nos medios de comunicación que controlan. Cos anuncios das meretrices e dos políticos pesebreiros que non cren na institución para a que din que traballan, van cumprindo a sua folla de ruta. E o tempo vai pasando e tentando que nada cambie, para seguir sendo algo importante. E para os moi mediocres, ser algo implica non deixar crecer nada ou queimar todo o que os rodea, non esforzarse en ser dos mellores, senón ser o único porque o que debería existir tivo que facer o seu proxecto vital ou empresarial onde as condicións non sexan tan tramposas.

Xa abonda de noticias tramposas e de esmolas ou favores dos que nos tutelan.

Temos capacidades e recursos naturais e humanos suficientes. Soamente fai falla que non nos deixemos intoxicar con esas "realidades" que non son tal, e que poidamos crecer crendo en nós mesmos, como un pais con forza para remover o noso camiño, talando esos eucaliptos que secan todo proxecto que quer saír adiante nesta terra. Non vai ser doado, pero sen atitudes psicolóxicas positivas, seguiremos arrastrando eivas de séculos.