CASTELAO, sempre en Galiza

CASTELAO, sempre en Galiza

Estamos inmersos os nacionalistas na procura de sinaturas para sustentar unha iniciativa lexislativa popular a prol de a obra de Castelao poder ser contemplada polo seu máis lexítimo destinatario, o pobo galego. É triste que unha obra tan inxente e magnífica, a do fundador da pintura galega moderna, tan vinculada ao dereito do pobo galego á existencia, padeza tanto desleixo, abandono ou marxinación por parte das autoridades oficiais, do Goberno galego, moi en particular. Porén, tamén é esperanzador e sintomático que un importante sector da sociedade galega teña coraxe e sensibilidade moral e ideolóxica para reaxir contra tanta inxustiza, contra tan intencionado e aleivoso agochamento. Non se pode vivir tranquilo vendo como se furta ao pobo galego o acceso e gozo, o coñecemento da obra plástica de Castelao. Ela por si mesma é unha crónica histórica viva da primeira metade do século XX, un auténtico fresco social encarnado a través dunha arte plástica orixinal, vangardista e xenuinamente galega. A súa magnitude excede mesmo o espazo dispoñíbel en continentes culturais como a Cidade da Cultura. O dispendio que significou a súa construción non serve agora nin sequera para expor o mellor que dimos de nós artisticamente. Tal é o caso da obra plástica de Castelao, espallada por xornais, revistas, libros, e en formatos autónomos, cuxos orixinais están en mans privadas –Abanca, a familia Baltar de Rianxo…-, depositados nalgún museo como o de Pontevedra- sen que se podan contemplar a maior parte deles- ou esquecidos nalgún centro galego da diáspora en América, Buenos Aires ou New York.

Tanto desleixo e incuria –con todos os perigos que representa mesmo para a súa conservación- perante semellante tesouro de experiencia e fermosura só se pode explicar por unha indisimulada propensión a reforzar a ignorancia, o desprezo e o descoñecemento sobre nós propios e a nosa historia. Nesta orientación actúa con perseveranza o poder político que hoxe padecemos, con graves conivencias dos poderes mediáticos, para seguir mantendo a submisión, e a indignidade necesaria que a lexitime, do noso pobo. Xustamente o que Castelao deostaba e combatía coa súa arte, actividade autónoma pero que formaba parte do seu compromiso social e político, inevitabelmente nacionalista. A tendencia a ocultar o noso, a desconsideralo contamina gravemente a sociedade galega, de forma que parece como se fose molesta a nosa existencia. Lembro con certo desacougo a campaña, amparada polo goberno bipartito na Xunta, e sufragada con diñeiro público loxicamente, sobre o que denominaban a secas recuperación da memoria histórica, a represión conseguinte ao alzamento militar fascista de 1936 na Galiza. Organizáronse moitos actos e actividades diversas, conforme aos criterios da correspondente comisión de expertos. Asistín a algún, coa exclusiva presenza da bandeira republicana española e ausencia clamorosa da bandeira galega. Axiña souben que era a norma, non a excepción. Nunca se empregaron tampouco, de forma directa, e moito menos se espallaron, as estampas dos albumes de Castelao, tan apropiadas para a ocasión. Funcionou á perfección a tendencia á ocultación, xustamente de quen se empregou a fondo para Galiza existir na España republicana e figurar na historia martirolóxica derivada da represión franquista, de consecuencias tanto ou máis graves na Galiza que en calquera outro territorio que vivise a confrontación social como confrontación bélica. Aquí non vivimos unha guerra civil, vivimos unha espantosa represión, indefensos, fronte a un alzamento militar.

,Nin Galicia mártir nin Atila en Galicia, as estampas de 1937, debuxadas por Castelao en Valencia, poden ser correctamente entendidas nin valoradas na súa intencionalidade, se non temos presente a angustia, tristeza e afán de denuncia e popularización, que movían Castelao, subliñando a indefensión do pobo galego perante a barbarie fascista –asasinados, encarcerados, fuxidos, deportados, expulsados dos seus traballos, roubados, escarnecidos, extorsionados e violados….Sobre esta situación, había unha certa tendencia á desconsideración na España republicana, por máis que chegaren informacións a través dos galegos que fuxían a zonas baixo o goberno da República. Pero eran recicladas sempre en clave persoal ou partidaria, o que non se facía cos bombardeos sobre Bilbao, Gernika, Madrid, Almería, Málaga ou Teruel, que se presentaban como exemplos de heroica resistencia do pobo e como mártires da barbarie desatada polos militares sublevados coa inestimábel e decisiva axuda dos exércitos de Hitler e Mussolini. Castelao puxo a súa arte ao servizo da causa do réxime legal e democrático pero fíxoo desde unha perspectiva galega, para chamar a atención sobre a verdade do que pasaba na Galiza. Estou por asegurar que se podería indicar o suceso, noticia ou información que está detrás de cada unha das súas estampas. Hai dúas que son meridianas. Unha, de Galicia mártir, inspírase, sen reducirse a el, ampliándoo polo seu valor simbólico, no asasinato de Alexandre Bóveda. Falamos de A derradeira leición do mestre, que ha duplicar, pasados case dez anos, nun extraordinario óleo de dous metros de alto e 1.36 de ancho, na distancia do exilio bonaerense. Alí permanece hoxe medio abandonado nun cuarto do Centro Galicia. A outra é Evasión, de Atila en Galicia. O 10 de xaneiro de 1937, o xornal Verdad de Valencia, favorábel á confluencia orgánica de socialistas e comunistas, publicaba unha información co seguinte titular:”Unos evadidos de La Coruña (sic) llegan al puerto de Gijón”. No corpo da información concretaba:” A las ocho de la mañana de ayer desembarcaron en el puerto de Gijón 23 nuevos evadidos de La Coruña (sic), que han hecho interesantes manifestaciones. Afirman que es tal el deseo de huir del infierno fascista en Galicia, que cuando se les ocurrió intentar esta evasión se vieron asediados por multitud de compañeros que les pedían sitio en la embarcación, aun reconociendo el riesgo que corrían de ser descubiertos (…) Una vez reanimados, dijeron que habían huído por no poder resistir los horrores de la represión, que en estos últimos tiempos recuerda las matanzas de los primeros días. Después de confirmar todo lo que sobre la sublevación en Galicia se ha ducho ya, incluso el fusilamiento del general Pita Caridad, de guarnición en La Coruña (sic), añadieron que la misma suerte había corrido el general Salcedo. Asimismo es rigurosamente exacto el intento de rebelión por parte del ejército de dicha capital. Por este motivo fueron fusilados 13 oficiales y gran número de soldados, a los pocos días de ser reprimida…”.

Castelao expresou artisticamente o horror represivo que se cebaba no pobo galego, o grande esquecido na historia da represión fascista após o golpe militar do 1936, entre outras causas por quedar desde o inicio baixo as poutas do exército sublevado, por ser a súa principal despensa de alimentos, materias primas e homes, alén da súa importancia estratéxica no Atlántico. Os militares sublevados sometérono a un terror implacábel para asegurarse a obediencia, o silencio dos mortos. Castelao, como sempre, esforzouse para o pobo galego existir na historia, conforme á dignidade coa que deben ser tratados os seus esforzos e sufrimentos. Non foi un capricho. Foi a resposta natural á tendencia, vivida como natural, a obviarnos e esquecernos. Nos últimos anos, e aínda hoxe, asistimos a non se sabe cantos actos sobre a memoria histórica (sic). Pode aparecer completada por adxectivos tan inadecuados como “democrática” ou “republicana”. Calquera cousa vale con tal de non aparecer a referencia ao país, á sociedade, ao pobo galego. Galiza e o xentilicio galego/galega parecen palabras prohibidas. Porén son as que dan conta máis exacta, e apropiada, sobre o obxecto e o suxeito desta memoria histórica, sen que padeza a diversidade ideolóxica e moito menos os seus protagonistas, e aínda menos se obvien as consecuencias para o presente e para o futuro.

Castelao teimaba sempre en Galiza non por fanatismo, nin por unha obsesión ideolóxica hipertrofiada, senón por necesidade perentoria do noso pobo existir, liberado da censura e da ocultación, esforzándose por devolverlle a dignidade e os seus dereitos.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.