Arrogante e provocador, o presidente
A ditadura imposta polas armas no 36 caeu sobre todo pola loita heroica que a xente nacionalista e de esquerdas mantivo desde a chamada Guerra Civil. E pola corrupción e esgotamento dun sistema que xa non se podía soster. Franco morreu na cama, con todo, sen o xuízo por crimes de guerra e exterminio que merecía. De resultas, os seus servidores, os fascistas, pactaron unha nova situación política con quen foron vítimas durante corenta anos. Fundaron un partido, Alianza Popular que herdou a infraestrutura institucional incólume xa para sempre e que xogou, desde o principio da democracia, con todas as bazas. AP, despois, mudou de nome, mantendo até hoxe o de Partido Popular (PP).
Desta historia veñen os fascistas de antes e os conservadores de agora que non son quen de se desfacer deses tics autoritarios que herdaron. E de aí vén o partido máis corrupto de Europa que é quen de destruír as probas máis contundentes que o delatan e mesmo mudar as persoas que os xulgan. De aí vén a idea fascista, polo tanto antidemocrática, da España Una, Grande e Libre, que segue sen variar na súa ideoloxía despois de corenta anos de democracia. A sagrada Constitución sanciona, castiga os idiomas e as nacións que non sexan os desa trindade, e impón a economía libre de mercado como única fórmula de desenvolvemento. Por suposto que enumera algúns dos dereitos democráticos, mais só no papel, sen afirmalos na práctica que sería necesaria; como magno exemplo, o roubo e expulsión forzada da súa casa da xente desafiuzada e sen que a lei o impida.
Desta historia vén tamén o señor Freixó. Con nove anos de goberno baixo estes principios, aí temos o seu legado: un país empobrecido que agoniza día a día no noso agro e se desespera con centos de miles de parados ou máis dun cento de milleiros de mozo e mozas navegando na emigración, como facían os nosos pais e avós. Hoxe hai miles de aldeas deshabitadas, moitas delas postas á venda. A poboación está avellentada até a alarma. Galiza segue perdendo miles de habitantes cada ano. E eses vellos e vellas que morren nos pisos e casas rurais na soidade máis cruel. Uns produtos nosos, colectivos, que enriquecen as transnacionais e os intermediarios e pagamos dobremente os galegos e galegas, como son a enerxía, minaría ou explotacións leiteiras. Un paro endémico que non colle só aos que non teñen un posto de traballo, senón os moitísimos que o teñen por horas contadas con salarios de riso, e que á altura mediada da súa vida non poden vivir independentes nun piso, ou comer convenientemente, ou combater as enfermidades. Son os novos escravos das democracias controladas do século XXI.
E a nosa sanidade, señor Freixó, a mellor de Europa, seica, que trampea co número das listaxes de espera facendo malabarismos matemáticos para demostrar o indemostrábel. Agardamos até un ano para facer unha simple proba. E se temos moita dor ou urxencia de intervención cirúrxica, mándannos á privada. Mais o malo xa non é isto, senón a arrogancia que lle pon vostede para contarnos o ben que vai a vida grazas á súa señoría. Ou na cruzada que mantén contra o noso idioma que foi quen até de prohibilo nas materias educativas de tipo científico e que o expulsou da mesma mocidade. Acósao por inercia, coa filosofía de deixalo ir amodo até a inanición, a mellor forma de morte asegurada. Acósao por falta de uso naqueles actos que, como presidente do goberno galego, estaría obrigado a respectar, burlándose arrogantemente da súa oficialidade. Acósao como ás competencias que mesmo no Estatuto de Autonomía nos corresponden e que vostede ten conxeladas á mantenta, cos prexuízos económicos que aos galegos e galegas sufrimos. Até hoxe, non ten solicitado nin unha soa competencia das que están fixadas ou reivindicamos.
E a súa arma fundamental para se manter no poder: a RTVG. Utilízaa como unha metralladora que mata as diferencias ideolóxicas e nos empapa da súa en exclusiva a través dos telexornais ou noticiarios radiofónicos ao estilo dos NO-DO e os Partes franquistas. A CRTVG, caverna onde os amigos seus do partido son quen campan ás súas anchas avinagrándonos cada día o caldo, cobrando os cartos nosos e controlando até cada palabra ou imaxe que pode saír. É tan escandaloso que até os propios traballadores-as teñen que manter unha longa folga pedindo dereitos, aplicacións de leis das que se burla e negándose a seguir a manipulación que vostede impón. Até é quen, coa arrogancia que o caracteriza, de quitar carnés de xornalistas a quen lle pregunta o que vostede non quere ouvir. Fainos tan pobres aos galegos e galegas que até nos rouba o dereito de ver ou escoitar o único medio de comunicación que temos no noso idioma.
Son consciente de que máis que a ideoloxía que o guía, é a ambición quen o cega. O malo dos políticos profesionais é que non traballan para servir ao colectivo, senón para eles mesmos. Son os que se meten nos partidos con moito poder e están dispostos ao que sexa con tal de medrar. No seu caso na Corte madrileña. Por iso é quen de se someter, antes que á Presidencia da Xunta de Galiza, ao seu partido españolísimo, a ver se así chega, á fin, á outra presidencia, a do Goberno Español.
Por todo iso e outras cousas de igual calibre, señor Freixó, resultou unha provocación digna do ser máis miserábel poñerse no seu deplorábel panfleto de fin de ano (españolísimo e cheo de mentiras e terxiversacións tamén) e coa súa arrogancia característica, diante do cadro que Castelao, nacionalista galego, pintou no exilio, xa case sen vista: A derradeira lección do mestre. Castelao, autor do Sempre en Galiza, libro prohibido onte e silenciado hoxe, por cuxa mensaxe levamos loitando nós toda a vida, non vostede. Castelao tivo que fuxir de Galiza para que os fascistas criminais non o asasinasen, e nese cadro non é un mestre de escola o que está no chan despois de ser fusilado polos falanxistas, senón Alexandre Bóveda, o grande economista que estudara, xunto con outros nacionalistas, as medidas económicas para unha Galiza soberana. O asasinado por defender a súa ideoloxía democrática fronte á barbarie (que faría vostede nunha situación semellante?), estalle dicindo as últimas palabras a dous nenos, co sangue derramado estalles transmitindo a semente da idea para que esta siga viva. Idea, ideoloxía nacionalista que vostede, señor Freixó, combate con todas as forzas cada día. E non se pode desvirtuar covardemente o simbolismo do cadro dicindo que é unha homenaxe aos mestres.
Señor Freixó, sei moi ben que está sentado na poltrona polos votos que a xente lle deu. Xa falei das armas que poden derivar na confusión e na falta de datos e aclaracións cando se oe só a mesma leria a todas horas. E que vostede ten como obxectivo aproveitar esa confianza para medrar persoalmente en Madrid a cambio de traizoar os dereitos que como galegos e galegas nos corresponden. Pero despois do que acaba de facer con Castelao e Bóveda, por respecto aos mártires que deron a vida pola democracia e a nación galega, DIMITA. DIMITA se lle queda algo de dignidade e de respecto polos outros, polas outras. Só así poderá limpar a mancha que sobre ese país ideal polo que tantos milleiros de persoas loitamos, cuspiu vostede dese xeito, ademais, arrogante e provocador. DIMITA.