Vivamos como… galeguiños?


Emocionante!


As primeiras publicidades dos supermercados Gadis hai xa cinco anos baixo o lema “Vivamos como galegos!” foron todo un acontecemento televisivo. E non era para menos! Quen de nós, amantes da Galiza, se podería resistir a emocionarse ao asistir á épica irrupción do supergaiteiro en pleno Manhattan, tal un musculoso He-Man galego subido no teito do típico taxi amarelo neoiorquino, ao fío dunha historia narrada por un rapaz galego novo, dinámico e con formación que vai aproveitar unha bolsa para estudar nos Estados Unidos? Oxalá fose así de brillante o futuro que espera as mozas e os mozos que non teñen máis remedio do que marchar a un ritmo vertixinoso debido á falta de emprego á procura dunha vida algo mellor fóra do país, como xa o fixeron os seus pais, nais, avós e avoas antes, tal e como relata un outro anuncio da serie.

Sendo xenerosos cos inescusábeis erros a respecto da colocación do pronome que salpican o texto do anuncio, cabe recoñecer o valor deste enaltecemento dalgúns dos elementos emblemáticos máis senlleiros da cultura galega, desde as filloas, os piornos e as empanadas, até o queixo de tetilla e a queimada, pasando polo polbo (que non ‘pulpo’ señores da RAG!), cun rapaz que fala da necesidade de “entrar en razón” e “desacomplexarse” diante do que vén de fóra. Un pouco estereotipado, iso si... mais, con todo, a mensaxe é clara: diante do alleo non hai por que renunciar ao propio, aquilo que @s nos@s compatriotas desterrad@s se encargaron de espallar polo mundo adiante, reivindicando o valor do noso. Todo se pode resumir nunha soa palabra: orgullo... orgullos@s de sermos galeg@, dándomonos azos para sacarmos o peito á imaxe e semellanza do heroico gaiteiro que leva escrita a palabra ‘galego’ nas súas anchas costas. E boa falta nos fai a algúns e algunhas de nós!

Outro tanto similar acontece na versión “aquí como en ningún sitio”, onde tamén fica representada a riqueza da diversidade do país, desde as aldeas até as aulas das universidades e onde a resposta ‘ambigua’ –lonxe do tópico da sempiterna dúbida do galego vacilante– se interpreta como unha expresión de ‘optimismo’, e os galegos son caracterizados como ‘positivos’. Aínda que o protagonista tamén sobe ao teito dun coche para arengar as masas, a falta do sentido épico a respecto da versión antes comentada fica compensada por unha boa dose de humor retranqueira quintaesencialmente galega.

Até aí todo ben. Todo moi meritorio e moi necesario, e mesmo alguén poderíase preguntar por que é que lle ocorreu a unha empresa privada a idea de exaltar o noso para fidelizar a súa clientela e vender os seus produtos antes de que aos responsábeis da Xunta... mais, creo que sabemos moi ben cal é a resposta, mais aínda así parece mentira que determinadas empresas privadas mostren maior amor e compromiso co país do que os poderes públicos que supostamente nos representan.

O certo é que está moi ben feita a publicidade. No entanto, non podo deixar de me preguntar se nos conmoveu e se popularizou até tal punto só por facer fincapé no valor positivo e ‘universal’ da cultura galega –de que non hai que renegar a favor da española, ándese por onde se ande polo mundo– ou se, en grande medida, por non estarmos afeit@s a que nos retraten así nos medios. Máis ben todo o contrario. Mentres en Catalunya son ‘peseteiros’ (e así lles vai de ben) e en Euskal Herria ‘testáns’ (e así logran encher as rúas de Bilbo malia a prohibición), na Galiza non somos máis –no imaxinario ‘colectivo’– que unha panda de submisos, rudos e babecos... Polo menos, esta imaxe xa non conta co aval da RAE que –non antes de tempo e grazas á insistencia do BNG– finalmente retirou ‘tonto’ como acepción de ‘gallego’ da XXIII edición do seu dicionario de referencia, aínda que só na versión e papel, pois seguen nas mesmas na versión consultábel na rede. Tamén seguen empeñados en que os coruñeses viven en La Coruña e os ourensáns en Orense, mais isto é xa fariña doutro fol.

En todo o caso, de tanto vérmonos retratados así, hai quen acaba por crer a trola, pois do odio ao autoodio de Galicia Bilingüe ou da tal Marta de Gran Hermano só hai un paso. E non hai que ser Einstein para saber quen son os verdadeiros ‘aldeáns’ (como se fose un insulto...) e ‘paletos’...

Eis o quid do problema. Xa é grave abondo que se dediquen a nos denigrar e insultar desde a incomprensión española das culturas ‘disidentes’ e que nos pretendan ridiculizar, asimilar ou aniquilar (ou as tres cousas á vez), sen que nós propios nos poñamos a facer o mesmo. E aí están figuras como Mucha e Nucha ou programas como Land Rober entre outros, para nos ofreceren a súa particular versión dunha Galiza atrasada e castrapizada para que sigamos interiorizando e asumindo os estereotipos que nos impoñen desde fóra para rebaixarnos. Abofé que rirse dun mesmo é moi san, e boa mostra disto témolo, por exemplo, na parodia galega do vídeo clip do Wrecking Ball de Miley Cyrus que aproveita o leitmotiv do rural galego con humor sen pasar a raia da mofa ou, arríscome a dicir, o personaxe do ‘Xurxo’ de David Perdomo. Outra cousa moi diferente é autoridiculizarse até caermos na trampa de crer que non valemos por nós mesm@s.

,Decepcionante!

Nesta última dirección tiran, por desgraza, as máis recentes publicidades de Gadis, desde o famoso “Malo será!” até o “Se chove que chova!”.

O primeiro anuncio abre con imaxes conmovedoras en branco e negro da emigración que se describe... en termos dunha aventura: “viaxando onde ninguén fora antes” (a onde?!) e “loitando sen entender” (o que?!). Polo menos, nun principio, @s galeg@s son “combativ@s”, conquistando o mar, etc. Mais logo todo é devalo. Cal é a “fórmula secreta” para saír adiante? Escollendo entre as moitas opcións que ofrece o refraneiro galego, deron con “Tranquilo! Que malo será!”, acompañada de fondo (seguro que nin te fixaches!) pola Oda á alegría de Beethoven, mellor coñecida como o himno da Unión Europea... E o mesmo supergaiteiro de antes, ergueito ante a catedral de Compostela, agora nos anima a nos resignarmos ante a adversidade. Ninguén se vai responsabilizar do atentado ecolóxico do Prestige? Que malo será! Que van lexislar para que as mulleres non poidan decidir sobre o seu corpo? Que malo será! Que a taxa de desemprego xuvenil pasa de 50%? Que malo será! Pois si! Malo, moi malo será se seguirmos esta recomendación!

O segundo está repleto de imaxes fermosas da Galiza e, case até o final, vai todo moi ben. E logo vén a famosa frase: “Se chove que chova!”. O que se supón que enxalza é “a nosa alegría” que “non se nubra nunca” grazas... a agocharmos a cabeza! Está moi ben ser positivo e pór boa cara ao mal tempo, mais, en combinación co ‘malo será’ de antes, aquí cheira máis ben a resignación. Se hai que emigrar: emigremos! Se desaparecen o agro e a pesca: que desaparezan! Se desafiúzan as vítimas da crise capitalista: que as desafiúcen! Non sei eu, mais parece máis ben un caso de “Din que chove e mexan por nós!”.

É unha mágoa, pois hai outras entregas da mesma serie de anuncios onde se loan calidades máis positivas, animándonos a que “nunca tiremos a toalla”, mais que non chegaron a ter o mesmo impacto mediático.

E por último un apuntamento final, mais non por iso menos importante. Mentres cabe aplaudir a decisión de centrar a publicidade de “Se chove que chova!” na figura de varias mulleres máis ben idosas e onde “o home máis sabio de Galicia” vén sendo “por suposto unha muller”, esta imaxe positiva non deixa de entrar en contradición con outras, onde a muller (supoñemos que a nai, como non?) “fai tres cousas á vez” e “saca a familia, sorrindo e gozando”, “axudada” –finalmente– polo seu fillo, en canto que os varóns virís desempeñan papeis moito máis heroicos. Non hai que pedir landras ao castiñeiro, e non proporía, a estas alturas, que empregaren o arroba, mais si creo que podían aproveitar a ocasión para mudar o coñecido lema da campaña por “Vivamos como galegas!”.

Non agochemos a cabeza! Sigamos na loita para unha Galiza soberana onde tod@s poidamos vivir en dignidade. Onde poidamos vivir como galeg@s de verdade!