Alfredo Brañas, un inconformista clarividente

Alfredo Brañas, un inconformista clarividente

A imaxe e valoración de Brañas e a súa obra distan moito de corresponder ao que foi a súa vida real e o contido e intención da súa obra. Abafada pola consideración de ter sido un católico fervente e un tradicionalista impertérrito, ou sexa, un reaccionario, como consecuencia de análises con lentes que agrandaron aspectos reais, pero accidentais, mentres desconsideraron cuestións substanciais, merece unha revisión que nos faga ver o seu inconformismo na práctica e a súa clarividencia na forma de tratar cuestións que aínda hoxe son de grande vixencia. Desde logo, Alfredo Brañas é un elo fundamental no pensamento e na acción da traxectoria do nacionalismo galego, por moito que unha terminoloxía eufemística escureza consideralo así, aínda que empregou o adxectivo nacionalista tamén. Precisamente, e iso é o substancial, non a forma de denominar publicamente o movemento que encabezou e que o tiña por principal teórico e organizador, non dubidaba de a Galiza, como Catalunya, seren nacionalidades ou nacións naturais e teren dereito a decidir con absoluta independencia respecto dos seus problemas. Nunha palabra, era un federalista histórico, xenuíno, que aspiraba a que Galiza, como tal pobo distinto, manifestase a través da vontade política colectiva o seu dereito a gobernarse, en ben das súas clases traballadoras. En lóxica consecuencia, o seu programa económico, facendístico, para Galiza consistía nun concerto (sic) e nun cupo ou achega, que a dotase de soberanía fiscal, ao tempo que formaba parte dun Estado plurinacional. Algo similar á Euskadi de hoxe ou á Nafarroa de onte e hoxe.

Aliás, deixaremos para outra ocasión este aspecto das súas propostas económicas e políticas, a maioría sen amparo posíbel na actual Constitución española, e que son profanación e Vade retro, Satana! para o españolismo na Galiza, e de difícil e custosa asunción polo actual nacionalismo por causa dun certo complexo e covardía para combater a falacia, a ficción, de que non podemos e vivimos de España. Limitémonos por agora a sinalar algunhas das súas posicións públicas, como botón de mostra do seu inconformismo, en cuestións políticas conflitivas que, no contexto finisecular do XIX, axitaron a vida do Estado español. Alfredo Brañas saíu en defensa de Salmerón cando berrou “¡Viva a República!” nunha sesión do Congreso con presenza do Rei, argumentando que non debía ser considerado subversivo, “ni ser penable con arreglo al Código Penal”. Fíxoo nun artigo publicado na Renaixensa o 20 de decembro de 1892, atacando os monárquicos pola súa posición nesta cuestión, malia non comulgar ideoloxicamente nin co político republicano nin co seu partido. Como agora cos políticos cataláns, xustificábase o acoso e a hostilidade contra Salmerón no feito de ter xurado fidelidade e obediencia ao rei lexítimo, e prometido polo seu honor gardar e facer gardar a Constitución da monarquía española. Por todos os medios e argumentos buscábase aplicarlle o Código Penal de entón. Se non era o artigo 273, que castigaba a rebelión ou sedición e a alteración da orde pública, tiña que ser o artigo 182, como castigo dun delito contra a forma de goberno, tal e como defendía Jaime Trabal (La Dinastía, 23, decembro, 1892), intentando descualificar a posición de Brañas. Este consideraba o acto de Salmerón un acto de valor cívico. Causa hilaridade se non fose algo moi actual e triste, comprobar como o matiz que Trabal considera que o fai puníbel é que o seu berro foi contestado con outro ¡Viva! pola minoría republicana. Só se así non for, podería non haber castigo, argumentaba, pois non tería habido infracción da lei, segundo el, se ben entón “no se libraría el Sr. Salmerón de haber incurrido en el mayor de los ridículos” (ibidem). Polo tanto, non había escapatoria, ou feito puníbel ou “gaminerie (infantilismo) impropia de un hombre que tiene pretensiones de político grave”.

Como se ve, a posición de Brañas, ao que se consideraba na prensa madrileña e, sobre todo, na catalá, “distinguido” e “docto” catedrático, preocupaba nos medios monárquicos, do réxime. Tal consideración intelectual chegaba a admiración total nos ambientes catalanistas. Así, foi designado para formar parte do consistorio dos Xogos Florais de 1893, ano en que se celebraba o centenario da súa restauración. Libros seus foron publicados en Catalunya, como El regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario. En contraste, o seu rexionalismo era considerado un larvado perigo na Corte de España, como se pode comprobar no comentario a este libro que aparece en La Época (22, xuño, 1892). A participación de Brañas nos Xogos Florais de Barcelona en 1893 foi conflitiva. Bugarda Juliá explica o que considera a verdade do acontecido nun artigo en La Unión Católica (18, maio, 1893), cabreado polo uso que fixeran, segundo el, os xornais progresistas para atacar o prelado de Vich, Josep Morgades i Gili. Recoñece que o xeneral Martínez Campos se sentira molesto no acto de celebración dos Xogos, pero non por causa do discurso de Morgades. A causa foi “por ciertos conceptos, más o menos atrevidos, que vertió el catedrático de Santiago Don Alfredo Brañas, en el discurso de gracias que le estaba encomendado” (ibidem). Martínez Campos manifestou malestar mentres Brañas o lía por causa de análises e propostas que consideraba separatistas ou cantonalistas. A prensa madrileña transferira a irritación de Martínez Campos contra Morgades con afán de atacalo. Un xornal da Corte, El Día (8, maio, 1893) é máis claro. Indicaba que, após o discurso de Brañas, o Xeneral expresou o seu desgosto ao bispo de Vic en relación coas “esaxeracións rexionalistas” que tiña ouvido, reaccionando o público con berros de “¡Viva Catalunya!” contra a inxerencia militar, optando por se retirar Martínez Campos, “visiblemente contrariado”. O xornal opinaba, en contra do criterio doutros colegas madrileños, que non era prudente darlle ao incidente tal alcance e importancia.


Malia a cuestión lingüística ser unha das máis problemáticas de asumir na práctica, non se lle escapou a Brañas a súa importancia. Por exemplo, o 27 de xaneiro de 1900, El Correo Español publicaba o artigo de Brañas “Las lenguas regionales”. Refírese á algarada, especialmente dos progresistas, armada tanto no Congreso como no Senado, por causa da postoral do bispo de Vich, o Sr. Morgades, de quen Brañas se tiña por correlixionario e amigo. A progresía bramou, sobre todo, por o catalán ser denominado na pastoral “lingua” e non “dialecto”, alén de considerar que atentaba contra o uso do castelán. Após aclarar o que se pode entender por dialecto, Brañas constata que hai tres linguas e tres literaturas románicas na Península, castelán, galaico-portugués e catalano-provenzal. E explica que “razones políticas y sociales han dado al castellano carácter oficial, pero no le hicieron expresión única de la nacionalidad o, mejor dicho, del Estado español” (ibidem). E, en consecuencia, conclúe (nesta cuestión si, dentro da actual ortodoxia da Constitución española, tan compensatoria como falsa e idealista; xa vedes, que vella!) que o vasco, o galego e o catalán son “lenguas tan españolas como la castellana” (ibidem), acusando os liberais de querer impor a lingua “como (o Estado) impone los tributos y dicta las leyes con uniformidad avasalladora y criterio igualitario (no sentido de única, igual para todos, aclaramos nós) e injusto” (ibidem).

Co gallo da morte de Alfredo Brañas, a unha idade onde aínda cabía esperar moito del, El Correo Español (28, novembro, 1900) subliña que, por mor duns artigos publicados nese xornal sobre o rexionalismo, nun momento de censura militar, fora denunciado, e procesado, “por los caciques gallegos que lo odiaban ferozmente y que andaban buscando un pretexto para separarle de su cátedra” (ibidem). Nunca foi Brañas un acomodaticio. Era un home de pensamento e, cousa rara nas elites intelectuais, tamén un home de organización e acción. Non sei cal vai ser o plan do concello de Carballo para velar polo coidado e espallamento da parte do legado humano, intelectual e político de Alfredo Brañas que lle foi cedido. Esperamos e desexamos que contribúa a unha valoración máis xusta, equilibrada e verdadeira da súa dimensión en todas as ordes, e especialmente da súa grande contribución para dotar Galiza de conciencia e vontade política sobre si mesma.