Catro leccións catalás e un colofón galego

Catro leccións catalás e un colofón galego

Á vista do que está sucedendo no Estado español, do que ouvimos e escoitamos sobre Catalunya, de como se empeñan en descualificar e atacar o proceso soberanista catalán todos os poderes institucionais españois e as oligarquías sociais e económicas, co recurso á ameaza, á intimidación e ao medo, a través dos seus altofalantes mediáticos, cavilei que farían con nós, os galegos e galegas, de estarmos inmersos nun proceso semellante. Axiña a miña cavilación foi ferida pola idea de padecermos falta de consciencia da magnitude real da opresión que nos abafa. E non tanto por descoñecemento dos males que nos aflixen, que tamén, no caso dalgúns determinantes –desde a importancia da lingua propia á nosa capacidade real, fiscal e financeira, neste contexto, e as nosas potencialidades a desenvolver, noutro-, como pola súa recondución a un etéreo escepticismo consistente na crenza de que todo pode ser peor, xa que, tamén polo exercicio dun pragmatismo individualista que consideramos salvador, o importante é ter para comer ou poder saír a procuralo onde o haxa. Sempre topo coa mesma desconfianza sobre a nosa capacidade para valernos por nós propios e a mesma resignación perante un statu quo que se fundamenta nun deseño que nos conduce á anulación como pobo. É por iso que me parece exemplar, e explicábel, dunha lóxica contundente, a evolución da sociedade catalá nestes dez últimos anos, xustamente cando, por interferencia da propaganda ao servizo do statu quo, o Estado español, un, indivisíbel e oligárquico, deixou de selo, admirada, para a maioría dos galegos e galegas. Naturalmente, a opinión da maioría dos galegos e galegas verbo da cuestión da independencia de Catalunya está impregnada do veleno que nos inoculan todos os días para seguirmos sendo parvos, conformistas, resignados e inconscientes, e mesmo ignorantes de quen somos e o que necesitamos. Por iso, imos constatar algúns aspectos significativos que nos poidan axudar a comprender o que pasa, a natureza do Estado español, e a súa incapacidade conxénita para asumir unha convivencia entre iguais:

1.-Un debate viciado e terxiversado por unha consideración, unha actitude e un marco constitucional previos, antidemocráticos e imperialistas:

Pode parecer unha boutade, pero non o é. Para o Estado español o pobo catalán non existe politicamente. Non digamos o pobo galego. Só existe o pobo español. Por se non abondase coa contundente experiencia política práctica de case corenta anos do actual réxime, o Tribunal Constitucional encargouse de pólo por escrito na súa sentencia sobre o Estatut. Polo tanto, a soberanía, a capacidade para decidir, só reside no conxunto do pobo español, unha especie de abstracción que fai homoxéneo o que non o é, e considera unha nación única, identificando nación con Estado, o que son varias, tanto ten, mesmo que expresen ou non vontade explícita e manifesta de exerceren como tais. Deste xeito, os conflitos que poidan xurdir, derivados precisamente desta negación e anulación, desta desigualdade, desta relación de subordinación, nunca serán analizados ou enfrontados desde a perspectiva da igualdade entre nacións e pobos, nin da lexitimidade dos seus dereitos á liberdade, senón desde unha consubstancial subordinación e dependencia que pode ser matizada ou edulcorada, pero nunca anulada. Velaí por que aparecen como naturais o improperio, a descualificación, a intimidación, a ameaza, o intento de meter medo a quen o único que fai é defender, expresar e posibilitar o dereito do pobo catalán a decidir por si nunha conxuntura que o esixe. Pártese do criterio de que é ilegal, un pecado antinatura, que non debe ser tolerado. O exercicio da democracia convértese así nunha pedra de escándalo e nunha provocación que non se está disposto a tolerar, para o que hai que forzar, con intoxicación a eito, a opinión pública do resto do Estado para tamén asumir ela, nada menos, que o pobo catalán non existe, que só existe o pobo español con capacidade para decidir, e que os referendos ou plebiscitos políticos son cousa dos españois no seu conxunto. Esta lóxica política aboca a situación a un exercicio continuo da represión e da negación do evidente, da imposición. A interpretación da legalidade, xa en si mesma interesada, ponse por enriba da lexitimidade democrática, da necesidade política, do diálogo e da solución democráticas do conflito. Chega ao que nunca se pode chegar en política democrática: á negación da existencia dunha realidade conflitiva, nada menos que a dun pobo que non se sinte cómodo nin integrado no deseño estatal español.

2.-Con que facilidade esquece e ignora o Estado español a experiencia histórica das nacións, en concreto a de Catalunya, mesmo se se tratar dos últimos dez anos!:

Non lles gusta nada aos gobernantes españois que se lles lembre o proceso de integración subordinada das nacións, como Catalunya, Euskadi ou Galiza, á monarquía hispánica centralista. A nosa nación, Galiza, foi a primeira en padecelo, un proceso terríbel entre o século XIV e XV, de graves consecuencias e moitos mártires e rebeldes, por máis que todo se combine para ignoralo ou desprezalo. Afortunadamente Catalunya, subordinada no XVIII, coa monarquía borbónica, mantén unha memoria viva do proceso. Pero non imos falar desta dependencia de máis de trescentos anos, deste sometemento a un imperio agora decadente. Falemos dos dez últimos anos, nada máis. Lembro como o denominado nacionalismo catalán moderado foi considerado durante máis de vinte anos do actual réxime unha peza clave para a estabilidade política no Estado polo seu pactismo e a súa disposición para os gobernos españois sen maioría absoluta contaren con maioría parlamentar grazas ao seu apoio. Que pasou para converterse esta nacionalismo en algo demoníaco, radical, desnortado, ilegal, antidemocrático e albo de todas as iras, artimañas e guerra suxa por parte do Estado? Simplemente que o pactismo e o posibilismo xa non daba ningún resultado: o marco autonómico estaba esgotado nas súas limitadas posibilidades e competencias, e máis en concreto o sistema de financiamento da Comunidade Autónoma de Catalunya, xeral ao resto, menos Euskadi e Nafarroa, que gozan de soberanía fiscal, non responde para nada ás necesidades dun verdadeiro autogoberno. Catalunya era inviábel e ingobernábel con acerto e perspectivas de futuro co estatuto de autonomía . O goberno tripartito de Maragall, aproveitando o goberno Zapatero, intentou, apoiado polo nacionalismo independentista e polo moderado tamén, un encaixe máis apropiado de Catalunya no Estado a través dun estatuto de nación, cun novo sistema de financiamento similar ao vasco. Todos sabemos o que pasou, e máis do que ninguén o pobo catalán. Após de ser aprobado polo Parlament, primeiro foi peneirado nas Cortes. Malia a todo, os seus artífices seguírono apoiando e o pobo catalán votouno positivamente nun referendo ad hoc. O pobo falou. Porén, o Tribunal Constitucional español acabou por anulalo en partes substanciais e dando unha interpretación doutras que o convertían nun papel mollado, inservíbel para os gobernos de Catalunya realizaren as mudanzas que se necesitan. O nacionalismo moderado debeu escoller entre dar un salto cualitativo no plano ideolóxico e político e pórse á altura das mudanzas que se estaban a producir na sociedade catalá após experiencias tan traumáticas de incomprensión e cerrazón por parte do Estado español, campañas anticatalás incluídas que rozan a xenofobia, ou seguir cun pactismo suicida por inútil. Afortunadamente para o pobo catalán fixo o primeiro. Nos tempos que corren non é frecuente ver este comportamento en partidos habituados a gobernar. Teño para min que só se pode dar este fenómeno en quen acredita que o seu país existe, que o pobo catalán ten dereito ao futuro, alén de constataren que era imposíbel gobernar con mínima dignidade e eficacia nun marco como o actual. Naturalmente, a asunción desta nova perspectiva provocou a autodepuración de elementos reaccionarios, os máis españolistas e favorábeis ao capitalismo transnacional (Unió). E, cousa inimaxinábel, grazas tamén ao amplo movemento social e popular independentista, fixo posíbel a conformación dunha candidatura de unidade nacionalista (Asemblea Nacional Catalá, CDC, ERC), Junts per el si, encabezada por un independente, de ideoloxía marxista. Os moderados de CDC vén nesta confluencia unha necesidade para lograr a independencia e asumen que unha Catalunya independente se organizará e vivirá conforme a uns criterios sociais e políticos favorábeis ás maiorías sociais. Parece que o nacionalismo das nacións sen Estado é un movemento popular, de clases medias a clases traballadoras, tamén en Catalunya, e temos máis unha evidencia práctica de a cuestión nacional e a social andaren incardinadas, seren inseparábeis. De feito, o movemento popular independentista vincula a independencia de Catalunya ao lexítimo desexo de viviren mellor as maiorías.

3.-O Estado español nunca ofreceu ningún diálogo, só quere manter a subordinación e o criterio de superioridade, sen máis alternativa que o deber de Catalunya aceitar a esmola que decidan:

Resulta revelador que ningún goberno español estivo nin está disposto a conceder a Catalunya o que ten Euskadi ou Nafarroa: un sistema de financiamento baseado na recadación de todos os tributos polo Goberno catalán, con sistema de cupo para financiar os gastos do Estado en Catalunya. Por que? Porque España necesita presentarse como a nai que nos alimenta a todos. Ten que seguir aparecendo o Estado como o benfeitor que a todos nos soporta e sustenta, especialmente, claro está, aos galegos e galegas que, segundo parece, vivimos e temos pensións grazas a España. Esta mitoloxía debilitaríase, caso de Catalunya acceder a ese sistema de financiamento, e desde logo o poder mítico do Estado diminuiría, cunha tendencia progresiva a que aparecese el sustentado polos tributos que pagamos todos, incluído Galiza. A inversión da realidade iríase rectificando a pouco que Galiza tomase conciencia da súa situación e da súa capacidade. A idea dunha España única, cun centro mirífico, sería inviábel. Eles non queren unidade entre iguais, queren unha unidade xerarquizada. É posíbel que o pobo catalán seguise optando pola independencia, mesmo ofrecéndolle esta alternativa ao seu debido tempo, porque seguiría a vivir nun marco legal no que a última palabra a tería o pobo español. Porén, nin isto son quen de ofrecer os gobernos da España.

Cada vez parece máis claro que a única oposición real que ten o réxime vixente no Estado español é o nacionalismo. Como parece tamén abondo claro que o nacionalismo catalán e a súa aposta independentista é o único factor relevante de mobilización popular con intencionalidade política estratéxica, pois conduce a mudanzas cualitativas. Nunha palabra, é un dos poucos elementos de relevancia incisiva para a crise dun réxime monárquico, oligárquico e centralista. Non é casual que teña habido unha reformulación do sistema de partidos, con catro protagonistas onde antes había dous. É unha esixencia da situación, na que o problema catalán ten unha importancia decisiva. Óbservese que, no tocante á independencia de Catalunya, todos tocan a mesma sinfonía de fondo: hai que manter a unidade de España. É verdade que parecen ter matices á hora de tocala. Nuns casos soa máis estridente, aguda e enxordecedora; noutros, máis meliflua e hipnotizadora. Mais nin sequera nestes casos, o diálogo entre iguais aparece para nada. Todos amosan e revelan a incapacidade e indisposición do Estado español a asumir retos e riscos que supoñan mudanzas cualitativas na súa estrutura. Algúns falan do federalismo como solución, referíndose a un novo deseño autonómico con outro nome, e volta a comezar. Non pasa nin pola súa imaxinación a posibilidade de intentar construír un Estado común de nacións soberanas que se confederan por cesión, limitada, e reversíbel, de competencias. Todos compiten, con aparente distinto modo ou maneira, por ver quen intoxica mellor o pobo español contra os nacionalismos, e moi en particular contra o catalán, logrando introducir nas masas o que din non practicar, unha xenreira, odio e incomprensión contra Catalunya e o pobo catalán, que acada o paroxismo da irracionalidade. Non hai máis que ver as informacións e debates en todos os grandes medios de comunicación do Estado e provincias.

4.-Un obxectivo político que pode avanzar ou retroceder, pero que será indestrutíbel e ao fin vitorioso, por consecuente, necesario e con grande base popular:

A esta altura estará claro que o Estado español non permite que os cataláns voten nun referendo específico para decidiren se queren permanecer no Estado español, constituír un Estado independente ou demandar unha incardinación diferente de carácter xenuinamente federal. A conversión dunhas eleccións autonómicas nunhas eleccións plebiscitarias é a única forma de o pobo poder manifestar o seu pensamento e a súa opción, a única forma de superar as limitacións, imposibilidades e atrancos antidemocráticos que o Estado español emprega. A cacarexada legalidade española encobre a maior das tiranías e unha negación descarnada de principios democráticos elementais: o dereito de os pobos definiren libremente o seu futuro. O pobo catalán tirou as súas conclusións dunha experiencia histórica, por certo moi intensamente vivida nos últimos dez anos. Grande parte del sabe o que necesita, o que non vale, o que desexa, e está disposto a loitar por iso. Penso que as ameazas e as intimidacións, tan groseiras e descaradas, de que son obxecto os seus dirixentes e, en xeral, todo o movemento popular independentista, por non dicir o pobo no seu conxunto, xa non funcionan coa eficacia desexada. A represión agochada en trécolas legais tampouco. Pode o Estado español imporse pola forza e o autoritarismo nun momento, pero acabará perdendo a guerra dunha ou doutra forma.

Cada pobo temos as nosas virtudes e os nosos defectos. O pobo catalán foi capaz de integrar, en boa maneira, a poboación española inmigrante. Non teñen medos nin receos dela. Están moi ben preparados, malia a todo, para a convivencia con España. É moi característico dos cataláns un certo espírito universalista e cosmopolita, que se manifesta, entre outras cousas, nun europeísmo a proba de bomba. Non fará falla dicir que este europeísmo é un contrapeso ideal ou idealista fronte a un españolismo que anoxa. Pois ben, non cabe dúbida que o proceso catalán abre un interrogante non querido na UE, respecto da posibilidade de novos Estados independentes na parte occidental, a dos grandes Estados, Grande Bretaña, Franza, España ou Italia. Será suficiente o realismo político e o respecto debido a principios democráticos elementares para vencer a animadversión dos que mandan na UE, e das grandes empresas transnacionais, ao proceso de independencia de Catalunya? En todo caso, está claro que non vai ser favorecido, mais verase como un bocado mercantil que non debe perderse, se se consuma. Agora ben, pretender que, se non se está na UE, un país non é viábel, é tanto como dicir que países como Noruega, Islandia ou Suiza non o son. Xa non aludiremos a como a UE favoreceu, apoiou e incentivou, por intereses estratéxicos, procesos independentistas na Europa do Leste de nacións ben máis pequenas do que Catalunya, como Lituania, Estonia, Letonia ou Eslovaquia, mesmo promovendo e amparando a violencia e a guerra para desfacer a antiga Iugoslavia e posibilitar a aparición de novas nacións-Estado como Croacia, Eslovenia, Macedonia, Montenegro e Kosovo. Só as dúas primeiras están dentro da UE. Aliás, o europeísmo imperante esquece con facilidade que as políticas da UE están condicionando gravemente o desenvolvemento económico da súa periferia, e impulsando as medidas regresivas en materia social e laboral para as maiorías populares. Debo afirmar que sempre me chamou a atención ese europeísmo que identifica UE con Europa e que considera algo máis que un mercado esa construción mercantil. É de esperar que os dirixentes de Catalunya combinen o seu endémico europeísmo con outro máis amplo e real: así o pareceu entender Artur Mas viaxando a Rusia, sen dúbida para falar de gas e promover o turismo. O mundo é algo máis que a UE afortunadamente, e a UE, por moito que se empeñe a manipulación semántica, non representa toda Europa. Dentro ou fóra dela, Catalunya, como Galiza, seguirían sendo europeas.

Colofón: E Galiza, que?

A curto prazo, con semellante artillaría a descargar sobre a indefensa cabeza do pobo galego, a hostilidade contra a independencia de Catalunya repercute en forma de máis españolización, isto é, renuncia, indignidade e subordinación, de Galiza. Tamén clarifica e reforza a un sector non irrelevante, pero si minoritario. Rechama ver como se bombardea a poboación galega coa idea de a independencia de Catalunya ser negativa para Galiza, pois vivimos de prestado, dise, grazas, entre outras, como a de Madrid, á contribución catalá ao conxunto do Estado. Indigna ver como o Presidente de Galiza, que deixa desamparados todos os sectores produtivos do país, que non exerce para nada en defensa dos intereses do pobo galego, se apunta a semellante tese, cavando así aínda máis fonda a crenza na nosa incapacidade para vivirmos por nós mesmos. Semellante actitude non é unha defensa de Galiza: é xustamente a xustificación dun deseño e dun statu quo no que o pobo galego non ten ningún futuro. Del derivan, os nosos males. A dependencia de Galiza, a súa forma de subordinación dentro do Estado español, son un factor fundamental para explicar o noso retroceso demográfico, o envellecemento da poboación, a emigración, a falta de agricultura, as dificultades para os nosos sectores económicos estratéxicos, a falta de autoestima, o retroceso de usos e o maltrato para o noso idioma….Porén, aínda así, nós vivimos do noso traballo e somos quen de valernos por nós, digan o que digan os panexiristas da unidade de España, tan empeñados en facernos crer que sen ela non seríamos nada. Xa me diredes a onde se pode ir con semellante perspectiva política, como non sexa ao suicidio, á desaparición como pobo, á nosa práctica anulación. Só nos ofrecen unha asimilación marxinal. Non cabemos no seu deseño.

Comparto, pois, e louvo que o nacionalismo galego, en concreto o BNG, exprese a súa solidariedade co pobo catalán e apoie o seu proceso independentista. Non sería nin lóxica nin coherente outra actitude. Bramen como bramen, desde todos os poderes do Estado até todas as forzas oligárquicas e os seus sicarios, practicamente, no que nos ocupa, tamén todos os partidos e sindicatos españois. Porén, espero e desexo que nos tomemos a serio a situación e acreditemos, primeiro nas nosas análises, as aprobadas democraticamente nas nosas asembleas, cando menos desde Amio, 2011, respecto da natureza do Estado español, da autonomía como vía sen saída e da contradición entre o deseño de globalización económica que a UE representa e os dereitos das nacións, como Galiza, a seren libres e viviren do seu traballo. As leccións da experiencia catalá avalan as nosas análises, nuns casos, contrastan coa nosa noutros, deitando luz sobre as nosas limitacións, e redundan no noso empeño por conquistar obxectivos políticos de máxima urxencia. Confío, pois, en que, sexan cais foren as nosas tácticas parlamentarias, teñamos coidado de incardinalas na constatación de que non debemos ser enredados en vías de reformulación do Estado español que pretendan mantelo na súa esencia. Hai quen, calado, indiferente ou mesmo hostil, espera que o conflito catalán acabe encarreirado pola senda dun debate sobre un novo marco autonómico, con outro nome, federalismo, por exemplo, ou competencias asimétricas, de forma que, entón, Galiza aproveite para pedir igualdade de trato con Catalunya. Deixando á parte, o miserábel e indigna que é esta forma de facer política, que nunca ten a iniciativa de enunciar o que Galiza quer por si mesma, levaríanos a outro beco sen saída, a repetir unha historia de frustración, precisamente pola súa impostura dupla: a argallada polo Estado e a exercida polos que non acreditan que Galiza é capaz e necesita soberanía.

Desexo que o nacionalismo galego, que mereza tal nome, se sinta urxido a camiñar unido, comezando polas eleccións que se aveciñan. Esquerda e nacionalismo son termos imbricados e en osmose, non existe unha sen o outro, no caso galego. A nación son as clases populares, e unha posición contraria á subordinación e á dependencia é a única que garante unha visión antiimperialista do mundo. Na Galiza non haberá mudanzas políticas cualitativas se unha alternativa nacionalista non avanza, de forma que poida ilusionar o pobo galego e convencelo da súa capacidade, da súa dignidade e do seu dereito a decidir sobre o seu futuro. No Estado español saben ben que, se Galiza espertar, unido a procesos como o catalán ou un hipotético vasco, faría inviábel o actual armazón do Estado unitario, centralista, o da unidade de España, nación única. Por iso, con perseveranza descargaron, desde sempre, artillaría pesada ou atizaron o lume contra o nacionalismo galego, coa finalidade de dificultalo, censuralo, denigralo ou reducilo. Lembro que, cando se debateu o denominado Plano Ibarretxe, no Congreso, o lehendakari, que acudiu a defendelo persoalmente, foi tratado de forma indigna. Sentárono nunha cadeira dunha fila na parte media e esquinada do hemiciclo, como a un deputado calquera; non foi recibido na porta polo Presidente do Congreso. Sentín a súa soidade e a friaxe que o rodearon como se fosen contra min. Pensei: trátano como a galegos. Entón comprendín mellor que a intolerancia e a animadversión do Estado español contra quen ousa discutilo e intenta mudalo na súa esencia é frontal e única, proveña da nación que proveña, alén de matices que, no noso caso, son substanciais pois se ceban na nosa maior marxinalidade e indefensión. Por iso teño claro que un Estado español sen Catalunya terá a tendencia a ser máis prepotente, se cabe, coa diferenza, a diversidade e o afán de igualdade. Aínda se sentirá máis tentado a exercer a política de asimilación como única alternativa. Debemos prepararnos, en todo caso, para unha situación a cada paso máis conflitiva e problemática, que esixirá definicións prácticas, no medio dunha atmosfera inzada de prexuízos imperialistas, poderosamente orquestrados. Naturalmente, o noso maior problema vai estar, en principio, no desprezo da capacidade de Galiza, tan continua e insidiosamente inoculado polo Estado español e os seus servidores internos, nunha grande parte da sociedade galega. Unha situación así require alternativas claras, enunciadas por nós e ao servizo do país, a maior unidade interna posíbel, e teimosía na participación e presenza social constante do nacionalismo, que sirva para a clarificación política e dote de sentido e forza a nosa presenza institucional.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.