Chegan os cetáceos, ou xa estaban?

Chegan os cetáceos, ou xa estaban?

Ultimamente tense sentido moito falar de cetáceos: golfiños e baleas. Cales son as razóns disto?, chegan, é algo novo, ou xa estaban aí?.

Tres son as circunstancias fundamentais que nos levan a formular este interrogante.

A primeira é o cese do xenocidio de baleas e golfiños. Os cetáceos foron un recurso dende que a humanidade chegou ao pé do mar, primeiro aproveitando os animais varados e despois cazándoos activamente. A caza da balea está constatada en Galicia dende o século XIII e rematou no ano 1985. A matanza de toniñas, golfiños e arroaces debeu ser habitual no pasado, formando parte da oferta de peixes nos mercados e lonxas, intensificándose para tratar de reducir os problemas coa pesca, sobre todo a principios do século XX coa matanza indiscriminada de arroaces a mans de pescadores e da armada española. A última matanza de arroaces aconteceu no Grove no ano 1977. O cese do xenocidio directo de baleas e golfiños saldouse coa recuperación dalgúns deles, como o caso do arroaz, a tendencia á extinción doutros, como o caso da toniña, e o aumento da probabilidade de ser observados, independentemente da súa incerta recuperación dado que ninguén os mata intencionalmente, como o caso das baleas que entran na plataforma. Mais, unha nova versión do xenocidio aínda non foi erradicada, este é o resultado das mortes masivas de milleiros de exemplares na interacción coa pesca, xa non son capturas accidentais, son capturas estruturais.

A segunda é a proliferación tecnolóxica e de redes que multiplica a incidencia de calquera nova relacionada con estes animais, habida conta de que son especies que “caen ben” a un importante sector da poboación, ocasionado a amplificación da información de calquera feito que xa estivese aí. É dicir, xa estaban pero ninguén o sabía, ou a case ninguén lle importaba. Isto pode estar intencionadamente promocionado por empresas e intereses turísticos tratando de abrir posibles novas vías de negocio.

A terceira é o atraso da primavera, un fenómeno oceanográfico e climatolóxico que leva acontecendo dende hai un par de anos, que e fai que se desprace a riqueza biolóxica mariña cara ao verán e outono, aumentando a probabilidade de pasto para as grandes baleas e a dispoñibilidade de alimento para os pequenos cetáceos. Esta riqueza biolóxica estival maniféstase coa maior presenza de baleas entrando á plataforma a alimentarse no seu paso cara a sur.

Xuntas estas tres circunstancias dan lugar a un escenario onde parece que non se fala doutra cousa, e como o tema é “branco”, é dicir, pouco conflitivo dende o punto de vista informativo falando, dá para a numerosos titulares de ampla difusión social que arrastren o resto de novas ou a ausencia delas. Case unha cobra de verán, como quen di.