As imposturas da Xunta


Non teñamos a menor dúbida de a boa imaxe de que goza o Sr. Feixóo nos medios de comunicación españois devir do seu importante papel na anulación de Galiza, como pobo ou nación diferenciada dentro do Estado. A consideración interna está condicionada por unha blindaxe mediática da súa persoa e da súa política, un farallón contra o cal a oposición, mesmo a máis incisiva e ben orientada, como a nacionalista, non ten a suficiente potencia. Sen dúbida hai varias causas que colaboran a unha certa incapacidade para desvendar as fraudes, imposturas e falta de escrúpulos para mentir que caracterizan as actitudes e as políticas que emanan da Xunta de Feixóo.

Para alén da devandita blindaxe mediática, que o fai impune e como consecuencia consciente de poder manipular todo ao seu antollo, hai imposturas que, na denuncia política pública, non se desvendan coa intensidade, persistencia e convicción que se debese. E iso que están, moitas veces, relacionadas coa política económica, isto é, co que moitos gostan de cualificar como “cousas de comer”, cunha consideración superior ou máis relevante e práctica, diferenciándoas así, con falsa conciencia da realidade, das que entrarían dentro do cualificativo “reivindicacións políticas”. Por desgraza, esta dicotomía falsa ten atinxido a maioría da sociedade galega, de calquera condición ideolóxica. Explica, entre outros motivos, por que hai escasa pulsión entre nós para reclamar outro status político para Galiza, saíndo desta cativa autonomía, dentro da cal é imposíbel enfrontar os problemas estruturais da nosa sociedade. Resulta máis cómodo crer que só temos un problema de mala xestión, máis do que acreditar que temos tamén un grave problema de competencia, de valernos por nós, de responsabilidade, de deseño político propio, ao servizo do pobo galego.

O contributo da Xunta e o seu actual mandatario á anulación de Galiza como nación con vontade política, interesada e capaz de se responsabilizar de si mesma, como unha necesidade imperiosa para mudar a súa situación, vai parello ás súas decisións como xestores materiais, prácticos, do ente autonómico, en nome do cal Feixóo actúa como presidente. Moi eficaz para os intereses que, en verdade, moven a súa política, a permanencia dun Estado español de nación única e políticas centralizadas e o servizo aos sectores do capitalismo oligárquico que lle serven de fundamento. Naturalmente, en contraposición, totalmente ineficaz e negativo na defensa dos intereses da maioría do pobo galego, ao que, na súa especificidade, contempla só como un residuo co que pode facer as demagoxias e apropiacións indebidas que desexar. Xa o sentenciou así con estas palabras: “O PP é un partido de banda ancha”. Xa sabemos a impostura: máis españois que ninguén e adictos ao xarope “galeguista” para confusión de incautos, só en momentos precisos e oportunos, sen custes, e con ánimo depredador e manipulador. Entre un sistema educativo anémico respecto da realidade histórica, cultural, social, e material do país, e unha dinámica social perturbada por axentes ao servizo de calquera cousa menos de nós mesmos, todo vale: pobre Castelao! Pobres nós! Canto aldraxe!

Hai uns días coñecemos, pois foi anunciado con certa fachenda, que, dentro do modelo que Feixóo bautizou de “crecemento san”, con xerga médico-puritana que agocha unha perversa inversión da realidade, a Xunta “volverá a emitir deuda para financiarse en los mercados”. De aí que solicitase “permiso al Estado para colocar 400 millones en bonos”. O comunicado de xustificación da propia Xunta, que os medios sintetizaron, é un modelo de cinismo sen cancelas, pondo ao descuberto as súas imposturas demagóxicas dos últimos anos en relación co financiamento autonómico. Ese financiamento do que aquí nunca se fala, como á espera do que España dite, malia del depender a sanidade, o ensino, os servizos sociais…esas “cousas de comer” que tanto parecen preocupar. En ton beatífico lémbranos a Xunta que “hasta hace cinco años Galicia se ha estado financiando con normalidad en los mercados financieros”. Isto quere dicir que se estivo endebedando coa banca para poder manter esas “cousas de comer”. Logo, “pasó a recurrir al Fondo de Facilidad Financiera, uno de los mecanismos del Fondo de Financiación de las Comunidades Autónomas”. Non sabemos por que non o fixo antes, pois era en mellores condicións que no mercado. E agora, coa súa lóxica eufemística, anúncianos unha feliz nova: “…durante el último lustro el Fondo estatal ofrecía mejores condiciones que el mercado. Sin embargo, actualmente la diferencia es menor por lo que la Xunta ha decidido regresar a los mercados de deuda” (son palabras literais). Se ofrecía o Fondo estatal mellores condicións, por que non foi a esta forma de financiamento desde o comezo? Por que deixa de ir agora se as diferenzas, aínda sendo menores, existen?

Vexamos que consecuencias tivo que a Xunta se financiase durante cinco anos “con normalidad” nos mercados financeiros, recorrendo só a partir de 2015 ao Fondo de Financiamento estatal. O resultado foi o seguinte, segundo dados do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Concedéronse, desde 2012 a 2017, entre as comunidades autónomas solicitantes, a través de mecanismos adicionais de financiamento, 232.000 millóns de euros. Desta cantidade, Galiza ,por causa de non recorrer a estes mecanismos de financiamento estatais durante tres anos (preferiu ir a se endebedar na Banca e facer unha política de recortes de gasto brutais, alén de facer anticatalanismo), levou 6976 millóns de euros (o 3% do total). En contraste, Andalucía, 35.000 millóns (15%); Catalunya, 71.000 millóns (31%); València, 53.000 millóns (23%); Castilla-La Mancha, 14.734 millóns (6.34%); Murcia, 9664 millóns (4.16%)…E non queda aquí. Estes mecanismos significaron en aforro, en relacións ás condicións do mercado, cantidades substanciosas. Para Andalucía, un aforro de 7678 millóns de euros (15%); para Catalunya, 20.000 millóns de euros (39%); para València, 12.174 millóns (23%); para Castilla-La Mancha, 3884 millóns (7.50%) e para Murcia, 2238 (4.30%)….E para Galiza? Por decisión consciente, chea de irresponsabilidade e burla do pobo galego, da Xunta e do seu Presidente Feixóo, significou un aforro de 286 millóns (o 0. 55%). Que eficacia gobernativa! Para correlos a paus!

Por que agora, após recoñecer que hai diferenza, aínda que menos que antes, entre recorrer ao financiamento estatal ou ao mercado, apostan por nos endebedaren neste? Pois porque a Banca é protectora e fundamento da orde estabelecida, que a Xunta e Feixóo defenden, e debe favorecerse o seu negocio. Un dos alicerces da España unha. Van buscar diñeiro a un prezo máis alto que o que aínda ofrece o propio Estado, que é quen promove, polo demais, tamén a volta ao mercado. E non o fan porque devezan por se desfacer da tutela e control do Estado español, que aínda reclaman en maior magnitude para as comunidades autónomas. Até rexeitan aspirar a que Galiza conte con máis competencias dentro do marco autonómico actual. Estamos ben así, para que ter máis aspiracións?

Desde logo, Feixóo é un político tan indolente con Galiza como sicario de España. E iso significa que se comporta como un cínico impostor coas nosas “cousas de comer”. Dando aparencia de protexelas, ponas ao servizo dos que negocian con elas sen rubor, escrúpulos nin conciencia.