Cuba… outra vez na lista «negra»

Cuba… outra vez na lista «negra»
O 12 de xaneiro de 2021, o Departamento de Estado de Estados Unidos (EUA), equivalente ao Ministerio de Relacións Exteriores, acaba de incluír Cuba na lista de «Estados que patrocinan o terrorismo internacionali asegurando un refuxio seguro no seu territorio a grupos coma o ELN ou as FARC».

Con Estados Unidos e o seu dedo acusador acontece como cos médicos españois de cabeceira das décadas dos 70, que eran a poboación fumadora máis numerosa e prohibían fumar aos pacientes.

En Mateu 23, 3 dise: «Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta porque falan pero non cumpren» , é dicir: Fai o que eu digo… non o que eu fago.

Cos distintos gobernos estadounidenses acontece igual. Entre 1982 e 2015, Cuba estivo incluída na lista dos States Sponsors of Terrorism (SST). Ese ano o goberno de Barack Obama retira Cuba da lista e na viaxe de restabelecemento das relacións entre ambos os Estados Obama dá un discurso en La Habana pedindo a liberdade dos presos políticos en Cuba, precisamente el, que ten o maior cárcere con presos políticos na illa.

O grupo dos catro países do SST está formado por Irán (o máis perigoso, segundo EUA), a República Popular de Corea do Norte (cos que estiveron comendo e chanceando hai ben pouco) e Siria. Ás portas quedou Venezuela, que tiña todos os boletos gañadores para estar dentro deste selecto grupo do eixo do mal (relacións económicas con Irán, Siria e mais que económicas con Cuba).

A inclusión de Cuba na lista vén reafirmar unha serie de penalizacións que xa tiña vixentes o Goberno cubano por medio dun galimatías de leis que as distintas administracións reavivan segundo o caso. Porén, esta última inclusión engade a prohibición por parte de Estados Unidos do acceso a créditos do Banco Mundial ou do FMI á República de Cuba.

A idea da inclusión de países nesta lista cínica e macabra e a aplicación de medidas punitivas teñen por finalidade o «afogamento do goberno cubano e a instauración dunha democracia». Porén, a realidade é que a Administración de Estados Unidos utiliza a «inclusión»-«expulsión» da lista non para a chegada da «democracia» neses Estados ou a eliminación dos seus vencellos co «terrorismo», senón para obter vantaxe en temas que son do seu interese, que van dende o desarme nuclear coreano ou iraniano ao apoio de grupos disidentes que forcen unha saída de gobernos non amigos coma o sirio, cubano ou venezuelano.

Son múltiples as voces estadounidenses que recean destas medidas draconianas. O embargo comercial de Estados Unidos a estes países reforza (vense forzados) o comercio coas dúas potencias xeopolíticas na actualidade: China e Rusia. Non é casual que China multiplicara as súas relacións comercias con China, Rusia con Siria e Cuba e Venezuela, e Irán con Venezuela.

Este efecto «rebote» baleira a efectividade das sancións aos gobernos mentres afunde na miseria a poboación que se pretende «salvar» para que acade a «liberdade da democracia occidental», reforzando a polarización internacional e alimentando a influencia de China e Rusia nun mundo cada vez máis polarizado, principalmente, pola política exterior estadounidense.

i Estados Unidos anuncia inclusión de Cuba como Estado Promotor do Terrorismo.