En termos de conservación da natureza

En termos de conservación da natureza

A pasada fin de semana asistín, como experto convidado, a un congreso organizado polo estudantado da facultade de veterinaria da Universidade Autónoma de Barcelona, a temática era sobre os cetáceos. Trataron de centrar o tema na formación veterinaria, obxecto do seu propio pulso vital neste momento. Mais non se puido obviar, nunca se pode, a cuestión da conservación das especies e da natureza, como garantía de pervivencia de cara ao futuro.

Ao longo das palestras, diversos especialistas falaron da situación dos cetáceos a nivel mundial e, baixando de nivel, da súa situación no local, costas mediterráneas e atlánticas. Alí foron descritas a situación do baji ou golfiño chinés fluvial, Lipotes vexillifer, endemismo do río Yantze que actualmente está considerado extinguido; tamén da vaquita ou cochito, Phocoena sinus, do mexicano alto Golfo de California, cunha poboación de menos de 100 exemplares, ao bordo da extinción, despois da caída estrepitosa da súa poboación nas últimas décadas a causa da captura accidental.

Sen ter unha situación tan dramática, tamén se falou da particular situación dalgunhas especies coma os arroaces das costas cataláns, o golfiño común do Mediterráneo, ou mesmo a toniña en Galicia e no Cantábrico.

O máis retranqueiro do asunto é que á actuación sobre as dúas especies máis críticas, baji e vaquita, chegouse demasiado tarde. Cando se dispuxo de información, fondos e determinación para estudalos e poder abordar labores de conservación, ou xa non había, ou o seu declive era irreversible. Hai que ter conta de que se unha especie está en declive e chega a unha cifra baixo mínimos, xa non é posible recuperala; a súa diversidade xenética e a súa capacidade de reprodución redúcese tanto que a converte en inviable, desaparecendo literalmente coa morte de cada exemplar.

A pesar de que ao longo da evolución as especies aparecen de novo e desaparecen, de xeito natural, a curta historia da especie humana foi orixe e testemuña da desaparición de moitas outras especies. Estímase que no planeta habitan de 5 a 30 millóns de especies, das que están descritas 1,9 millóns, e destas, unhas 15.589 están ameazadas de extinción, Nos últimos 500 anos as actividades humanas levaron á extinción a 844 especies. Un de cada catro mamíferos, unha de cada oito aves, un de cada tres anfibios e case a metade da totalidade das tartarugas, enfróntanse a un risco de extinción nun futuro próximo.

Nas costas do noroeste e norte Peninsular, na época histórica, desapareceu a balea cincenta, Eschrichtius robustus,actualmente extinguida en todo o O céano Atlántico e só presente no Océano Pacífico, e a balea vasca, Eubalaena glacialis, actualmente só presente nas costas americanas no Océano Atlántico. De ambas só atopamos restos óseos nos antigos enclaves baleeiros Peninsulares. A balea común, Balaenoptera physalus, e a xibarte, Megaptera novaeangliae, foron dezmadas. A balea azul, Balaenoptera musculus, e o cachalote, Physeter macrocephalus,están ausentes das nosas costas, aínda que non en perigo a nivel Atlántico. O arroaz, Tursiops truncatus, foi levado ao límite a e toniña boquexa a cada varamento. a pesar de non estar en risco de pervivencia mundial, o golfiño común, Delphinus delphis, morre a milleiros en toda a costa, polo que o seu futuro non albisca nada bo.

Nesta situación a xuventude, espectadora do congreso, abría cada vez máis os ollos ao facerse cargo da situación e ao ser conscientes do que lles queda por diante na súa vida planetaria e profesional, e preguntaban con curiosidade: se a situación era a descrita, se era un clamor a nosa denuncia de escaseza de fondos e de apoio para reverter esta situación, por que seguiamos dedicándonos a isto?.

Unha resposta nada sinxela de argumentar.

Poida que xa non saibamos facer outra cousa, que sexamos demasiado teimudos ou simplemente vellos, ou que tratemos de ser a voz daqueles seres sen voz nin voto no parlamento da humanidade, aínda que isto sexa moi pretencioso. Trataremos de continuar coa observación, coa denuncia, cos trémulos, incertos e escasos pasos cara a conservación, para que ninguén, nin persoa humana, nin animal, diga no futuro que non o tentamos.

O primeiro paso, como nunha desacougante terapia de diván, é contalo e que todo o mundo o saiba.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.