1,5 Terras e subindo


Baixo a denominación de pegada ecolóxica descríbese un indicador do impacto ambiental causado pola demanda humana. Xa temos falado algo deste concepto, mais compre insistir, e insistiremos...

Mediante a pegada ecolóxica valórase a cantidade de territorio que precisamos para desenvolver as nosas vidas, é dicir, unha persoa na Galiza precisa dun número determinado de hectáreas para xerar todo o que consume nun ano, a cidade de Vigo precisa dun número determinado hectáreas para xerar todo o que se consume nela nun ano, a así sucesivamente. Polo que a estimación de territorio para sobrevivir toda a humanidade un ano ten un valor de varias Terras, hai quen di, optimistamente, un Planeta e medio (1,5 Terras). Isto significa que, si só dispuxeramos do valor dun planeta Terra, teriamos que pasar sen facer nada aproximadamente de setembro a decembro, porque xa non habería nada para consumir ese ano.

Claro que, o valor da pegada ecolóxica tamén ten outras moitas leituras, como por exemplo: como é posible que o Planeta enteiro precise dun Planeta e medio?, ou, se unha persoa do mundo occidental precisa de un número X de hectáreas a quen lle quita o seu espazo vital?

Como ben sabemos pola lei de conservación da masa, de Lomonósov-Lavoisier, nun proceso, a materia nin se crea nin se destrúe. Así que aplicando esta simple norma, non acreditamos de que dispoñamos de máis dun planeta para vivir. Mais, seguindo sobre a indagación da pegada ecolóxica, observamos que o seu valor aumenta co tempo, tamén nos países máis modestos e con baixos ingresos. Isto é indicativo de que a depredación sobre os recursos é voraz e non tende nin a manterse nin a diminuír.

Se tiveramos que representar este feito graficamente fariámolo co OURÓBOROS, o dragón que se come o seu propio rabo, mais a pesar de representar o círculo eterno ou o eterno retorno do ciclo sen fin, neste caso representaría o ciclo que se diminúe a si mesmo, o auto-consumo que remata cos recursos limitados do Planeta. Unha sinxela representación do verdadeiro drama planetario, que tod@s podemos percibir mais que ninguén de nós é quen de reverter.

Ecoloxistas, e mesmo científicos, claman no deserto do desvaldimento, e fican como agoreiros dun final infeliz, vólvense profetas do desastre e por iso estas soflamas son rexeitadas. Asemade, os optimistas pensadores abertos ao universo buscan unha saída cara adiante como se Marte, ou outros planetas homólogos ao noso, foran quen de satisfacer a voracidade desta cobizosa humanidade.

O decrecemento non é apartado de ningún programa eleitoral de éxito, de ningunha fanfarria de campaña.

Mentres, a nosa cultura asume xa esta saída cara adiante coa misión espacial galega, percurando a leira, ou tomada, desa Terra e media que nos pertence. Poremos un can de palleiro en órbita, como primeiro paso e, despois da estación palleira lanzada dende a xallesa Terminal Espacial: Cosmódromo "Valentina Vladímirovna Tereshkova" de Portochán, Freixeiro, Santa Comba, chegaremos a producir pementos de Plutón que uns medrarán e outros non.

Rir por non chorar.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.