Adán e Eva de novo na escola

Adán e Eva de novo na escola

Un dos vicios que adoitan ter os partidos que alcanzan maiorías absolutas que lles permite gobernar sen depender doutros, é non buscar o consenso cos demais en cuestións que tamén afectan aos que non lles votaron, que son máis dos que o fixeron. É un grave erro facer política ou lexislar só para unha parte do propio electorado, pois moitas veces non todos os votantes dun partido están de acordo co contido desas leis, o que acaba pasando factura, e os partidos que rexeitaron a norma no parlamento fan promesa de modificala cando gobernen, o que fai que normas básicas, como é una Lei de Educación, se estean modificando constantemente prexudicando ao alumnado e ao profesorado.

A volta da relixión católica ás aulas non é unha boa noticia nun Estado que se di laico, mais ben é a evidencia do fracaso colectivo da xerarquía eclesiástica española, que segue sen facer autocrítica da súa política doutrinal, que polo seu inmobilismo, froito tamén da súa propia formación, actitudes e contradicións, foi incapaz de manter xunto a ela aos seus fieis e de aumentar as vocacións para o sacerdocio.

A catequese, que se debería dar na familia e na parroquia, agora é delegada no ámbito escolar, pensando que así van recuperar adeptos, o que considero ilusorio, porque cando os estudantes maduren, razoen, pensen autonomamente e se atopen coa realidade, como me pasou a min, daranse conta de que os enganaron, pero co inconveniente de que antes de chegar a esa conclusión terán que soportar moitos problemas de conciencia, porque hoxe, ante a dúbida, xa non basta dicir que é "unha cuestión de fe".

A confusa laicidade do Estado


As tres cuartas partes dos españois decláranse católicos, e a outra cuarta pertencen os que profesan outras crenzas relixiosas, e os que son agnósticos ou indiferentes. Pero dos católicos só unha cuarta parte din ser practicantes. Este feito e o da falta de vocación para o sacerdocio é unha proba evidente do fracaso da política relixiosa desenvolvida pola xerarquía eclesiástica, ou se queren, pola Conferencia Episcopal Española. Pero os bispos non se inmutan nin son capaces de facer autocrítica, pescudar porque a sociedade actual lles da as costas, ao contrario, procuran trasladar a outros as culpas dos seus fracasos, das súas deficiencias, carencias e erros a través de solemnes escritos ou de sermóns de contido vello. Non se dedican a estudiar como chegar á sociedade do coñecemento, á sociedade ilustrada contemporánea.

Aínda que o artigo 16.3 da Constitución de 1978 di que "ningunha confesión terá carácter estatal", tamén di que "Os poderes públicos terán en conta as crenzas da sociedade española e manterán as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa Católica e as demais confesións". É o que o Tribunal Constitucional chama "laicidade positiva", co que os gobernos segundo a súa ideoloxía interpretan a laicidade como lles peta, o que da lugar a que o Estado non sexa neutral nesta cuestión, converténdose en protector dunha crenza determinada, ao privilexiar á relixión católica incumprindo os principios de igualdade, de liberdade de convicción e do de laicidade.

Unha demostración de que non estamos nun Estado aconfesional, son eses funerais colectivos, chamados de Estado, celebrados co rito católico, de vítimas de accidentes ou atentados que todos vimos en lugar de facerlles homenaxes de tipo civil, deixando ás familias facer a función relixiosa ou laica segundo as súas crenzas. Tendo a Semana Santa ás portas, logo veremos á membros do Exército ou de corpos militarizados, dando escolta aos pasos. Eu sempre me preguntei que ten que ver Xesucristo cos que portan armas. Esta confusión debería ser tida en conta nunha futura reforma constitucional.
,
Delegar a catequese na escola


A Lei Wert, a sétima lei educativa da democracia, imposta pola maioría que sustenta ao Goberno, volve introducir a relixión en todas as etapas da educación primaria e secundaria, como materia avaliable por esixencia dos bispos. Para eles é a postura máis cómoda, xa que unha parte do labor que tiña que facer o clero, traspásanllo a administración educativa, pero coa prerrogativa de elaborar o currículo e nomear ao profesorado da materia. Entón se os profesores de relixión os nomean os bispos ¿por que os de Valores Sociais e Valores Éticos, que é a materia alternativa, non os nomea, por exemplo, a Academia de Ciencias Morais?

As garantías da idoneidade do profesorado tenas que dar a Administración educativa a través dos procesos de selección regrados e posteriormente mediante o control da inspección. Esta prerrogativa, que tantos problemas e quebrantos económicos lle ten causado á Administración por sentencias xudiciais relacionadas con despidos improcedentes, e incomprensible. A vida privada das persoas non ten nada que ver coa súa responsabilidade no cumprimento do seu cometido como sobradamente se ten visto, desde El Rei ata o propio clero, cando saíron á luz as súas fraquezas e debilidades inherentes á condición humana.

Aos alumnos o que lles hai que ensinar son valores cívicos e de moral universal, hai que facer cidadáns para o respecto ea convivencia, que afectan á esfera pública, valores por certo dos que se lles vai privar aos que escollan a materia de relixión, que non cursarán Valores Sociais e Cívicos en Primaria, e Valores Éticos en Secundaria. A relixión é unha cuestión da esfera privada das persoas. Tampouco estaría demais que por razóns históricas lles explicasen as analoxías, diferenzas e valores morais das tres relixións monoteistas do mundo occidental que coexistiron pacificamente na nosa cultura, o cristianismo, o islam e o xudaísmo.

Cos días contados

Da lectura do programa publicado no BOE vese a necesidade urxente que ten a Igrexa católica de poñerse ao día en infinidade de cuestións se quere recuperar adeptos. No século XXI non se pode seguir falando de Adán e Eva ou facer a Deus o cerne da existencia do universo e de todo o que hai nel porque a xerarquía non debería seguir obcecada en non ter en conta os avances da ciencia, postos ao servizo do progreso e benestar da humanidade á que historicamente, por ignorancia, considerou inimiga da relixión.

No seu descargo considero positivo que os dous últimos papas suprimiran o ceo, o inferno, o purgatorio e o limbo dos xustos ou seo de Abrahan, como lugares físicos de placidez ou de tormento co que ao longo dos séculos nos atemorizaron, e o tímido enfoque que o papa Francisco lle está dando a algunhas cuestións. Deberían basear as súas propostas nos valores sociais, éticos e morais da doutrina evanxélica e deixar a Biblia como unha explicación mítica de feitos para os que o home non tiña resposta debido ao estado da ciencia do momento. Porque a verdade sempre nos fará máis libres, e porque a maior formación das persoas xoga en contra, renovarse ou morrer.

Eu tiven que estudiar na escola a Historia Sagrada e os temas de Fisioloxía da enciclopedia remataban a altura do embigo. Despois fun profesor de Bioloxía e Xeoloxía, e tiña envexa dos meus alumnos aos que lles explicaba a teoría da evolución en lugar do mito de Adan e Eva e o Big Bang a formación do sistema solar e a aparición da vida na Terra en lugar do mito dos sete días da creación. Por iso considero que a miña educación infantil e a dos rapaces da miña xeración foi unha estafa.

Agora volvemos a ver no BOE a orixe divina do Universo como nos tempos do nacional catolicismo no que me criei, o cal debería facer reflexionar sobre a súa responsabilidade ante a sociedade actual aos actores políticos e eclesiásticos de todo isto. En fin, quédanos o consolo de que non hai mal que cen anos dure, e este agardo que teña os días contados. E para aclarar as cousas, como dicía meu pai, dicir que de momento son católico de rezo diario.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.