Honduras como síntoma
Nas recentes eleccións hondureñas, gañadas pola candidata Xiomara Castro, muller do deposto expresidente Zelaya, tentei procurar algún acto electoral en que aparecese Zelaya coa súa muller: non atopei ningún. Probabelmente foi a algún pero con perfil baixo. A candidata era ela e el... é xa pasado por moito que se presente como asesor, e ese “ser pasado” é un triunfo para aqueles que o destituíron.
“Le dieron un ta’ te quieto”, é unha expresión latinoamericana que anuncia que a alguén lle deron un “aviso”, “destituírono sen matalo” e, xa que logo, ten que mudar de actitude, estar calado, marchar do posto ou invisibilizarse. As súas variantes van desde a acusación xudicial, a incriminación de familiares, a destitución no goberno baixo calquera escusa etc.
Zelaya, malia ser a súa muller a futura presidenta de Honduras, quedou fóra do xogo político. Todos estes anos son irrecuperábeis e o que se podería ter sementado e recollido agora non é máis que un proxecto de colleita... e, ademais, está “avisado”.
Pero a lista é moito máis cumprida. O expresidente paraguaio Fernando Lugo, malia participar na vida activa do Paraguai (na actualidade é presidente do Senado), ten un pequeno grupo político de apenas 5 ou 6 deputados. Cun perfil baixo e sen pretensións, “está calado” e sen posibilidade de voltar á presidencia, malia a liberdade dos labregos condenados inxustamente pola matanza de Curuguaty, que xustificou a destitución de Lugo como presidente do Paraguai.
Evo Morales y Álvaro García Linera de Bolivia, unha vez depostos, quedaron á sombra do seu mesmo partido, que hoxe está mandando en Bolivia, pero con outra xente e arredados, como Zelaya, de calquera protagonismo político.
A invisibilización dos destituídos é o principal obxectivo da destitución. Todo un triunfo para a reacción que procura por este medio anular para o futuro a actividade revolucionaria do pasado.