Cadávares políticos


As chamadas maquinarias dos partidos políticos son sorprendentes e en ocasións milagreiras. No seu día Pedro Sánchez foi defenestrado como secretario xeral do PSOE pola executiva e nun plis plas convertérono nun cadáver político. Pero o morto resistiuse e decidiu presentarse ás primarias. Cando viron que intentaba resucitar, os baróns e xarróns chineses intentaron rematalo sen éxito, porque unha parte da militancia deixounos en evidencia castigando o procedemento de defenestración e a súa inxerencia no proceso. Un ano despois, e sen pasar polas urnas, está como presidente do Goberno. Milagre este e non o da resurrección de Lázaro.

Este caso é sen dúbida ao que ben se lle pode aplicar os versos falsamente atribuídos a José Zorrilla no seu Don Juan Tenorio:

Los muertos que vos matáis, gozan de buena salud.

Parece que pertencen á obra Le menteur do escritor francés do século XVII Pierre Corneille:

Les gens que vous tuez se portent assez bien.
As persoas que vos matades, teñen bastante boa saúde.

O resultado das primarias do PP

Un caso ben distinto é o do PP que no seu experimento de primarias para cubrir a baixa de Rajoy e impulsar a rexeneración, segundo nos dixeron, acaba de facer o contrario, creou tres cadáveres políticos, María Dores de Cospedal, Soraya Sáenz de Santa María e Pablo Casado, e de carambola saíulles un tapado que tamén nace morto, Alberto Núñez Feijoo, no que, a pesar da espantada, aínda fían todas as súas esperanzas.

Como se encargaron de publicar ao parecer os simpatizantes do ganador, mal se pode renovar un partido con xentes que levan máis dun cuarto de século vivindo da política e manillando nas directivas para eternizarse nela. Pero a rexeneración non é unha cuestión de idade senón de ética e honradez persoal dos que a teñen que levar a cabo.

Polo visto a renovación ideolóxica consiste en regresar á época de Aznar e á dereita máis rancia para recuperar a un electorado minguante por razóns de idade. Logo dunhas eleccións ao que era alcalde de Becerreá, Antonio Fernández Pombo, fixéronlle ver que no seu municipio o PP baixara, pero fixo unha análise moi certeira:

"Non é que o PP baixe, é que a xente morre".

E este segue a ser un dos problemas do PP, cada catro anos, por unha cuestión demográfica, perde votantes. A esta sangría de votantes hai que engadirlle a influencia que no seu electorado poidan ter os casos de corrupción e a presenza dun competidor que antes non tiña, Ciudadanos, que atrae a unha parte dos seus votantes.

Un político profesional

Para afrontar esta realidade o PP decidiu, por moda, elixir a un líder mozo, guapo, sempre riseiro, extrovertido, con incontinencia verbal e unha suposta capacidade intelectual pouco común, xa que foi quen de superar dezaoito materias de Dereito nun ano. A imaxe perfecta para facer co líder un bo marketing, nisto hai que recoñecer que melloraron ata o infinito porque é todo o contrario do que era Rajoy. Pero ten varios peros. Elixiron a un personaxe sen oficio coñecido, criado nas Nuevas Generaciones de onde pasou a desempeñar cargos políticos remunerados, facendo da política a súa lucrativa profesión.

A experiencia demostra que os políticos profesionais non son de fiar porque farán todo o posible para manterse, primum vivere, e por iso son a presa fácil dos poderes económicos, que ao fin son os que manexan os fíos da política. Este tipo de políticos son os que adoitan facer da mentira e a terxiversación o seu credo, e por iso non deberían de interesar á maior parte da cidadanía. Pero por desgraza son elixidos, como Trump. A regulación de mandatos, non máis de oito anos, é unha cuestión que aínda ten pendente o noso sistema democrático para evitar a perpetuación nos cargos e os políticos profesionais, con todo o que iso leva aparellado.

O discurso cínico

Casado encaixa neste perfil pois minte cando afirma que veñen millóns de inmigrantes, un discurso demagóxico de novo rico que esquece que Europa en xeral, e España en particular, exportou efectivos humanos a América primeiro e a países europeos despois para contribuír ao seu desenvolvemento. Cunha poboación envellecida non imos ter máis remedio que recibilos para que traballen por nós.

O político popular está na liña do discurso cínico de Trump que persegue a emigración cando a orixe de toda a súa familia, desde o seu avó, e a da súa actual esposa, son emigrantes. Aínda por riba, despois do espectáculo do muro con México e a separación dos fillos de inmigrantes dos seus pais, os seus sogros eslovenos conseguiron a nacionalidade estadounidense por reagrupación familiar. A súa esposa Melania obtivo en 2001 unha visa de residencia Einstein que como se pode deducir polo nome está reservada a persoas con "habilidades extraordinarias". A primeira dama foi modelo.

Seguindo a teoría do discurso cínico, o PP segue facendo política co terrorismo cando non goberna, esquecéndose da lealdade que pide ao PSOE cando o fai. O achegamento de presos a cárceres do País Vasco e dos indenpendentistas cataláns, preséntao como un pago de favores cando sabe que é unha cuestión legal. O PP nunca tivo o menor reparo nin escrúpulo en utilizar ás víctimas do terrorismo para facer a súa política de exaltación patriótica.

E niso segue malia desaparecer ETA. Pero a falta dese inimigo supostamente rendible en termos electorais hai que substituílo por outro. Agora seguirá facendo mercancía política con outro tema delicado, o de Cataluña para o que non aporta ningunha solución que non sexa conflictiva. A competencia co lider de Ciudadanos para ver quen é máis patriota eliminando lazos amarelos e alentando á xente a que os retire, ten o perigo do enfrontamento civil, o que demostra a bisoñez de ambos os dous e a súa irresponsabilidade. ¿Ata cando? Ata que un tribunal resolva o do master do líder do PP que polos síntomas parece que non se vai a librar tan fácilmente como do caso dos seus fulgurantes estudos na Universidade Complutense.

¿E despois de Casado, que?. Pois repetiráse a xogada. Posiblemente chegará Feijoo coa sombra do seu pasado. As fotos co contrabandista Marcial Dorado son tan pouco agradecidas como o master.

Non só son as persoas físicas as que tropezan dúas veces na mesma pedra, tamén o fan as xurídicas, neste caso os partidos, algúns especializados en crear cadáveres políticos, paradóxicamente co pretexto de rexenerar.