A crise como estratexia


Moitos creen que as crises económicas -na súa xénese, desenvolvemento e desenlace- obedecen a unha mecánica interna e inexorable do sistema capitalista e que dito proceso, alén de matices máis ou menos accesorios, se produce de forma caótica e natural. Sen embargo, se estudamos as crises financeiras máis importantes acaecidas nos séculos XIX, XX e XXI podemos observar que se producen, en cada unha delas, pautas e consecuencias similares: desemprego masivo consecuencia da creba de miles de empresas e institucións financeiras e a súa posterior concentración nun número cada vez máis reducido e opaco de grandes propietarios -algúns deles, ou os que os representan, presentes en todas as crises-, que se fan coas empresas e os bancos crebados a prezos irrisorios. Esta circunstancia non só os fai máis ricos, senón que, ademais, permítelles abranguer mercados cada vez máis amplos e estender o seu control financeiro a unha maior cantidade de gobernos e países, é dicir, son cada vez máis poderosos determinando con máis forza as decisións no ámbito político-institucional. Resumindo, nas crises case sempre están involucrados os mesmos personaxes da Alta Finanza e o seu desenlace prodúcese cunha maior acumulación e concentración de poder económico en poucas mans e con cambios cualitativos no sistema socioeconómico que se saldan cun maior control por parte das institucións financeiras de carácter privado e a minorización das institucións políticas representativas.

A finais do s.XIX a nacente América -especialmente a do Norte- convértese no continente das oportunidades para a gran banca -controlada polos mesmos que saíron airosos das crises precedentes e cos bolsos cheos-, que realiza grandes investimentos en sectores estratéxicos como os ferrocarrís, minería, industria do aceiro, a construción, telegrafía e a enerxía eléctrica, entre outros. Como consecuencia da crise de 1907 créase a Reserva Federal dos EE.UU. -de carácter privado- controlada polos banqueiros internacionais, situación que lles permite dispoñer de grandes cantidades de papel moeda, coa garantía do estado, co que inundan os mercados provocando unha das primeiras explosións de hiperconsumo -característico do capitalismo moderno-, producíndose nos anos vinte un desenvolvemento desenfreado con enormes desequilibrios a nivel mundial e unha forte competencia entre as potencias daquel tempo (Alemaña utiliza o diñeiro anglosaxón para rearmarse sen que ninguén faga nada por evitalo) aplicándose á voraz explotación económica da súa clase traballadora e dos seus enclaves coloniais. O resultado é o crack de 1929, que desemboca na Segunda Guerra Mundial ao final da década seguinte. Con Europa e Xapón devastados pola guerra o centro neurálxico das finanzas internacionais trasládase a Wall Street e os acordos de Bretton Woods converten a Estados Unidos nunha superpotencia imperial que domina unha gran parte do mundo, co dólar case como a única moeda internacional de intercambio comercial, o que lle outorga a USA a hexemonía económica mundial.

A ofensiva capitalista intensifícase a partires da década dos noventa, onde Occidente, coa súa vitoria na Guerra Fría e sen o contrapeso da Unión Soviética, amplíase cara o leste e o sur, fortalecéndose económica e militarmente. Pero, nestas convulsas circunstancias, despega unha potencia emerxente de carácter económico e demográfico, China, que co seu imparable crecemento comeza a competir directamente con USA ameazando a súa supremacía económica. Igual que en épocas anteriores prodúcense diversas crises nas últimas décadas desembocando na chamada globalización económica que se caracteriza pola ampliación ou creación de zonas económicas en diversas partes do mundo e a imposición de políticas neoliberais en todo o planeta baixo a éxida do FMI, o BM e outras institucións, privatizando os servizos públicos e constituíndose verdadeiros emporios transnacionais como resultado de fusións entre grandes corporacións e a absorción de centos e centos de empresas e bancos. A refundición e ampliación da CEE -agora Unión Europea-, leva á implantación da zona euro e á imposición de Tratados que deixan en mans do Banco Central Europeo a política monetaria e financeira, vitais para controlar a política económica de calquera país. Así nos felices noventa e primeiros anos do novo século a expansión da UE prodúcese ao abeiro dos fondos europeos que crean nos novos socios a quimera de que entran nun paraíso capitalista de riqueza insondable e inextinguible. Pero a alegría na casa do probe dura pouco e algúns dos países do leste, que acolleron uns salvaxes axustes neoliberais para entrar no paraíso capitalista, entraron en creba ao pouco tempo precisando da intervención do FMI. Posteriormente, coas subprime e o problema inmobiliario, a crise bancaria alcanzará a países do sur europeo -os PIIGS- e ao conxunto de Europa.

A pregunta que se suscita é, como pode ser que con todo ao seu favor os USA se meteran na lea das subprime, eliminaran todo tipo de regulación financeira, rematando coa derrogación en tempos de Clinton da Lei Glass-Steagall, que separaba os bancos de investimento dos comerciais, e permitiran que a especulación se disparara nos mercados de derivados ata oito veces o valor do PIB mundial? Digo isto porque calquera banqueiro, economista ou dirixente político sabe, polo estudo das crises precedentes, que a desregulación, o apancamento bancario, a superprodución e a especulación desmesurada acaba sempre nunha crise de grandes proporcións que pode ameazar a existencia do propio sistema. A resposta a esta cuestión podería ser que os que manexan a información e controlan os mercados van sacar -ou sacaron xa- un gran rendemento da situación. Sendo isto certo, esta resposta non é de todo satisfactoria na presente crise porque a súa especial magnitude ameaza ao propio modelo capitalista vixente.

Na miña opinión só hai unha posible explicación a todo o que está pasando: o que se busca con esta crise a medio prazo (ou antes) é outro cambio cualitativo imperialista: a instauración dun novo modelo político económico mundial de carácter corporativo onde unha gran institución bancaria transnacional e trasatlántica (con aparencia pública) dite directamente a política económica cunha nova moeda en torno ao dólar (lévase tempo falando disto) e controlada por Estados Unidos onde Europa sería un socio de segundo nivel. Téñase en conta que a nivel militar é isto o que xa está pasando coa OTAN. Pero un sistema económico deste tipo precisa dun modelo político fascista para levala a cabo, ademais da eliminación do resto de soberanía que lles queda aos estados e xa non digamos ás autonomías. Esta tese podería parecer un exercicio irresponsable de ciencia-ficción, pero habería que preguntarse que se persegue coa unión fiscal europea (como paso intermedio) que demanda con tanta insistencia Obama dende Estados Unidos e apoiada ferventemente por algúns aliados europeos? Esta alternativa permitiríalle resolver a crise aos banqueiros internacionais e unificar o campo occidental de cara a unha futura confrontación con China e os países emerxentes, aos que xa están identificando como a nova ameaza a que se enfrontan os intereses occidentais. Os pasos xa se están dando, debilitando e desprestixiando o euro e utilizando a OTAN como un potente brazo militar para dobregar aos insubmisos. Neste caso, co Terceiro Mundo esgazado e co capitalismo sen posibilidade dunha expansión cara outras zonas a curto prazo só cabe -para o Poder que controla Occidente- unha reformulación imperialista a todos os niveis dentro do propio espazo occidental. O que está en proxecto é un sistema orwelliano sen eufemismos.