Carola Rackete e as afogadas

Carola Rackete e as afogadas
"Carola, de 31 anos e capitá da embarcación humanitaria Sea-Watch foi detida esta fin de semana por dirixirse ao porto italiano de Lampedusa con 40 migrantes a bordo. Levaba 48 horas agardando unha autorización de desembarco que non chegaba e a situación a bordo agravábase a cadora que pasaba. Dous pasaxeiros enfermos tiveran que ser evacuados e o resto ameazaba con botarse á auga"

Foi esta noticia de hai uns días, unha máis sobre o desespero que as persoas simplemente humanas temos nesta xeira maldita da historia na que as afogadas, os mortos no mar, suceden cada día ante a frialdade horrorosa daqueles presidentes e presidentas dos chamados países democráticos de Occidente que non só o admiten sen que o seu corazón perda un segundo do seu ritmo (o que deixa morrer sen se mover é un asasino), senón que encarceran con todo o aparato represivo a quen quere atallar ese crime contra a humanidade. As preguntas móennos a cabeza axiña: é posíbel que os gobernos das sociedades máis avanzadas do mundo sexan quen de permitir milleiros de mortes de persoas en función dun suposto benestar da sociedade occidental? É necesario crime de tal magnitude para soster a evolución da humanidade? E é posíbel tamén que dun xeito ou outro, o que está sucedendo no Mediterráneo, sexa aceptado sen pestanexo algún pola maioría dos habitantes dos países que o permiten?

A Carola Rackete non é unha heroína, ou é unha heroína. Si é muller valente a altamente solidaria, certamente, e humana, e por iso arrisca a súa vida e o cárcere que os dignitarios occidentais (co seu exército xudicial por diante) que nos avergoñan máis cada día, lle poñen enriba. Gobernos capitaneados por un pallaso de nariz descomunal ensanguentado chamado Trump, afeitos a imperar nos distintos países do mundo, causa principal de que eses países empobrecidos, que non pobres, vivan nas peores condicións humanas, e o que é máis insufríbel aínda: vivan sen tan sequera poder avanzar na súa propia historia e evolución, porque coas bases militares occidentais, o apoio aos gobernos ditatoriais que os rexen (Arabia saudí é un tristísimo exemplo), empresas que zugan os seus produtos, bancos e delincuentes que os extorsionan... cun exército así, tan democrático el (comeza a indixestárseme esta palabra desposuída xa do seu significado orixinal) alleo, con outra cultura (a da rapina e o mando), é difícil a evolución ideolóxica e política das asoballadas-os. O terrorismo nace disto, e está en demasiadas ocasións apoiado e fornecido polo propio imperialismo.

Estamos afeitos a ver como se invade Irak, ou Siria, ou Ieme, ou Libia, ou Siria, ou practicamente toda Suramérica, ou como se asasinan os seus presidentes impunemente... ou como se acepta o exterminio dos palestinos por parte do sionismo israelí... tantas masacres, tantos centos de miles de seres humanos asasinados polos gobernos occidentais... Estamos, si, caladiños a maioría da xente e mesmo aplaudíndoo. Mais cando o terrorismo ataca coa súa incendiada carraxe calquera dos nosos países, alporizámonos e enchemos de berros as nosas rúas, pedindo mesmo a expulsión dos migrantes que aquí sobreviven. É xusta e ponderada a nosa actuación? É democrática?

Que facemos, pois, nós agora, cando milleiros de seres humanos foxen das guerras decretadas por Occidente outra vez, foxen da miseria que tamén os demócratas impoñen, do abuso e da anarquía que estes deixaron en tantos lugares, como Libia, un dos maiores escándalos de Occidente, despois de asasinar o seu presidente da man de pistoleiros enviados por aqueles (lembra, señora Merkel?). Quen puxo nos gobernos a un fenómeno extremo como Trump que é quen rexe os destinos do mundo, nada menos (un perturbado rexe os destinos do mundo, un perturbado), aos presidentes e presidentas europeos que mandan avións ou tanques ou barcos de guerra a Oriente con demasiada facilidade. Quen os coloca na poltrona? Daquela comezo a pensar (se penso cabalmente) que nós, o colectivo, a sociedade das distintas nacións occidentais, temos moito ou todo que ver de como andas as cousas por este mundo. "Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve", dicía Curros. Lembrades? (uf, dáme que tampouco coñecedes estes versos do grande poeta galego).

Non é difícil ver a solución a este estado da cuestión: Occidente asoballando Oriente, como nas infernais Cruzadas (infernais porque foron cousa do demo, señor papa de Roma, non?). Onde hai tanques e avións e barcos asasinos, ímolo mudar polo intercambio de produtos producidos polos distintos países en respecto á soberanía popular de cada un; onde haxa abusos ou desacordos ou inxustizas mudarémolo pola mesa e os cafés que animan a palabra, o diálogo (as guerras quedan prohibidas); quen queira impoñer unha cultura e idioma aos outros, curarémolo coas viaxes potenciadas dos cidadáns e cidadás para que coñezan os xeitos de vida diferentes e comproben así que os pobos non son quen queren as guerras e os abusos e tenden sempre á solidariedade e o intercambio das culturas (chámase PAZ, palabra tamén desintegrada hoxe). É dicir, a señora Hadiya fala cada semana coa señora Xoana, e visítanse todas as primaveras. Onde haxa un programa político debe aparecer a resposta que cada partido dá a este conflito e nós obrar en consecuencia. E deste xeito, os migrantes desaparecerán automaticamente do Mediterráneo e das mesmas fronteiras.

En fin... Por que dis que isto é difícil de conseguir? Tan pouca confianza tes nos teus amigos e amigas, compañeiros e compañeiras? Tan pouco cres na democracia e na soberanía? Tan pouco che interesa o teu futuro? Tan escraviño-a es xa de quen mandou e quere seguir mandando eternamente?

Se a Carola Rackete se desentendese deste crime contra a humanidade hoxe habería 40 afogadas e afogados máis na Sepultura Abismal do Mediterráneo (SAM). Non?