A lenta “morte” de Estados Unidos

A lenta “morte” de Estados Unidos
O falar non ten cancelas e o escribir sobre a apocalíptica caída de Estados Unidos baseada no cóctel Covid-19, no impredicíbel Trump e nos problemas raciais das últimas semanas semella un exercicio físico que se converteu en ladaíña.

«Hoxe, EUA cambaléase incapaz de dar resposta nin aos desafíos externos nin aos desaxustes internos[1]».

A lista de especialistas augures da catástrofe estadounidense como imperio vai dende Tom Engelhardt «un liderado irresponsábel e ridículo nun planeta que agoniza» pasando polo historiador escocés Niall Ferguson Colossus: The Price of America's Empire (2016) ou o libro do sociólogo estadounidense Immanuel Wallerstein La decadencia del imperio. Estados Unidos en un mundo caótico.

Estados Unidos como primeira economía do mundo é líder en tecnoloxía civil, militar ou incluso na industria do entretemento que abrangue o cine, a música, os videoxogos, a televisión en directo por plataformas privadas ou o mundo editorial.

Segundo CEDRO[2], Estados Unidos encabeza o mundo editorial a nivel mundial con preto de 3,5 millóns de ISBN (siglas en inglés International Standard Book Number), seguido polo Reino Unido (185.721), Alemaña (139.940), Italia (137.397), India (129.326) e a Federación Rusa (103.826). O Estado español contabilizou 86.872 ISBN rexistrados nese período.

Un dato relevante que moitos pasan por alto e debería ser importantísimo á hora de medir a teórica crise estadounidense é que, o mesmo ano do Covid-19, Estados Unidos esta ás portas da autosuficiencia enerxética (inalcanzábel para China). A todo isto debemos sumarlle que aínda é a primeira potencia económica cuns investimentos en investigación civil e militar superiores a todos os orzamentos de todos os países membros da OTAN xuntos. Na listaxe da Universidade de Shanghai (2019) das mellores universidades do mundo, das 22 primeiras, 18 son estadounidenses, 3 inglesas e 1 suíza.

As próximas décadas traerán un Estados Unidos distinto. A alta taxa de natalidade da poboación hispana e a súa incorporación a tarefas de gobernanza traerá un país con máis intereses en Latinoamérica e menos en Asia ou Europa pero, polo momento, a caída e substitución de Estados Unidos como potencia económica e militar no mundo é improbábel, mesmo estando Mickey Mouse na presidencia (como ben dixera o presidente mexicano Manuel López Obrador que non era unha posibilidade descartábel).

[1] Miquel Echarri oara ICON [2] Centro Español de Derechos Reprográficos