A nosa corresponsabilidade na conservación do medio mariño

A nosa corresponsabilidade na conservación do medio mariño

As tartarugas mariñas amosan moi claramente a importancia da nosa corresponsabilidade na conservación do medio mariño a nivel mundial.

No Atlántico europeo viven un total de cinco das sete especies de tartarugas mariñas actualmente existentes a nivel mundial. Son réptiles antiquísimos, proceden de hai máis de 200 millóns de anos, é dicir, foron coetáneas dos dinosauros e sobreviviron ao longo das diversas vicisitudes planetarias, extincións e éxitos evolutivos. Elas, ao seu ritmo, mantivéronse ata os nosos días, mais agora están atravesando a crise máis drástica de toda a súa historia evolutiva.

A causa fundamental da súa delicada situación é a ameaza das actividades humanas, a contaminación e a pesca matan milleiros de exemplares en todo o mundo. O turismo ocupa as súas praias de posta, a rapina dos niños e as especies invasoras encárganse de facer a súa parte. Xa temos falado do impacto das verteduras de petróleo (http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=834&seccion=13), mesmo do impacto do Prestige sobre elas. É por iso que todos os habitantes da ribeira convertémonos en xestores corresponsables da súa conservación.

Na Galiza non existen colonias de cría destas especies mariñas, como no resto das costas atlánticas europeas, mais si lugar de destino ao que chegan numerosos exemplares na súa viaxe de crecemento e alimentación "embarcadas" na corrente do Golfo de México, que baña as nosas costas e é unha das responsábeis da nosa bonanza climática.

A pesar de ser especies pouco frecuentes, o 8,5% dos varamentos anuais que se producen nas nosas costas son exclusivamente de tartarugas mariñas. Compre deterse a analizar a súa situación de cara a facelas visibles e suxeito das accións de conservación da fauna mariña ameazada. Parece que ben pouco podemos facer por esta fauna allea, mais tan só garantir que continúen a súa viaxe despois de pasar polas nosas augas é xa un obxectivo moi importante.

O seu paso polas nosas augas

O ciclo biolóxico das tartarugas mariñas é moi descoñecido. Disponse de moita información das áreas de cría e do uso das augas costeiras nesas zonas, mais unha vez que as pequenas tartarugas nacen e se introducen nas augas abertas do océano Atlántico convértense nun misterio. Sábese que utilizan a corrente do Golfo de México para distribuírse polo océano e mesmo que na etapa de crecemento as tartarugas xuvenís ocupan áreas centrais do océano, o coñecido como mar dos Sargazos, para vivir aboiando entre as algas das que se alimentan.

Os exemplares xuvenís, sobre todo de tartaruga común (Caretta caretta), chegan a través do camiño da corrente do Golfo ata as augas europeas, un camiño móbil que as dirixe ás mesmas augas de orixe anos despois.

As tartarugas de coiro (Dermochelys coriacea), en cambio, chegan logo dun proceso activo de natación, e ás nosas augas só chegan exemplares adultos.

O resto das especies: tartaruga verde (Chelonia mydas), tartaruga carei (Eretmochelys imbricata) e tartaruga mariña pequena (Lepidochelys kempii) son moi raras, algunhas das especies apenas contan cun rexistro en toda a historia.

Garantir o camiño

As xigantescas tartarugas de coiro, que poden superar os dous metros de lonxitude e os 500 kg de peso, aparecen varadas nunha media de 10 exemplares ao ano, a maioría xa mortos, aínda que en ocasións fican atrapadas nos aparellos sendo recatadas polos propios mariñeiros. As nasas destácanse como unha arte de pesca moi selectiva mais letal para esta especie que debe ir ás asas da cacea ou cabos da boia a fregarse ficando letalmente atrapadas e estranguladas.

As tartarugas comúns aparecen varadas nunha media algo menor aos 10 exemplares ao ano, sempre exemplares xuvenís, de entre 25 e 40 cm. A maioría aínda con vida, e polo tanto manexables e susceptibles de ser rehabilitadas e devoltas ao mar. A súa presenza está relacionada con acontecementos climatolóxicos e oceanográficos adversos, como as cicloxéneses explosivas continuadas deste inverno, o que fai que cheguen aterecidas de frío ata as nosas praias.

A rápida alerta cidadá sobre a presenza dunha tartaruga varada con vida, a través do 112, e a actuacións da Rede de Varamentos de Galicia, xestionada pola CEMMA, son fundamentais para garantir o éxito destas operacións. Deste xeito, este inverno foron recollidos 10 exemplares de tartarugas mariñas sobrevivindo dous, aínda en recuperación. Os exemplares evolucionan favorablemente e serán liberados durante o verán, cando a corrente maioritaria é de compoñente sur, o que garante o seu camiño cara ás súas augas de orixe: o Caribe.

Este é o mellor xeito de contribuír corresponsablemente na conservación do medio mariño a nivel mundial. Mellor se faría se Galiza contara cun Centro de Recuperación de Fauna Mariña Ameazada, como se ven reclamando dende hai décadas, mais a súa ausencia non nos exime desta responsabilidade.

Para ter unha información máis completa a CEMMA vén de publicar na súa revista EUBALAENA, por outro lado a única publicación periódica de carácter científico editada enteiramente en galego, un monográfico sobre as tartarugas mariñas, logo de facer unha intensa recompilación histórica dende os primeiros datos aportados por Joseph Cornide no século XVIII. Pódese descargar de balde neste enlace:

https://www.dropbox.com/s/4n13kqqau0uuwq4/Eubalaena_13.pdf