A democracia ilegal


A estratexia do Partido Popular, respaldada por todo o españolismo político e mediático, ante a celebración da consulta popular en Cataluña aférrase a unha defensa da legalidade formal, mais no fondo esa concepción da legalidade semella estar inspirada, no canto de principios democráticos, en realidade na lei eterna que enunciara Santo Agustín, como a “razón divina ou vontade de Deus que manda conservar a orde natural e prohibe que se perturbe”.

Esa orde natural é o principio básico acuñado na Constitución de 1978, de “indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivisíbel”, vedado a calquera tentativa de alteración por vías democráticas, baixo ameaza de rematar axuízando por sedición e desobediencia a calquera persoa ou organización política que axite esa intención.

Situado nesta dialéctica o proceso catalán aínda sorprende máis a apelación das amplas cotas de autonomía e descentralización política do Estado español, chegando a considerar o actual sistema institucional e político deseñado na transición como un exemplo de modelos federais. Nada máis lonxe da realidade, só abonda con comprobar o implacábel veto a que calquera institución política poida consultar sobre asuntos de interese político, que fica reservado en exclusiva ao poder executivo do Estado, como lembra nestes días a andamiaxe instrumental xurídica do Estado.

Mais tamén unha ollada ao exterior, ilustra sobre cal é a calidade democrática do Estado español. Alén do recente acordo político atinxido sobre o referendo de Escocia, onde precisamente se optou pola escolla dunha vía democrática que deu voz directa a toda a sociedade escocesa, tamén convén lembrar a experiencia dun Estado federal, con Constitución formal, como foi o de Canadá, para verificarmos a distancia sideral en canto ao nivel de calidade democrática que hai co Estado español.

A diferenza do Estado español, onde se emprega sistematicamente o entramado xurídico-institucional para prohibir a consulta directa ás persoas, cun Tribunal Constitucional de clara composición política como ariete para arrombar calquera iniciativa, no caso canadiano procurouse nunha instancia análoga, o seu Tribunal Supremo, unha interpretación que fixara as condicións para a celebración de novos referendos, logo da celebración de dúas consultas directas en 1980 e 1995.

A decisión, que logo se plasmou no ano 2000 na denominada “Lei de clarificación”, fundamentouse, por unha banda na doutrina recollida en tratados internacionais respecto ao dereito de autodeterminación, que lexitima a declaración de independencia en determinados supostos onde concorren atributos particulares que poden considerarse definidores dunha nación (lingua, cultura, historia propias). Aínda que non xulgaba plenamente aplicábeis ao caso do Québec esa doutrina, embora, por aplicación de principios democráticos recollidos na Constitución federal de Canadá, si admitiu a posibilidade de celebración de referendos de independencia se se someter á poboación unha pregunta clara á cal respondera favorabelmente unha maioría de persoas da rexión ou nación afectada. Nese suposto, existiría a obriga de negociar as reformas legais que conduciran á secesión e independencia, lembrando ademais que nun Estado democrático debe eludirse o emprego de medios con intención de reter contra a súa vontade a unha determinada poboación concentrada na súa parte do territorio. Engade, finalmente, que dito resultado ha de atinxirse por medio dun proceso de negociación baseado na boa fe o respecto á democracia. Posteriormente, como se avanzou, promulgouse o texto legal que validou este ditame, sendo así Canadá un estado federal que admite expresamente a posibilidade da súa división, sempre que houber previamente tanto un proceso de consulta como de negociación baseados no respecto a principios democráticos.

A letra miúda desa experiencia daría pé a unha análise máis matizada, porén a experiencia é exemplar en canto a procurar unha solución por vías democráticas ás demandas de soberanía dun territorio con características nacionais integrado nun Estado federal. Sobre todo porque sitúa por riba de todo os principios democráticos, e dese xeito impide fortificarse nas trincheiras do inmobilismo, da intolerancia, da negativa obstinada a recoñecer o dereito a decidir, parapetándose en principios fundamentais outorgados en base unha pretendida lei eterna, inmutábel e concedida para permanecer por riba das vontades de sucesivas xeracións.

Aínda mantendo a predilección que profesa o españolismo pola lei eterna enunciada por Santo Agustín, o filósofo tamén afirmou a existencia de leis humanas, establecidas polo ser humano, con carácter temporal e que deben cambiar segundo o esixan as circunstancias históricas. O vixente modelo político-constitucional, por moito que persistan en glorificalo e protexelo como se fora unha lei eterna, é produto dunha vontade expresada nun momento histórico. Por iso, a recorrente remisión á “indisolúbel unidade” española, anquilosada como principio constitucional que fornece un escudo de legalidade formal, aínda que se lles resista, tamén ha de estar sometida a revisión histórica e sobre todo, lexitimación democrática. Non é outra cousa a que nestes momentos demanda a sociedade catalana, que a democracia sexa legal no Estado español.