Algunhas claves sobre as convulsións no mundo árabe
Entre finais de 2010 e xaneiro de 2011 daban comezo amplas mobilizacións populares en varios países do norte de África denominadas xenericamente pola prensa occidental como “primavera árabe”. Ao parecer o detonante destas mobilizacións, nalgúns casos, fora o alto desemprego e a carestía dos alimentos básicos (Tunicia e Exipto), pero noutros, como por exemplo en Libia, as mobilizacións contra Gadhafi estaban instigadas polas monarquías do Golfo e foron magnificadas intencionalmente polos medios occidentais co obxecto de facilitar a intervención da OTAN. Nese país as condicións económicas eran totalmente diferentes á dos países limítrofes, cun nivel de desenvolvemento e de distribución económica que lles permitía aos libios o pleno emprego, ademais de necesitar dun alto número de inmigrantes –principalmente dos países veciños- para manter o impulso da súa economía xunto a un alto nivel de prestacións sociais, moi por encima do resto dos países do norte de África.
Sen negar as condicións obxectivas de enorme atraso social e explotación económica en moitos países do norte de África o nexo común das mobilizacións nos diferentes países árabes foi o seu contido islamita radical sen un proxecto definido e que a dirección principal das protestas estivese a cargo dos Irmáns Musulmáns (Exipto e Tunicia) e por faccións integristas salafistas ou takfiristas en Libia e Siria apoiadas fortemente polos réximes “democráticos” de Arabia Saudita e Qatar, sen contar co valioso apoio operativo dos servizos de intelixencia occidentais e, finalmente, a brutal intervención militar directa no caso libio.
Aínda que todos os media occidentais aplaudían efusivamente esta primavera árabe como a máis requintada das revolucións democráticas a calquera observador atento lle sorprendía que Occidente apoiase uns integristas musulmáns vinculados a sectores próximos á deostada Al Qaeda que combatía abertamente noutros países como Iemen ou Afganistán.
Máis tarde puidemos coñecer que as “primaveras árabes” foran planificadas con anterioridade nas chancelerías de Estados Unidos e de algunhas capitais europeas, como Londres e París. Tratábase dun elemento máis do Proxecto Global de Occidente co obxecto de neutralizar modelos desviados como a Libia gadhafista ou substituír aos vellos e desgastados gobernantes árabes aproveitando o malestar social creado pola suba dos alimentos, consecuencia en gran medida da brutal especulación no mercado neoliberal de futuros. Incluso se tiña preparado con antelación un vasto plano que incluía o reparto de áreas de influencia acordes co pasado histórico colonial das antigas potencias europeas. Así, por exemplo, Libia sería para os británicos e Siria para os franceses. Nestes conflitos a outros estados europeos só lles tocaba o papel de comparsas, como a Italia e España. Pero neste reparto algúns non contaban coa existencia de poderosos países emerxentes, como Rusia e China, en absoluto dispostos a xogar un papel subalterno no taboleiro mundial e asistir impávidos ao novo reparto colonial. Rusia enviou varias advertencias a Occidente sobre o inaceptable de tal proxecto en forma de varios ensaios de novos sistemas de armas, incluídos novísimos mísiles nucleares intercontinentais, e a volta dunha potente flota rusa ao Mediterráneo ausente dende a época soviética, ademais dunha alianza estratéxica con China.
,Non é estraño, pois, que algúns en Occidente captaran correctamente que Rusia e China van xogar un papel determinante no próximo futuro e que a época da imposición unilateral do estatu quo americano chegou ao seu fin. Así é como xorde unha grave contradición entre os intereses do sector tradicional máis belicoso e intervencionista da oligarquía mundial e o máis pragmático. Esta división trasládase á Administración de Obama onde os falcóns –Hilary Clinton, o xeneral Petraeus, León Panetta…- comezan a ser desprazados polos máis realistas coñecedores das consecuencias da nova correlación de forzas no ámbito internacional. Neste contexto, despois dun escuro atentado, en setembro de 2012, no consulado de Bengasi onde é asasinado o embaixador americano en Libia, prodúcese a caída en desgraza e posterior destitución de Hilary Clinton dando paso a John Kerry. A continuación tocoulle a quenda ao director da CIA, o xeneral Petraeus, ao facerse pública unha oportuna e misteriosa relación amorosa do alto militar americano. Finalmente foi defenestrado León Panetta sendo substituído en febreiro deste ano por Chuck Hagel á fronte do Pentágono.
Aínda así as contradicións no seo da administración Obama están lonxe de ser resoltas e o último episodio ilustrativo deste estado de confusión deuse con motivo do último golpe militar en Exipto. Mentres Kerry defendía a lexitimidade de Morsi e pasaba a un sorprendente segundo plano o Pentágono promovía abertamente o golpe e avalaba a separación dos Irmáns Musulmáns do poder manobrando directamente no seo do exército en aberta conivencia co ministro de defensa exipcio Al-Sisi.
En resumo, todo parece indicar que a subida ao poder dos Irmáns Musulmáns na zona en 2011 estaba en consonancia coa estratexia de intervención en Libia e posteriormente en Siria. Pero o conflito sirio non saíu como se esperaba e a pesares da intervención directa dos servizos de intelixencia americanos, británicos e franceses xunto ás vagas de mercenarios takfiristas financiados por Arabia Saudita e Qatar o goberno sirio demostrou ter un elevado respaldo popular e un exército unido e eficaz, máis alá de recoñecer que houbo excesos inadmisibles na represión das primeiras mobilizacións pacíficas dalgúns sectores da oposición siria. O apoio invariable de Rusia e China ao lexítimo goberno sirio botou por terra a estratexia deseñada inicialmente polo equipo de Clinton e o Pentágono evidenciando que había que chegar a algún tipo de acordo cos rusos. Neste contexto é no que hai que analizar o último movemento americano en Exipto e Qatar apartando -por diferentes medios- aos antigos dirixentes. En Occidente necesitaban neutralizar o salafismo incontrolable, o chamado por Al Assad ‘islamismo político‘, moi implicado nunha solución militar en Siria coa posible imposición dun réxime takfirista radical e reconducir a situación a un modelo pactado con Rusia.
De todas as maneiras é probable que os enfoques contraditorios na esfera occidental persistan aínda durante algún tempo. Acomodarse nos altos círculos do poder a unha nova situación de Declive Occidental non é doado e nese contexto é no que hai que encaixar os movementos descritos anteriormente, ademais das fugas de información tipo Snowden ou a depuración de militares de alto rango como o xeneral Cartwright, ex-xefe do Estado Maior Conxunto, representantes públicos da ala pragmática da oligarquía mundial que xa recoñece que a etapa de poder unipolar liderado por USA está rematando, dando paso a un novo sistema multipolar aínda por definir.