Festas, medallas, cabaleiros e comendadores

Festas, medallas, cabaleiros e comendadores

Cando Fraga chegou a Galicia como presidente da Xunta a principios de 1989, desatouse un furor de exaltación da comida e da bebida, como se fosemos mortos de fame, posiblemente como unha manifestación da prosperidade do país, e como unha exaltación do propio, que con certa moderación xa empezara unhas décadas antes, a Fernández Albor chamábanlle "o merendiñas", pero con el experimentou un auxe espectacular.

Non imos negar a importancia que estes eventos teñen para algúns pobos, que con tal motivo saen nos medios de comunicación, animan o seu comercio, socializa e divirten aos seus veciños e forasteiros, e promociónanse turisticamente. O malo é que estas festas acaban sendo un escaparate partidario, no que se enseñan políticos e cargos públicos que coa súa presenza apoian ao alcalde, o seu partido e estas actividades gastronómicas tanto para ben como para mal.

Fraga sempre quixo ser o número 1 en todo, era o que máis audiencias recibía, o que máis madrugaba, o que máis traballaba, o que visitaba máis ministerios nunha hora, o que máis inauguracións facía nunha xornada, o mesmo lle daba que fose un repetidor ou unha fonte como a de de Boente, con placa da efeméride incluída. Como dixo Manuel Vázquez Montalbán Fraga piensa que por que él se mueve, la autonomía se mueve. Os resultados dese desaforado movemento continuo está nas estatísticas, desfavorables en moitos indicadores.

As festas, ordenes e confrarías gastronómicas

"En Galicia non hai fame, é terra de abundancia e de produtos excepcionais, os mellores do mundo". Este parece que é a mensaxe que queren transmitir as numerosas festas de exaltación de calquera cousa que se poida comer ou beber. Seguindo cos seus ranking Fraga foi o presidente da Xunta a que máis festas gastronómicas asistiu, e o que máis queimadas fixo. Nos seus dezaseis anos de mandato proliferaron, repetidas en moitos casos, por toda a nosa xeografía. Poucos concellos quedan que non teñan unha festa dedicada ás ostras, ao mexillón, á vieira, ao centolo, á xouba, ao pulpo, ás anguías, ao salmón, á troita, ás empanadas, aos queixos, ao pan, ás fabas, aos grelos, á filloa, aos melindres, ao caldo de ósos, ao cocido, á castaña, aos pementos nas súas diferentes variedades, á androlla, ao augardente, ao albariño, e ao viño das diferentes denominacións de orixe. E paralelamente apareceron as confrarías e ordenes con todo o seu aparato para darlle solemnidade e seriedade a algo que non o ten.

Estes eventos utilízanos os alcaldes para facer a súa política invitando a presidentes de gobernos, ministros e conselleiros, directores xerais, superdelegados, delegados, deputados, senadores e outras escalas da variada e ampla representación política. Eu cría que co goberno bipartito a cousa iría a menos, foino na concesión de medallas, pero equivoqueime en canto á súa participación nestas paparotadas, porque seguiron o mesmo camiño. Comentándoo cun amigo que era delegado dunha consellería naquela época, xustificouse dicindo que os compañeiros do partido no concello celebrante, querían verse arroupados coa súa presenza, supoño que para presumir de poder en busca dos votos que segundo o número conseguido nas eleccións, da ou o quita o poder.

Unha inflación de medallas

Agora que estamos en tempo de merendas e de medallas Castelao por mor do 28 de Xuño, compre dicir que Fraga e os seus gobernos foron os que máis fomentaron a vaidade allea, con interese partidista e electoralista, porque para iso son eses inventos, concedendo esplendidamente medallas Castelao e de Galicia, nas categorías de ouro, prata e bronce, a persoas con méritos tan sobresalientes, e que tanta importancia tiveron para o desenvolvemento do país, como o dun hostaleiro de Ourense ao que lla deron por introducir a a carta de puros no menú. Anos despois prohibiuse fumar nos restaurantes.

Tal foi a inflación de medallas que se perdeu o prestixio que podía dar o ter unha. Un xornalista lucense de pluma aceda, que desde a súa columna daba leccións de ética a todos, escribiu a propósito da xenerosidade con que se concedían, que xa se podían comprar en Continente. Ao ano seguinte déronlle a medalla Castelao e non teño noticia de que renunciase a ela. Cando Napoleón creou a Légion d´ Honneur, dixo despectivamente dela: Con bagatelas como esta lévase aos homes colleitos polo nariz.

Un cabaleiro e un comendador


Agora as palabras xa non significan o que significaban. Cabaleiro, ademais de ser o home que ía dacabalo, entendíase que era un nobre ou unha persoa de fiar e de bos modos, e o Comendador era o cabaleiro que tiña encomenda ou renda nalgunha das ordes militares ou de cabaleiros. Agora cabaleiro pode ser un señor, ou señora, que lle gusta comer vieiras acompañadas de albariño, rematando cun chupito de augardente, e comendador o que preside unha asociación gastronómica. En Vilalba dan títulos de Capoeiro Maior. Eu teño un como pago dun pregón.

Todo isto vén a conto de dúas noticias que se produciron o mes de marzo pasado. Unha sobre o veto que recibiu Manuel Martínez Núñez, alcalde de Becerreá, deputado provincial de Infraestructuras e Obras na Deputación Provincial de Lugo e militante do PSdG-PSOE, por parte dos membros do capítulo da Serenísima Orde da Alquitara de Portomarín, presidido polo alcalde. Este órgano colexiado negoulle entrar como cabaleiro en tan ilustre congregación, o que deu lugar a dimes e diretes entre políticos do PP e do PSOE, ao fío deste asunto.

Rajoy non foi a festa da augardente de Portomarín o 20 de abril, "por problemas de axenda", o que era certo porque estaba de vacacións no Coto de Doñana, pero anunciou que recibiría na Moncloa a unha comisión presidida por lo gran mestre que lle entregará a banda e a medalla de Cabaleiro da Serenísima Orde da Alquitara. O que asombra é que existan autoridades que se presten a promocionar unha bebida das chamadas espirituosas, cunha graduación alcohólica que está entre os 38 e o 50 % en volume, e que se faga esta exaltación desde unha institución pública.

A outra noticia esta relacionada cun militante do PP, o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, ao que os avogados de Lalín quérenlle retirar a capa que lle puxeron no ano 2006, cando era alcalde de Madrid, como Comendador da Orde do Cocido. Para os que non o saiban coa finalidade de defender o seu cocido, enténdase no máis amplo sentido da palabra, o Concello de Lalín creou a Encomenda do Cocido, da que o Gran Comendador tamén é o alcalde, e grandes comendadores de honor, entre outros, Manuel Fraga Iribarne e Xosé Cuiña Crespo, que Deus os descanse.

Como a reforma xudicial promovida polo ministro, deixa sen xulgado a Lalin, do mesmo xeito que aos demais que son cabeceira de partido xudicial, os avogados non están conformes e, é de supoñer que para forzalo a rectificar, piden retirarlle a capa a Gallardón recollendo firmas.

Logo de todo o que lles contei, podemos concluír que os políticos viven na súa realidade, que non parece coincidir coa dos demais. Pero tampouco temos porque queixarnos xa que eles son un reflexo fiel de todos nós que lles permitimos, aplaudimos, rimos e participamos nestas caralladas.