A política como fraude

A política como fraude

Seguramente é un signo dos tempos, mais non deberíamos adaptarnos a aceitalo con natural anuencia. Son lexítimas todas as opcións políticas. Porén, non é lexítimo, por moito que sexa frecuente, pretender confundir sobre o alcance e obxectivos que se teñen. Ven esta reflexión a conto á vista da facilidade con que algúns pretenden xogar en campos diferentes que son, en esencia, incompatíbeis. No caso de Galiza, por exemplo, pretender aparecer como opción nacionalista e á vez servir a deseños da política española. A verdade é que me resulta difícil de entender como un nacionalista, máis nas condicións nas que está o pobo galego, despreza a unidade entre os nacionalista, mentres se apresta, gozoso, a unha unidade subordinada con forzas políticas de ámbito estatal. Este é un problema, e ben grave. Moito máis cando se pretende confundir a sociedade sobre o alcance e os obxectivos desa unidade, dando a sensación de estar na festa e na romaría. Desde a perspectiva galega, descoñezo que obxectivo específico para Galiza xustifica a unidade con IU e con Podemos. Só teño claro que se trata dunha aposta por confluír coa esquerda española sobre as bases que a xustifican.

A pretensión confusionista tivo un das súas manifestacións na venda propagandística de En Marea, alianza de Podemos-EU e Anova, da pretensión de lograr un grupo parlamentar propio no Congreso dos Deputados após das eleccións do 20 de Nadal. Non fará falta dicir que esta pretensión xurdiu só como unha maneira de convencer de que se trataba dunha alternativa autónoma, independente e diferenciada dos partidos estatais que a compuñan, unha alternativa galega xenuína, que asumía un obxectivo nacionalista. Certamente concordo coa tese de que só a unha minoría dos votantes da marca galega asociada a Podemos lles resultaba importante semellante obxectivo. Porén, era a minoría máis proclive a votar nacionalista, á que era fundamental engaiolar para optimizar as potencialidades na Galiza. Nada que obxectar se fose un obxectivo sincero, real, non propagandístico, simplemente electoralista, unha maneira de confundir a través dunha promesa fraudulenta. Sei que se pode actuar así porque, alén de ser unha preocupación minoritaria entre os seus votantes, se conta con que a despreocupación pola política esvaeza a lembranza das promesas feitas en campaña ou simplemente se dea convencido de teren sido vítimas das argalladas caciquís da dereita ou do bipartidismo. Non vou entrar en ningún argumento fundamentado no Regulamento do Congreso por moi claro que puidese resultar ao respeito, pois, entre outras cousas, é verdade que, por interese político, pode chegarse a retorcer até o paroxismo. Vaiamos ás evidencias políticas seguindo obxectivamente o comportamento dos mareantes e tirando as oportunas conclusións:


,1.-Após as eleccións, nunca os eleitos por Galiza actuaron por si mesmos en defensa deste obxectivo, senón que delegaron nos dirixentes de Podemos (Iglesias, Errejón, Carolina Bescansa) ou foron estes os seus intermediarios na interlocución con outros partidos: a tutela escintilou en todo momento. Non é este a forma de comportarse lóxica en quen ten autonomía, independencia e sente como necesario, lexítimo e irrenunciábel o obxectivo de contar con grupo parlamentar propio.

2.-Podemos actuou sempre coa convición clara de que ao final ía haber un só grupo parlamentar de 69 deputados/as, integrado polos 42 sacados coa súa marca en exclusiva e os 27 dos grupos a ela asociados en Catalunya, Valencia e Galiza. Semellante convición estaba asentada nas condicións do Regulamento, na identificación ideolóxico-política da maioría dos seus compoñentes e na forma de estabelecer os pactos e acordos tanto no plano económico, como no xurídico e no político. O hibridismo é unha envoltura que non dilúe unha xerarquía evidente entre os seus elementos constitutivos. A rolda de prensa do 12 de xaneiro en Madrid de Pablo Iglesias cos seus asociados foi elocuente. Non se quixo responder a cantos eran os deputados/as de Podemos nin tampouco responderon os asociados a se recoñecían a Iglesias como o seu líder parlamentar. Por que? Era ben fácil, se era certo que o obxectivo de teren grupo parlamentario propio era verdadeiramente sentido, buscado e realmente pactado entre eles, como inescusábel.

3.-Chegada a hora da verdade, chegou tamén a proba do algodón, e por se fose pouco con contraste entre marcas. Con que facilidade En Marea se integrou sen chistar no Grupo Parlamentar de Podemos baixo a xefatura de Iglesias, Errejón e Bescansa!!! Puideron ir ao Grupo Mixto como tal En Marea, con independencia, intervención propia e presenza como tais en todas as Comisións. Así o fixeron os catro de Compromís, como nacionalistas. Soubemos entón que fixeran un pacto, asinado perante notario, con esta condición, de non obteren grupo propio. Intuían que era moi probábel, e tomaron as precaución debidas.

4.-Filipe VI, xefe do Estado español, recibiu a todos os grupos políticos en audiencia, como paso previo, ao encargo de formar goberno. Foi esclarecedor ver como a portavoz de En Marea, declarou á saída xustamente o que era a consigna da dirección de Podemos: a conformación dun goberno co PSOE. Nin unha palabra sobre Galiza, o que non deixa de ser rechamante nunha representante dun grupo de deputados/ deputadas que argumentaban ter un plus diferencial galego.

Afirmei, no meu artigo anterior, inmediatamente após dos resultados do 20 de Nadal, da falta de rigor, do embuste e da confusión que acompañaron a promesa dun grupo parlamentar propio por En Marea. Como queira que foi unha cuestión decisiva para crear maior engado e atractivo para públicos conscientes da necesidade do nacionalismo, animo á reflexión sobre o futuro. E, sobre todo, animo a que se cavile sobre a quen engordan e para que valen as alternativas que, presentadas como híbridos salvadores, non contribúen máis que a minguar a presenza política do pobo galego.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.