Autoorganización fronte o posibilismo e o autonomismo

Autoorganización fronte o posibilismo e o autonomismo

Ao longo dos xa máis de 100 anos de actuación política do nacionalismo galego a defensa do principio de autoorganización foi unha constante. Como nacionalistas, e mesmo como independentistas galegas, confiamos na capacidade da nosa nación para valerse por si mesma a todos os niveis, financeiro, económico, cultural, etc. Fica claro pois que tamén confiaremos na capacidade do noso povo para xerar instrumentos que loiten pola liberación nacional da Galiza, pola nosa soberanía.

Porén, ao longo deste século existiron tamén organizacións políticas que non entenderon este principio como vital para a loita de liberación nacional. Alén das organizacións estatais, existiron tamén partidos galegos que defenderon ao longo do tempo a unidade con elas de maneira táctica ou estratéxica. Representativas desta estratexia son organizacións coma Unidade Galega, que durante os anos 90 defendeu esa confluencia, ou a ORGA. O caso da ORGA é especial, pois no seu momento obtivo uns resultados electorais moito mellores que os do Partido Galeguista coa súa integración en Izquierda Republicana, partido da esquerda española dos anos 30, mais foi practicamente esquecida pola historia xa que o seu morno rexionalismo e autonomismo non mudou en absoluto o panorama galego do momento nin do futuro, valéndose dun posibilismo total.

Quen na actualidade fala da superación das antigas identidades de “españolismo-nacionalismo” (independentemente de que tamén adoitan partillar espazos con quen tamén nega a vixencia do eixo “dereita-esquerda”) e que en base a iso desenvolve a estratexia de crear espazos de confluencia orgánicos con outras forzas políticas estatais, non pode aspirar a nada máis que ao que a metrópole poida conceder, quedando pois nun autonomismo inútil para solucionar os problemas da nosa nación.

Este autonomismo quedou reflectido na campaña das Eleccións Galegas de setembro de 2016, na cal o candidato de En Marea constatou que non era necesario mudar o marco político para Galiza, senón que se se cumprisen as (ínfimas) competencias que están recollidas no Estatuto de Autonomía, xa sería suficiente para acadar unha vida mellor para o povo galego, isto non é máis ca unha mostra da comodidade que esta xente sente no sistema, que se conformaría cunha Xunta de Galiza que non fose gobernada polo PP e que non solucionaría os problemas estruturais do noso povo.

Que forzas que se autodenominan nacionalistas ou mesmo independentistas pulen por esta mestura a nivel estratéxio só responde a un posibilismo total. Temos que ter claro, pois, que isto non é unha cuestión puntual ou táctica, como pode ser confluír en plataformas sociais como poden ser Queremos Galego ou Nunca Máis, ou mesmo nunha única ocasión nunhas eleccións en forma de coalición. As organizacións que na actualidade están a desenvolver este papel no país levan xa décadas pulando por esta cuestión, dende os anos 70 afirmando que o povo galego non é quen de xerar instrumentos válidos para se liberar, e que polo tanto é necesario xuntarse para crear organizacións dende o ámbito político, xuvenil, estudantil ou sindical. Nese sentido estas forzas aspiran a un cambio de modelo do estado e polo tanto unicamente poden aspirar ao que do estado poidan conceder, e non a acadar a soberanía real do noso pobo, non son polo tanto máis ca autonomistas.

Perante isto, dende o nacionalismo galego temos clara a nosa estratexia e a nosa táctica. A autoorganización é un principio inquebrantábel da nosa práctica política, pois non existe absolutamente ningún país que conseguise a súa plena liberdade axudado por organizacións da metrópole e que defenden a súa integridade territorial. É por iso vital seguir a promover e reforzar o tecido social autoorganizado na Galiza, como única vía para acadar a independencia nacional, e polo tanto a nosa soberanía.