E que foi das caixas galegas?

E que foi das caixas galegas?

A batalla social que impulsou o nacionalismo a fin de garantir a galeguidade das nosas caixas como condición necesaria para modificar a función que estas viñeron a xogar tradicionalmente, semella apagarse unha vez se asinou o protocolo de fusión entre os máximos responsábeis de Caixa Galicia e Caixanova. O silencio informativo imposto pola totalidade dos grande grupos de comunicación de Galiza, cuxa posición e mesmo existencia viña condicionada pola dependencia económica con cada unha das entidades, así como as peaxes existentes entre as forzas políticas do torno e as mesmas, sitúanos un debate de tanta actualidade e necesidade coma este como unha realidade pasada. Non nos sorprende o máis mínimo unha e outra posición se temos en conta que a pesar da situación case de quebra na que se atopan Caixa Galicia e Caixanova seguen a ocupar o centro da pirámide de poder no País, que a solución adoptada ten o visto e prace final de Génova e Ferranz e que o novo modelo de caixas pactado para o conxunto do Estado por Rajoy e Zapatero sitúase nas antípodas do definido na Lei de Caixas aprobado en decembro polo Parlamento de Galiza.

Agora ben superada esta primeira embestida que puña en risco a existencia das caixas galegas, o nacionalismo non pode seguir a repetir os erros cometidos durante os anos do fraguismo e do bipartito, que nos levou a mirar neste tema para o outro lado, agás que efectivamente asumamos desde agora a absorción da caixa resultante na reordenación do sistema financeiro que se prepara para dentro de dous anos ou fagamos emenda sobre a nosa vella reivindicación de poñer os aforros dos galegos ao servizo da dinamización económica da nación. Hai que esixir xa da Xunta de Galiza a aplicación inmediata do corpo do articulado da lei de Caixas que non foi obxecto de recurso diante Constitucional así como a apertura da comisión negociadora co Goberno do estado para desbloquear aquelas partes litixiosas do texto. Nesta cuestión non hai lugar para dúbidas, demoras ou rebaixas, xa que está en xogo recuperar a función social das caixas galegas, sometelas ao control público, poñer fin ao drenaxe do noso aforro, orientar os recursos dos galegos a financiar proxectos económicos estratéxicos e fundamentalmente manter un instrumento financeiro de orientación pública no País.

O nacionalismo galego mantivo unha posición inequívoca respecto do proceso de reestruturación do sistema financeiro iniciado no Estado á altura de 2008 co primeiro plano de résgate aprobado polo Goberno Zapatero, continuado coa probación do Fondo de Adquisición de Activos e o FROB, acompasado pola alteración das normas contábeis polo regulador estatal e que vai ter continuidade na reforma da LORCA e da lexislación bancaria básica. A comparecencia de hoxe na comisión de Economía do Congreso dos Deputados do Presidente do Banco de España vai concretar as liñas mestras da reforma do sistema de caixas, pactado por Rajoy e Zapatero, e que persigue a súa bancarización, calcando o modelo aplicado en Italia a través da "Lei Amato", que transformou as caixas en sociedades anónimas, nas que as fundacións das mesmas convértense en accionistas e pasan a pagar a obra social cos novos dividendos. Outra vez toca confrontar esta proposta lexislativa, coa mesma claridade que as anteriores, na perspectiva de que estamos fronte a unha nova volta torca do recetario liberal que pretende laminar as referencias públicas no sistema financeiro, pero tamén dun impedimento para volver a conciliar ao diñeiro coa economía do real.

A principios da década dos sesenta unha nova publicada no xornal ABC sacudiu a opinión pública internacional, ao condicionar a "Caja de Ahorros Provincial de Orense" un crédito aos irmáns Barreiros para montar a súa fabrica de vehículos pesados a que esta se instalase en Madrid, posto que do caso contrario criaríanse cincocentos empregos na Cidade da Burgas, e xa que logo as divisas de cincocentos potenciais empregados non engrosarían os activos da entidade Ourensá que se nutría das remesas dos emigrantes. Nada mudou o comportamento dos responsábeis e das equipas directivas das nosas caixas desde aquelas até o punto de que os mesmas foron utilizadas por estes para os seus negocios particulares, dándose supostos tratos de favor entre as entidades e os membros dos consellos directivos e de administración ou fixando políticas de créditos e riscos con criterios distintos ate aumentar no último exercicio o crédito nun 243% aos directivos das mesmas mentres se reducía nun 44% ao resto dos clientes. Non é de recibo logo que os responsábeis de que as caixas galegas chegaran a esta situación de quebra, os mesmos que as dirixiron nas últimas décadas con criterios caciquís, os que gobernaron o aforro dos galegos en beneficio de non se sabe que, os que drenaron recursos de milleiros de aforradores para investimentos ruinosos no Levante, o Leste Europeo ou na Costa do Sol, se manteñan ao fronte da entidade resultante. Nunha sociedade normal estes señores estarían na súa casa, tócanos enfrontar isto, aínda que custe, mesmo para perder, velos aí é unha vergoña para Galiza.