As cicatrices do Prestige: I. As aves

As cicatrices do Prestige: I. As aves

Levabamos xa varios días de temporal, co tempo arrefriando, con chuvia e vento incesantes. Tamén varios días sen luz en toda a parroquia, polo que a situación era bastante desesperada ata para facer de comer naquel mércores de novembro.

A primeira hora da tarde un patrón comunícanos, a través do teléfono de emerxencias da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA , que está oíndo unha alerta pola radio costeira: un petroleiro con dificultades a máis de 20 millas. As novas do día seguinte non foron mellores e o petroleiro adquiriu nome ao poder lerllo a xente, na propia proa do barco, dende a costa de Muxía. Entón comezou un verdadeiro caos de informacións cruzadas.

Estas son as primeiras lembranzas do 13 e o 14 de novembro de 2002, a chegada do Prestige ás nosas vidas.

Mentres agardaba o retorno da enerxía eléctrica, que durou cinco días, atendiamos continuamente ás novas da radio e da prensa, tamén ás alertas do teléfono de emerxencias avisando das tartarugas e mamíferos mariños varados. A xente comezou acudir á costa por ver se chegaba fuel, como así foi dende Fisterra a Caión, e comezaron detectarse as primeiras aves mariñas petroleadas e os primeiros golfiños varados.

O día 16 saímos cara a Cee para poder inspeccionar as praias de Fisterra dende primeira hora do día seguinte, xa se empezaban a organizar patrullas de voluntariado para asistir ás aves mariñas e canalizar os exemplares cara aos centros de recuperación. As praias estaban esplendorosamente cheirentas, o bafo do fuel saturaba o ambiente e de súpeto moitas persoas alérxicas descubriron que non podían achegarse a menos de 50 metros, pois activábanse os seus mecanismos alerxénicos de autodefensa impedíndolles vivir. Outras descubriron que eran alérxicas nese mesmo instante.

Naquel día atopamos varios araos mortos e só unha femia viva de parrulo pentumeiro común (Melanitta nigra), un pato mergullador mariño, na praia de Estorde. A golpes saía da auga, tiña o frío calado ata os osos porque o fuel que impregnaba as súas plumas destruía a súa impermeabilidade. Na praia aínda tiña forza para correr, dando lugar a unha breve persecución a todo meter. Noutras circunstancias non o teriamos collido, mais, enchoupado de fuel como estaba recollémolo e dirixímolo cara o centro de recuperación coa axuda da patrulla de Medio Ambiente.

A CEMMA organizou o seu voluntariado en apoio das actividades de seguimento e limpeza en diversas partes de Galiza, sobre todo dedicou unha persoa, case exclusivamente, ao centro de recollida provisional de Gondomar, lugar que recibía as aves afectadas procedentes do Baixo Miño e Val Miñor e, tras unha atención mínima, enviábaas á unidade de recuperación de Pontevedra, instalada na base do Campiño.

Os informes da SEO indican que dende a vertedura do Prestige recolléronse nas costas atlánticas entre Portugal e Francia un total de 23.181 aves pertencentes a máis de 90 especies diferentes, 17.061 delas xa mortas e 6.120 vivas, das que se conseguiu liberar 604 exemplares correspondentes a 33 especies, o10%. A metade desas aves apareceron na costa galega, mais todas elas, tamén as recollidas fóra de Galiza, eran vítimas do Prestige. A maioría eran araos (arao dos cons, Uria aalge e arao romeiro ou carolo, Alca torda) e mascatos, Morus bassanus. As ondadas das mareas e a presenza de chapapote aboiando sen control polo mar abaixo fixo que a afección ás aves fose unha agonía demasiado longa.
Durante aqueles momentos, diante das aves mortas ou baixo a fuxidía mirada dos araos doentes, só tiñamos unha idea fixa na cabeza: faremos o que poidamos pola fauna, mais, os responsables teñen que pagar máis cedo que tarde.