A nosa desgracia é que vivimos nun Estado-cloaca que aínda non rompeu co franquismo.

A miseria moral de José Barrionuevo

A miseria moral de José Barrionuevo

Tempos aqueles nos que todos os hipócritas repetían que estaban contra a violencia viñera de onde viñera. Nós, os que pretendemos pensar por nós mesmos e non comulgamos coas súas mentiras nin coa propaganda dos medios de comunicación corporativos que no lo dan cociñado e xa pensado por eles, sabíamos da súa falsidade e agora, sabéndose impune e protexido por este Estado-cloaca, ven Barrionuevo, para escarnio das vítimas, con toda a súa chulería e prepotencia de ex-ministro da porra e tente teso a confirmarnos que non estabamos equivocados. Nós xa sabíamos que mentres uns eran condenados polas súas accións violentas e outros inocentes, por declaracións arrincadas baixo torturas (1164 casos baixo a responsabilidade do PSOE), que incluso a mais de un lles causaron a morte. Os chicos de Barrionuevo cumprían as súas ordes e as do señor X do GAL, torturando impunemente e asasinando 27 cidadáns; secuestrando e enterrando en cal viva a militantes de ETA ou a calquera outra persoa que se lle parecera no branco dos ollos. 

Así era como rexeitaban eles a violencia. Non importaban os crimes que cometía o Goberno, o importante era defender o Estado, porque o Estado tamén se defende nas cloacas, dicía Felipe González. 

Pero, imaxínese o lector si saíse agora un ex-militante de ETA gabándose das súas accións armadas, incluso si xa foran xulgadas e cumprira xa a correspondente condena por elas. Habería que ver como se alporizarían eses medios de comunicación subsidiados polo réxime. Por moi prescritas que estiveran esas accións, esa prensa encirraría a moitos exaltados nacionalistas e maximalistas españois para que berraran con odio que hai que “ir a por ellos!” e cambiar as leis con carácter retroactivo a aqueles anos. O vasco volvería ser xulgado por non arrepentirse e por insultar e humillar ás vítimas, así que a Audiencia Nacional mandaríao á cadea outros longos anos, pois aínda seguen con esa teima de machucalos e esixirlles cada vez mais, pois a pesar recoñecer o dano causado e de que esa organización xa deixou as armas, os seus ex-militantes seguen cumprindo largas condenas en afastados lugares, prohibindo incluso o sentimento dos amigos e familiares, e expresar as mostras de cariño no seu recibimento, cando rematan de cumprir integramente as súas condenas de trinta ou mais anos de cadea. Pero el, para escarnio das vítimas sae todo altivo, sabedor do amparo que lle da a xustiza, dicindo que foi quen mandou secuestrar en Hendaia ao refuxiado Joxe Mari Larretxea en Hendaia (dous días despois de Lasa e Zabala, secuestrados en Baiona e que foron enterrados en cal viva despois de cavar a súa propia tumba). Menos mal que non puideron levar a cabo o secuestro de Larretxea para enterralo tamén en cal viva como fixeron con Lasa e Zabala, porque Joxe Mari enfrontouse ós policías e, ademais, seica era moi grande e non cabía no maleteiro do coche. 

Vaia por Deus! Que mal calculaba esta xente. 

Daquela a policía francesa colleu aos secuestradores coas mans na masa, pero quedaron libres tralas xestións do Goberno español, dicindo que se tratara so dun accidente de tráfico, logo foron xulgados en rebeldía en 1990 no Tribunal de Baiona, xa que non acudiron á vista oral, aínda que os soltaron con esa condición. Así que o ministerio español e os axentes secuestradores quedaron libres de polvo e palla despois de cometer un grave delito; que non foi tan grave como puido ser, pero que tamén lles sairía igual de gratis, como lle saíu a Rodriguez Galindo a cal viva.

Isto pasa porque a xustiza que se aplica a esta parte da cidadanía neste reino de cloacas e Borbóns é totalmente contraria á que se utiliza para o vulgo, por moito que O Campechano, (fuxido por medo a que o acusen do que facían el e mais o seu xenro) dixera sempre por Navidades, e agora o seu fillo, que a xustiza é igual para todos. Será así polo que eses delitos de Barrionuevo e do seu xefe Felipe González xa prescribiron e non se poden xulgar, mentres outros delitos cometidos nesas mesmas datas aínda se están xulgando, como é o caso de Jaione Jauregi.

Os militantes desa organización pasaron longos anos de cadea, afastados ilegalmente durante moitos anos das súas familias a centos de quilómetros e nunca saíron dela por ter enfermidades incurables en fase terminal, como si saíron Eduardo Zaplana, Rodríguez Galindo e moitos outros desa camarilla, sen estar enfermos. Para todos eles é diferente, pois o ex-ministro foi condenado a dez anos de prisión polo secuestro de Segundo Marey e so cumpriu apenas tres meses e medio, pois tal como o conta el mesmo, o 23 de decembro de 1998 o goberno de José María Aznar aprobou en Consello de Ministros un indulto parcial para acceder ao terceiro grado, pero despois Mariano Rajoy, daquela ministro do Interior, chamouno e díxolle: Non podo consentir que volvas á cárcere, Confía en min, que o imos amañar, pero todo ten os seus trámites. Di a túa xente que non monte lío. E así foi, porque di que volveu á cárcere pero nin sequera chegou a durmir nela, xa que ese mesmo día fixéronlle un informe favorable e quedou en réxime aberto. 

Aquí podemos ver a semellanza e a complicidade entre os dous partidos que se alternan no poder como si se tratara dunha partida de tute entre dous, na que unha vez reparte un as cartas e despois tócalle ao outro. 

O caso é que o raposo estaba no galiñeiro e quen debía cumprir e facer cumprir a lei, recoñece agora que delinquiu, e cando o periodista lle preguntou si sabía que era delito dixo que si. Quérese xustificar na entrevista dicindo que no seu momento xa asumiu no Congreso que lles mandara traer ao xefe da operación do secuestro do capitán de Farmacia Alberto Martín Barrios, pero daquela presentouno como algo legal. Agora bota mais sal na ferida, presumindo de impunidade, humillando e denigrando ás vítimas, porque a súa miseria moral permítelle facer esas cousas e outras aínda mais ilegais e inhumanas si cabe.

Din e repiten que estamos nunha “democracia plena”, pero estes dous partidos en calquera outra democracia moito menos “plena” houberan sido ilegalizados: Un por practicar o terrorismo de Estado e o outro por crear unha organización criminal para roubar, segundo sentenciaron os seus xuíces da Audiencia Nacional.

A nosa desgracia é que vivimos nun Estado-cloaca que aínda non rompeu co franquismo.