A soberanía da Península Ibérica
O territorio que hoxe abranxe o Estado español nunca foi Soberano por moito tempo, e na actualidade menos que nunca ao formar parte, xunto a Portugal, da Unión Europea. Antes como Imperio Español e agora so a Monarquía Borbónica, forman entrelazados políticos,que xunto a Portugal, se adicaron a oprimir e expoliar a outros pobos, e como Estado Español tamén a un conxunto heteroxéneo de nacións e pobos da Península Ibérica.
Certamente, España non é nin foi soberana durante moito tempo, non pode selo mentres sexa un aparello represivo que manten unidas á forza a varias nacións e pobos. O conxunto destas nacións e pobos teñen dereito a decidir por si mesmos e en liberdade a forma de relación que queren manter, ou non, entre eles e cos distintos pobos do mundo, mais non obrigados baixo un aparello político-militar que serve a outros intereses distintos e antagónicos, por moitos apoios populares condicionados que circunstancialmente dispuxer este aparello. España somentes é un aparello estatal e non unha nación coma si o é Portugal. Non podería existir sen Estado como Galiza, que tamén o é antes de existir Portugal, e as nacións e pobos baixo o dominio do Estado Español seguen existindo, a pesares desa unión forzada e disolvente que é motivo de tensións e inestabilidade, pois a loita de liberación nacional destes pobos, con altibaixos e en distinta medida é permanente, obrigando ao Estado Español ao exercicio da súa función represora e a buscar a proteccíón das potencias exteriores máis poderosas, a costa de renunciar a súa soberanía xunto coas nacións e pobos que ten sometidos.
O réxime de Franco sempre foi conscente desta febleza de España, por causa das tendencias soberanistas das súas nacións e pobos, que en grao diverso a tensaron co reclamo dos seus dereitos colectivos en distintas épocas; Galiza, Euskadi e Cataluña, foron recoñecidas como nacionalidades históricas, produto destas loitas antes do golpe militar franquista. Despois, as tensións nacionalistas agudizáronse coa represión do réxime. Por iso,a Soberania de España foi sacrificada para preservar a súa unidade,procurando o abeiro doutros Estados máis potentes. Primeiro subordinada a Alemania de Hitler. Posteriormente aos EEUU como potencia imperialista gañadora da IIª Guerra Mundial, sen reparar nas ideoloxías. Inclusive voceiros do réxime franquista teñen declarado nalgunha ocasión, que chegado o caso preferirían unha España vermella, mais unida, que rota e esnaquizada.
,A corrente españolista máis radical representada pola Falanxe, tamén era conscente desa fraca unidade, só baseada nun aparello político-militar represivo, dada a inexistencia dunha nación española unificadora, e tiña nostalxia do pasado Imperio Español. Así, re-inventaron unha Patria española defensora e divulgadora da Relixión Católica Vaticana, como pretexto ideal para o Imperialismo colonizador español, sendo o español colonizador definido como “metade monxe e metade soldado” para loitar “Por el Imperio hacia Dios”.Desta maneira, España fíxase como “unha unidade de destino no universal”, apoiándose nun concepto de Otto Bauer, elaborado por este austro marxista para armar ideoloxicamente ao Imperio Austrohúngaro, que padecía un problema similar. Porén sempre foron coherentes na defensa da soberanía da súa patria española. A realidade finalmente poñería a súa patria ao servizo dos EEUU, quedando reducido o seu empeño a pura retórica populista.
Con posterioridade, tamén mais dentro do campo antifranquista españolista, xurdiron grupos políticos defensores da soberania española fronte ao Imperialismo USA, coma o FRAP (Fronte Revolucionario Antifascista e Patriótico) e outros... A esquerda tradicional española, salvo o PC na súa orixe,sempre foi españolista, admitindo nalgúns casos as autonomias e identidades,mais sempre dentro da unidade de España, igual que a dereita política, ambas partidarias da submisión do Estado español a calquera poder exterior imperialista para salvaguardar a súa unidade. No testamento político de Franco, non se alude á soberanía nin a independencia de España, mais si a lembrarlles aos españois a necesidade de velaren e defenderen a súa unidade fronte ao separatismo. A Constitución do 78 está inspirada neste testamento político, nela se fala da soberanía, mais a dos aparellos político-xurídicos e militares españolistas no nome do pobo español, fronte aos dereitos dos pobos e nacións a autodeterminación, e non da soberanía de éste diante do exterior imperialista ao que se somete.
Galiza, Euskadi, Cataluña e os demáis pobos peninsulares teñen dereito a exercer a autodeterminación, como recolle a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a Carta da ONU. Mais, na práctica este dereito para ser efectivo, os pobos necesitan contar cun Estado propio e ser independentes, co suficiente poder político para teren a capacidade de decidiren libremente, dende si mesmos pola vía da auto-organización, que relación queren manter entre eles e co resto das nacións do mundo. Para iso, tamén necesitan o impulso do desenvolvemento da conciencia nacional e o sentimento patriótico popular; non abonda con posuír somentes as características que definen unha nación.
O exercicio do dereito a Autodeterminación e á Soberanía dos pobos peninsulares, serve para a construción e reconstrución nacionaís; para a recuperación,e a promoción das linguas e culturas propias , agredidas sistematicamente polo españolismo; para a defensa da economía autóctona, poñendoa nas mans dos Gobernos nacionaís para remataren co saqueo de recursos e a rapiña fiscal e financeira; para poñer fin á transferencia de riqueza derivada do intercambio desigual da man do centralismo español, dependente do exterior imperialista... Estas mudanzas poden facer posíbel un desenvolvemento económico auto-centrado e sustentábel de cada nación e de todo o conxunto, que hoxe é imposíbel so o poder españolista.
Galiza constitúe un caso especial por ter unha relación colonial dentro do Estado español.Así, é subministradora de materias primas, enerxía e forza de traballo a prezos inferiores a o seu valor, e non conta con con suficientes centros propios de acumulación. Un caso paradigmático, mais non o único, é o da enerxía eléctrica pola que o pobo galego paga un prezo incrementado con custes de distribución fóra de Galiza. Alén diso, as empresas públicas propiedade do Estado español actúan como sumidoiros da riqueza do noso pais.Por iso Galiza está obrigada a reclamar unha relación especial aparte das demáis, co conxunto das nacións e pobos peninsulares que contemple a devolución da débeda histórica contraída polo Estado español en tantos anos de colonialismo.
Soamente cumpridas estas condicións, os pobos peninsulares poden afrontar a conveniencia de estableceren algún tipo de asociación, en liberdade, entre eles, e cederen competencias ao conxunto por esta vía, dun xeito limitado e reversíbel por cada entidade nacional individual, que en calquera intre pode ser anulada ou modificada. Así, este entrelazado político será sempre dependente das unidades nacionaís e territoriaís soberanas.
Esta unión en liberdade máis o menos asimétrica, por decidir individualmente cada pobo a maneira de relación, dependerá permanentemente das competencias e grao que cada Estado teña cedido ao conxunto temporal e limitadamente, e, é antagónica, coa a que hoxe sostén o Estado español, mais moito máis sólida e estábel. O españolismo, ao contrario que o nacionalismo e o independentismo, é separatista e separador das nacións e pobos peninsulares. Se estes pobos así o decidiren, promover unha asociación, varios ou todos e algún máis, se cadra tería un nome , unha denominación oficial, Confederación, Comunidade, Unión...
Nestas novas condicións, a Península Ibérica podería chegar a ser unha terra soberana, porque libres e soberanas serían as nacións e pobos que a conformaran, e a súa unidade xa non dependería dun aparello burocrático-militar centralista, protexido por unha potencia exterior como é hoxe, senón da unión voluntaria duns pobos e nacións independentes, que seguirán sendo independentes , por si mesmos; poderíamos afirmar, deste xeito, que a Soberania da Península Ibérica sería posible, mais só nestas condicións.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.