A miña Galiza Mártir
A miña Galiza Mártir vai máis alá das miles de galegas e galegos asasinadas por España, isto é dos que remataron por ser carne de cuneta, corpo de paredón, vulto de furada, anónimo de fosa común ou descoñecida, cadáver con vontade de semente, pan con sabor de mortos que diría Lourenzo Varela, camarada e irmán. A miña Galiza Mártir é dunha amplitude que supera as organizacións sindicais e políticas destruídas pola besta, non son ruínas dun pasado que anunciaba un futuro diferente é patrimonio a restaurar para construír un presente mellor, falo da conciencia galego/clase, isto é as trabes sobre das que máis unha vez imos seguir a construír. A miña Galiza Mártir é a ideoloxía que serviu para unir persoas en organizacións, ideoloxía adulterada non polo paso do tempo senón por que lle correspondía preservala, proposta política alterada para tornar a o triunfo do ideal no ideal do triunfo, programa deformado para dar acomodo aos forasteiros nunha casa que fixemos entre todos para nos. A miña Galiza Mártir, segue a ser un misterio, unha nebulosa de sombras, silencios e espellos cóncavos, e precisamos lembrar para que non nos vendan por nova un mercadoría caducada, e necesitamos saber para transitar polas pegadas que hoxe son de nos porque son as dos nosos,e úrxenos restaurar a memoria para que a Galiza mártir remate por parir a Galiza ceibe.
Adoitase con demasiada frecuencia e en demasiados ambientes caer en simplismos só explicábeis por ignorancia, esquematismo mental ou falta de madurez, arredor dos termos nos que se deu o debate ou das posicións ideolóxicas mantidas na Galiza após 1936, o que impide definir politicamente, proxectos e individuos, co que implica de análise do seu ideario e valoración da súa práctica, contextualizada de xeito acaído nun determinado contexto histórico. Queren presentar como novidade, iso si baixo un envoltorio distinto, debates que nos acompañan desde fai preto de 75 anos, e así seguimos na disxuntiva de xogar a galeguizar as forzas políticas españolas, hoxe chámanlle mover os marcos, ou dotarnos de forzas políticas propias, enfrontámonos, tamén, arredor de si o futuro de Galiza decídese na capacidade que teñamos de acumular forzas ou depende dos malabares que sexamos quen de facer no ámbito Europeo ou do Estado, discutimos se o problema de Galiza “é Estremadura máis o problema cultural”, a cuestión identitaria din os fillos, o culturalismo dicía o pai, e reparando na crise do réxime tentase elaborar unha folla de rota para a ruptura. O debate non xera discordia, a discordia xerase cando as contradicións se tentan resolver con tacticismo, os problemas non nacen das diverxencias senón da falta de clareza naquilo que serve de mínimo común denominador aos proxectos políticos, o suicida, en definitiva, sería renunciar ao debate, abandonar o referente estratéxico e particularmente prescindir do capital político acumulado.
Un coñecido dirixente político galego, nas vésperas do Día da Patria Galega, ven de afirmar que o nacionalismo tiña que marcarse como liñas de traballo a galeguización das forzas políticas de ámbito estatal, referíase claro está ao seu socio, e a definición dunha forza política que non se cinguise ao aspecto identitario. Unha e outra idea, alén dos aspectos de orde táctica que as poidan xustificar, non son novas nesta persoa, aínda menos na tradición política da que fai parte, o Piñeirismo, e de xeito moi particular na historia política de Galiza. Á vista está o resultado de Realidade Galega, da integración de Piñeiro e dos antigos militantes do PSG no PSOE, da integración de Albor e dos democristiás de Illa Couto en AP, na galeguización das forzas de obediencia estatal; xa que logo esta nova/vella voz de orde de “mover os marcos” defendidos por algúns outros compañeiros de militancia do citado dirixente político, convida a pensar que o futuro desta operación non vai diferir grande cousa das anteriores, neste caso a integración/absorción por IU . Se caracterizamos a nosa problemática, como que “Galiza é Estremadura máis o problema cultural”, formulación que emparenta coa política que Piñeiro deu en chamar culturalismo, reparade que o de Láncara formula o culturalismo tras renunciar o concepto de soberanía por ser propio do século XIX, ou reducimos o problema de Galiza a unha cuestión “identitaria” como fai o Alcalde de Teo, á marxe de non entender que as clases populares galegas teñen uns problemas específicos, estamos diluíndo o problema nacional, xa que deixa de ser un problema tamén económico ao que pretenden desvincular da práctica e da autoorganización política, ao considerar necesarias e hexemónicas ás forzas sucursalistas.,
Aínda hai máis, posto que ese mesmo dirixente político indicaba, tamén como fundamental, a necesidade de articular un discurso e unha táctica política do nacionalismo para o Estado, xa que era neste marco onde nos xogabamos a incardinación territorial e o papel institucional de Galiza, no contexto dese hipotético proceso de ruptura. Se no plano histórico está testado que a política de relacións dos nacionalistas galegos cos forzas de obediencia estatal non deu ningún resultado neste tema , a comezar pola Alianza Nacional de Forzas Democráticas ou os socialistas de Prieto na década dos 40, onde intrigaba Piñeiro para desespero de Castelao, a seguir pola Federación de Partidos Socialistas ou a Platajunta , pénsese que o nacionalismo desde 1923 priorizaron as relacións coas forzas nacionalistas, os sucesivos Galeuzca e que foron os vascos, contra o criterio de ANFD, quen conseguiron o Ministerio para Castelao no Goberno Giral. Non deixa sorprender na mesma liña certa inxenuidade táctica após as experiencias vividas ao longo do século XX, no sentido de que o papel político de Galiza no mundo vai vir marcado pola correlación de forzas que se de no seo da sociedade galega na dirección de camiñar a outro estatus político, non somos diferentes a ningunha outra nación do mundo. Porén o cerne do debate situase na ausencia de confianza nas forzas e nas capacidades do pobo galego, o que implica unha renuncia a nosa responsabilidade como cidadáns dunha nación sen estado, e polo tanto vincular o noso destino a forzas alleas ao País, asumindo previamente unha rebaixa nas nosas reivindicacións nacionais.
A consideración da política como cousa ruín, como angueira sórdida, como leira acaída para trepadores, fenómeno que se traduce naturalmente en posicións escépticas, de pasotismo, de homologación entre as diferentes opcións, vinculase tamén ao xeito no que se dan os debates entre nos e sobre nos. A paixón é fundamental na loita, é máis debemos desconfiar daquelas persoas que carecen dela no debate e se comportan armados de friaxe no mesmo, pero ao mesmo tempo debemos requirir razóns. Nada aportamos para aclararnos, aínda menos lle aportamos ao País, se situamos os termos da discusión en coordenadas de sacar vantaxes que se converten en vitorias pírricas, se tentamos explicar as diferenzas atendendo a irresolúbeis enemistades persoais case de corte xeracional ou peor aínda se caemos na trampa mediática de situar os puntos de desacordo en supostas loitas polo control orgánico. Non nos situemos de lado, se non houbera diferenzas de corte ideolóxico non nos atoparíamos con diferentes propostas negro sobre branco para o debate, ou após un ano e medio precisamos un curso de memoria, pero isto non é central,se as diferenzas foran salvábeis ninguén tería abandonado a organización; agora ben o problema dos nacionalistas non é o nacionalismo senón Galiza, a preocupación dos nacionalistas non son as diverxencias que podamos ter entre nos senón os problemas do noso pobo, o nacionalismo nunca foi un movemento uniforme, na pluralidade, porque Galiza é unha nación, pola soberanía e polo poder popular hai sitio para todas.