...e outro paso atrás, Galiza

...e outro paso atrás, Galiza

O voso odio cara a nós,
odio tamén de vós pra vós,
guerra de idiotas.

Xosé Lois Rivas (Mini)


Os galegos non aprendemos e seguimos tecendo e destecendo como cantaba o autor de Nimbos. Eu penso que ten razón o amigo Mero cando afirma que esa maldición seguirá con nós, como cos pelouros do Pedregal do Miño, mentres non nos queiramos, pois a desgraza mais grande que temos é odiar o noso e odiarnos a nós mesmos (como di Mini que fan tamén os nosos gobernantes, neses versos que encabezan o artigo). Non nos damos a respetar e cobizamos o do colonizador aínda que sexa moito peor que o noso: Levabamos séculos celebrando o Samaín e agora celebramos o seu sucedáneo deturpado porque nos chegou dos Estados Unidos co nome de Halloween, e así nos vai.

Estámonos quedando sen país e o problema mais grande que teñen algún dirixentes “nacionalistas” son os outros nacionalistas que non seguiron a súa migración cara a España da man de partidos emerxentes que pretenden somerxernos polas boas aínda mais na dependencia. Non puideron castrarnos pola brava, pero agora, co apoio dalgúns autóctonos, pretenden facelo mais sibilinamente por medio doutros dirixentes españois con caras mais amables que os cafres que temos agora por gobernantes.

O BNG sempre falou claro e nunca enganou a ninguén. Pretendía un acordo para chegar a un Grupo Parlamentario Galego non dependente e fixo un alarde de xenerosidade renunciando as súas siglas, as mais históricas e representativas do nacionalismo galego, sendo ademais a única forza que a día de hoxe ten representación no Parlamento español. Fíxoo porque entendía necesaria a unidade e antepuxo os seus intereses partidistas aos intereses do país, pero eles xa sabían que non ía actuar como un colonizado indo detrás dun gurú mediático baixo as siglas de forzas alleas e dentro dun grupo no que nunca poderían defender os intereses de Galiza, porque chocan ademais cos intereses dun estado centralista e autoritario.

Si na reunión celebrada o 31 de outubro en Santiago todos coincidían, como dixo Cerna despois da reunión, en que era necesario unha candidatura que fixera posible un grupo parlamentario galego en Madrid sobre a base dunha coalición feita en Galicia, con personalidade xurídica propia e que a candidatura tiña que ser de base cidadán, con primarias para a elección de candidatos, non se entende porque non se acordou unha coalición sobre esas coincidencias cando o BNG estaba disposto a partir de cero para elo, pero quezas non se chegou a un compromiso porque “os pais da rapaza” non se dignaron asistir para non asumir o que antes dicían os seus representantes na colonia galega. Como non se querían comprometer, mandáronos a eles para seguir a farsa e intentar así votarlle a culpa ao Bloque. Mandáronos con voz pero sen poder de decisión porque as cousas importantes decídenas eles en Madrid. Non podían chegar a acordos porque ían atados por pactos anteriores nin tampouco tiñan intención de acordar, pero eran ganas de marear a perdiz.

Eles sabían que de haber chegado a un compromiso co Bloque non poderían amañar as listas da candidatura, que debían ser elixidas polos cidadáns segundo dicían tamén eles e non facendo o reparto entre as cúpulas dos partidos como fixo logo a “coaligazón técnica das estruturas partidarias”. Xa non respectaron a democracia en Ámio e tampouco a ían respetar agora. Non deben ser nada amigos dela, pois xa dixo Marilar Aleixandre que nas asembleas non se podía decidir nada porque había xente especialista en asembleas...; nin sequera fixeron as listas desde a base, como esixía antes Encontro Cidadán por unha Marea Galega, utilizando agora o peregrino argumento da falta de tempo cando xa firmaron o acordo con Podemos no mes de setembro. Son dos que sempre queren gañar, e senón gañan pinchan a pelota.

Quede claro que todas as posturas son lícitas e o que queira perder a súa identidade, ir baixo as siglas dun partido español ou pasarse ao outro bando alá el, está no seu dereito, pero que non critique aos que nos negamos a vender o noso país e seguimos o camiño que antes eles tamén dicían seguir; aos que non traizoamos as nosas propias ideas por un puñado de votos prestados. Os votos prestados poden valer nunha determinada conxuntura pero non garanten o futuro da nosa nación e menos deixando o seu porvir nas mans de líderes foráneos produto da mercadotecnia.

Agora a única candidatura galega é a impulsada por Iniciativa pola Unión, NÓS-Candidatura Galega, elixida desde a base nun proceso único e democraticamente impecable e que a pesar desa migración a Podemos e EU seguirá loitando por acadar un Grupo Parlamentario propio que defenda en Madrid os intereses de Galiza nun momento tan necesario como este. A outra non é unha candidatura galega por moito que vaian nela candidatos nacidos en Galiza ao igual que nas listas do PSOE ou do PP. Na nosa historia quedará escrita esa falta de compromiso cos intereses nacionais e o tempo xulgará a cada cal pola súa responsabilidade; non polos votos que acade cada un, senón pola coherencia cos intereses do noso pobo.

NÓS-Candidatura Galega é a herdeira do vello galeguismo liderado por Castelao e non vai traizoar a súa memoria. Representa ao nacionalismo que non fincou os xeonllos, nin vai desaparecer por moito que o desexe a señora Yolanda, e seguiremos eternamente por aquí como augura Mini noutra parte do mesmo poema, aínda que é tal o poder da prensa do sistema que os adula, o odio que lle ten á organización nacionalista e o errático camiño escollido por eles, que como sigan así pode que se cumpra a profecía dun lector que deixou escrito nun comentario a un artigo desta revista dixital, no que advertía: E maña que non che caiba a mais mínima dubida que viran por nós os demais nacionalistas.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.