Grecia viva


Só asistir a esta batalla interminábel e insistente de asedio ao goberno Syriza e ás súas decisións desesperadas para frear os roubos e recortes a que nos someten os Elixidos por Deus, gardadores sagrados das Tablas da Lei, xa un, cegamente, se bota contra estes. É repugnante tanta insidia cando Grecia, o que fai, é simplemente respectar a democracia e defender a soberanía do seu pobo. O que obviaron precisamente os sagrados mandatarios europeos, pois metéronnos nestas condicións que seguimos a padecer pola brava e ditatorialmente. Non esquecemos, aínda, a trampa de Rajoy e os seus amigos do PSOE para mudar no Parlamento do estado principios da propia Constitución, eles, tan demócratas e respectosos coas regras de xogo e tan submisos a ela.

Unha ocasión máis para analizar tamén o papel de practicamente todos os medios de comunicación, entregados aos difamadores e propagandistas desta Europa que estoupa por todos os currunchos e que, polo visto, é a única que se pode defender. Como fai no caso dos milleiros de inmigrantes que estes días seguen enchendo o Mediterráneo e que oculta seguindo o programa das elites que mandan, ou as guerras que estas mesmas levan polo mundo mentres, hipócritas e fanáticas, seguen mantendo aos asasinos que as executan.

O actual goberno grego puxo sobre as conciencias populares dos distintos países algo moi perigoso: oporse a esta política de rapina e recorte continuado dos dereitos democráticos. E oporse como representantes legais do pobo grego. A primeira vez que pasa na historia deste continente. E presentar un programa económico e social contrario aos intereses do capital transnacional: contra as privatizacións, contra os ataques aos servizos públicos, contra os dereitos e salarios dos traballadores e traballadoras... Como a capitá da elite ofendida, a Merkel mercantilizada até as orellas vai permitir tal atrevemento? (teñamos coidado con estas actitudes que a historia é sabia e sempre avisa da catástrofe). Se Grecia aplica os programas democráticos e baseados como regra na produción imprescindíbel para saír de tal situación, a cousa correría como a pólvora e caerían irremisibelmente en Europa os gobernos da rapina, homes e mulleres que ninguén elixiu na maior parte das institucións europeas e defensores a ultranza do novo estado feudal. Claro, eles nunca padeceron. Quen padece é a xente, os pobos. Sería interesante que os cidadáns e cidadás coñecesen a biografía de todos estes actores e actrices que non saben da fame, nen da dor, nen da angustia de pensar no día seguinte.

E agora saltou o que xa non podía aturar a elite sen que se lle removesen as entrañas: un referendo que o pobo grego resolveu opoñéndose contundentemente á política da tríade. Só o anuncio da súa celebración xa fixera saltar aos propios presidentes europeos que teñen a palabra democracia no devocionario do banco, sen gardar respecto e mesura ante a vontade popular. Presidentes da dereita e da socialdemocracia, é dicir, os que ideoloxicamente causaron os males que Grecia padece. Sarcasmo dos sarcasmos.

E nós, os sensíbeis ou, como diría Rosalía de Castro, os simples, ou tristes, que facemos? A única vez que a xa longa situación política ofrece esperanza de futuro e nos pide esforzos e apoios ao goberno de Syriza, atopámonos leados en preparación de campañas e debates electorais, ou percorrendo as nacións do Estado para buscar aliados á nosa inconmesurábel gana de gobernar a calquera prezo. Esquecendo que en Europa hai centos de deputados e deputadas de esquerda elixidos polos seus pobos, dos que nada sabemos. Como é posíbel que non se levante unha voz, unha práctica común ben adobiada de berros e de actos nos que se vexa o apoio unánime a Grecia? Como é posíbel este silencio? Non basta con declaracións de última hora, a correr, como un curto descanso da presa cara á institución, ou con pequenas e forzadas concentracións de protesta para cumprir. Como se, no fondo, non nos decatásemos do que significaría neste momento un apoio masivo da esquerda en calquera parte de Europa e do mundo.

Rectifiquemos o absentismo e poñamos na axenda política o esforzo por deixar patente que a Europa popular e consciente quere outras alternativas para o noso futuro. E por que non, tamén deixar clara a opinión xeneralizada sobre a política desta Unión sacrosanta que segue a mazar nas clases populares. E atención, responsábeis e direccións das organizacións deste signo: hai cegueiras ou localismos que axudan a prolongar a angustia da que, ao mellor, tamén nós somos a causa.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.