As dereitas, seus inimigos e procedementos

As dereitas, seus inimigos e procedementos
En toda competición sempre ten que haber un adversario ao que hai que vencer. Pero moitas veces non se compite nobremente senón facendo trampa. No deporte sabemos que algúns conseguen éxitos empregando o doping ou amañando as competicións. Na política, que debería basearse no contraste das ideas, na exposición das propostas para resolver os problemas que afectan ao cidadán, ao que se di que se vai servir, e na visión que cada partido ten do seu papel nunha sociedade democrática, tamén se utiliza o doping, financiándose ilegalmente; empregando a mentira no discurso, terxiversando o que se di que dixo o opoñente; inxuriando, facendo acusacións falsas e xutificando a contradicción, facendo bandeira dela cando lle convén aquelo que criticaba no adversario. Estes defectos son hoxe comúns a maioría dos partidos políticos, tretas destinadas á masa acrítica, pouco informada ou moi militante pero que molesta aos que teñen un concepto máis racional do que debe ser a política.

Os inimigos de España no pasado

A dereita española non se conforma con ter un adversario necesita tamén ter un inimigo ao que endosar todos os males e perigos que supoñen ameazan á patria que patrimonializan e ao mesmo tempo xustificar determinadas medidas que aspiran a implantar, polo xeral represivas, que diminúen os dereitos cidadáns.

Na dictadura de Franco os inimigos de España eran o comunismo, o xudaísmo e a masonería. Era un clásico no discurso franquista o contubernio xudeo-.masónico responsable de lanzar contra España a tres inimigos poderosos: o separatismo, que ía contra a grandeza da patria; o laicismo, que negaba a Cristo, e o comunismo, condenado polo papa Pío XI na súa encíclica Divini Redemptoris. Morto Franco, fíxose legal o Partido Comunista e nunca máis se volveu a falar do célebre trío.

O PP, e agora as outras dúas dereitas, utilizaron a ETA como ariete contra dos gobernos socialistas por tentar negociar a súa desaparición, un deber de Estado para calquera político responsable, como intentaron eles cando gobernaron. Este espantallo aínda o sacaron a pasear nas eleccións do 26 de abril, e volvérono a retomar agora con motivo de facerse públicas as actas das negociacións feitas durante o mandato de Zapatero.

Unha nova triloxía no presente

Desaparecida ETA agora falan dos que chaman "sus amigos", pero a maiores había que crear outro inimigo de xeito que o PP colaborou moi efectivamente a conseguilo recorrendo no Tribunal Constitucional e saíndo á rúa a recoller sinaturas contra o fracasado Estatut d´autonomia de Catalunya. Da noite para a mañá os que foron en varias ocasións o seus socios de goberno, pasaron a ser "los independentistas", e polo mesmo socios non recomendables.

Así que os inimigos de España agora seguen sendo tamén unha triloxía: os comunistas, representados en Podemos, que queren que España sexa como Venezuela; os independentistas, representados polo PNV; Bildu "los amigos de ETA", e os partidos cataláns Esquerra Republicana, Junts per Catalunya e a CUP, e o terceiro pé Pedro Sánchez, aliado con todos eles como vende patrias. Afortunadamente os resultados electorais do 26 de abril evidencia que a maior parte do electorado ten unha visión bastante diferente deste discurso.

Que goberne a lista máis votada

Despois do desastre resulta patético ver aos dirixentes do PP sorrindo e facendo a V cos dedos porque recuperaron o concello de Madrid e conservan o goberno da comunidade coaligados con Ciudadanos e Vox. Agora válelles o que eles chamaban "pacto de perdedores". O mantra repetido hai catro anos cando o PP comezaba a declinar e perdía concellos e autonomías por non ter maioría e con quen conseguila, era que tiña que gobernar a lista máis votada porque segundo eles era o máis democrático. Pero cando nas eleccións andaluzas viron que podían sumar as tres dereitas, non deixaron que gobernase a lista do PSOE que conseguiu máis votos, e fixeron o que antes criticaron, metéronse nos despachos a negociar unha maioría. Pero Feijoo, vendo o que lle pode pasar aquí nas autonómicas, non se quixo decatar do cambio e seguiu recitando o mantra para ver se había parvos que lle regalasen as deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra, conservan a de Ourense grazas a un acordo esperpéntico. Entréganlle a alcaldía a un histriónico, facéndolle un feo aos ourensáns e ao que foi alcalde, e cando tiñan a oportunidade de liquidar o baltarismo en aras da cacarexada rexeneración o que fan e mantelo polo temor de perder a colaboración dos alcaldes que lles carretan os votos.

E como había que buscar unha xustificación puxeron como pretexto que propuxeran un cambio na lexislación e como os outros partidos o rexeitaron, daban por bo o procedemento, que hai que dicir que é o legal e máis democrático porque representa a un maior número de votantes. Pero seis meses despois volven a recuperar "que gobierne la lista máis votada", pero sempre que sexa a deles, se é a doutros xa non vale.

En Andalucía a coartada foi que había que retirar ao PSOE despois de 40 anos, pero el Castilla León Ciudadanos permite que siga o PP que leva outros 40. Cando o PP non tiña maioría Pablo Casado, daquela voceiro, pedíalle a abstención ao PSOE para que presidise Rajoy o Goberno,e poñía como exemplo que si en algún momento o PSOE estivese na mesma situación eles faríano. Chegou o momento e agora, sendo presidente do PP, dille a Sánchez que se esforce en conseguir os apoios para evitar novas eleccións, pero por outra parte critica que reciba os votos "de los independentistas y de los amigos de ETA", que é o que no fondo desexa que faga para estar con ese mantra catro anos. Ciudadanos pidelle ao PSOE que se absteña na votación para a elección da aspirante a presidir a comunidade de Madrid, pero ao mesmo tempo deixa claro que non contribuirá á investidura de Sánchez.Estamos ante o trunfo da comenencia e do absurdo.

A calidade dos políticos e da nosa democracia

E así imos os vellos vendo este esperpento do que son actores os novos lideres políticos, ao meu parecer os peores da historia da democracia. Para eles o importante non son os intereses do pobo ao que din servir, senón o persoal e o do partido. Vexamos dous exemplos.

A min cáusame estupor que poda presidir a Comunidade de Madrid unha señora como Isabel Díaz Ayuso, non porque sexa muller ou do PP, senón pola súas bisoñadas e porque fronte a o outro candidato con posibilidades, Ángel Gabilondo, non hai cor.

O outro caso é autóctono. O que foi alcalde de Baralla (Lugo) durante 32 anos, Manuel Jesús González Capón, renovou o cargo con maioría absoluta co PP. O alcalde tiña unha enfermidade terminal, tomou posesión o 15 de xuño e renunciou tres días antes de morrer. No número tres da súa candidatura ía seu fillo Miguel González Piñeiro que o sucedeu como alcalde. Repítese o episodio do baltarismo e o PP transixe porque o único que lle interesa é que lle carreten votos. O rapaz ten todo o dereito de participar en política e de ser alcalde do seu pobo, pero as formas deberíanse gardar por iso de que "a muller do César non só debe ser honrada senón parecelo". Sería máis elegante que estivese a lexislatura como concelleiro e para as próximas eleccións a xunta local facía a proposta como candidato e santas pascuas. A herdanza de cargos públicos non son o mellor exemplo para ver a calidade da nosa democracia. Pero hai que resignarse porque o sistema e así e algúns cidadáns bendicen estes procedementos cos seus votos.