Despois da resaca electoral

Despois da resaca electoral

Os media españois, de forma unánime, resaltaron en grandes titulares a granvitoria do PP e a desfeita dos socialistas dando a entender que se producira un gran corremento de votos cara o partido da dereita española. En realidade, a verdade sobre o acontecido afástase dese cadro que pinta un descomunal incremento do apoio dos cidadáns ás ideas neoliberais. Tanto se analizamos os resultados en Galiza como no estado os feitos indican unha realidade diferente. O incremento do apoio ao PP en Galiza non chega aos 85.000 votos fronte aos máis de 232.000 perdidos polos socialistas. Pero se observamos os resultados por bloques ideolóxicos -aínda que poida ser un método algo reducionista- vemos que en Galiza a opción neoliberal (PP-PSOE-UPyD) no seu conxunto perde máis de 137.000 votos e unha gran parte deles van á abstención. Os maiores beneficiados desa sangría de votos foron a esquerda española e os votos nulos e brancos que se incrementaron de forma notoria nestes comicios. Algúns pactos locais co PSOE, a férrea censura mediática, a memoria da perda de goberno na Xunta e a falla de unidade interna seguen a pasarlle factura ao BNG, aínda que o excelente traballo dos nosos deputados e o senador xunto á impagable entrega de moitos compañeiros durante a campaña electoral fixo posible un resultado digno.

,Facendo a mesma análise a nivel estatal tamén se observa que o bloque neoliberal tampouco saíu ben parado. O descalabro do PSOE só lle subministrou ao PP un 16% (fronte ao 36% en Galiza) dos votos que perdeu. Pero o conxunto do bloque neoliberal español perdeu case 2,5 millóns de votos.

Resulta instrutivo observar como os resultados dos nacionalistas vascos e cataláns víronse favorecidos por un notable incremento, sobre todo de CiU e AMAIUR, xunto ao PNV en menor medida. Pero tamén houbo forzas que experimentaron retrocesos como ERC, CC e GBAI. Quizais os motivos desas baixadas non estean demasiado lonxe dalgunha das causas sinaladas antes para o BNG.
,
A pesar de que en Galiza os resultados non son para botar as campás a voar a situación derivada das eleccións indica que se poden extraer dúas grandes conclusións. A primeira, que hai unha masa importante de electorado nacionalista que mantén a súa fidelidade ao proxecto do BNG aínda nunha situación complicada para o país e para o nacionalismo. A segunda, que existe un numeroso sector social que non comunga en absoluto co proxecto neoliberal (PP-PSOE), factor que indica que queda moito campo para traballar cunha alternativa críbel. E para que a mensaxe sexa efectiva, o BNG debe reformular a súa relación de colaboración co PSOE nalgúns concellos e presentarse á sociedade cunha única voz e cun perfil nidio de esquerda falando claro sobre a nosa alternativa fronte á deriva totalitaria da UE, o cabalo de Troia da moeda única e o papel golpista dos mercados financeiros. É vital conquistar a rúa impulsando plataformas sociais amplas fronte ao desmantelamento dos servizos públicos e a crise económica. Se non se acometen estes e outros cambios organizativos a desafección do noso electorado seguirá en aumento. A situación non permite máis demoras.