Vamos de fronte!
Non pretendo sentar cátedra, mais creo que no momento de comentaren o que Lois Diéguez acerta en denominar "ese longo serial de telenovela sobre os resultados das últimas eleccións", algunhas persoas nas súas desafortunadas declaracións públicas pecan de confundir os medios cos fins, perdendo de vista a esencia orixinal do BNG e o seu propósito fundamental. Unha vez esclarecido o que fomos e o que somos, poderemos falar se queremos ficar fieis a nós mems@s ou se, pola contra, os avatares da conveniencia política exixen que mudemos de forma e de rumbo.
Ás veces as evidencias máis obvias son aquelas que xa non percibimos, ao ficarmos atrancad@s nas polémicas electoralistas e outras liortas moitas veces estériles e mesmo suicidas. Así, pois, comecemos polo principio e polos principios. O BNG foi fundado en 1982 como fronte patriótica para dar voz organizada á pluralidade do pobo galego consciente reunido no seo seu, representando unha alianza interclasista das maiorías sociais da que precisa un país non só asoballado, senón tamén secularmente colonizado.
Hai quen di que o modelo frontista seica xa non vale. Porén, eu argumentaría que si segue a ser vixente sempre que non mudasen as condicións obxectivas de subordinación socioeconómicas características da colonización interna da Galiza (remítome aos escritos de Xosé Díaz Díaz entre outros, publicados no Terra e Tempo).
O BNG defende, pois, os intereses comúns do pobo galego sen exclusións, en marcha cara á súa soberanía nacional e unha sociedade máis xusta. No entanto, este seu pluralismo, abertura cara á sociedade e defensa do interese común non é sinónimo de ser 'patrimonio de tod@s', outra confusión intereseira que se leva propagando desde hai certo tempo. Vexamos. Hai quen predica a 'morte das ideoloxías' no seu afán de desacreditar aquelas forzas políticas como o BNG que apostan por unha verdadeira transformación democrática, para así poder substituír a 'clase política' con simples 'xestores imparciais', que non son, en realidade, outra cousa que os executores máis acérrimos da política neoliberal imposta pola banca e as transnacionais, como no caso do golpe de estado con luva branca en Italia. Non nos enganemos: fronte a esta percepción intencionadamente deturpada da política, non somos 'tod@s iguais' e as ideoloxías son máis pertinentes que nunca, ao seguir existindo unha sociedade de clases onde non conflúen os intereses das unhas e das outras. Se ben, nun país colonizado como o noso, coinciden os intereses das clases traballadoras e outros sectores que representan a maioría social, o BNG non se pode entregar, como pretenden algunhas persoas, a 'toda a sociedade', incluídas aquelas forzas presentes na sociedade que acreditan nos proxectos españolistas, desde o PP e o P(SO)E, pasando por EU. As proclamas de 'gobernar para todos' (Feijóo dixit) son unha falacia: non se pode servir asemade os intereses oligárquicos do Estado imperialista, a banca e o capital transnacional por un lado, e os intereses populares da Galiza polo outro.
A función real do BNG é tentar facer ver a determinados sectores que o nacionalismo é a única forza política que representa os seus verdadeiros intereses. Noutras palabras, afanarse para que o pobo galego se tornar consciente de si mesmo. O BNG non é unha simple máquina electoralista cuxa función primordial sería a de rapinar votos d@s 'descontent@s' do P(SO)E ou de quen for. O éxito electoral é, de facto, unha cousa moi fácil de conseguir: só habería que renunciar ao noso ideario, renegar dos nosos principios e facer uso dun populismo demagogo e hipócrita.
Non digo que os comicios non sexan importantes. Claro que o son; mais para acadarmos maiores cotas de penetración social e concienciación nacionalista, non para o poder en si. Para o BNG, as eleccións e o poder institucional son unha ferramenta máis para facer avanzar a causa do nacionalismo popular. O certo é que, aínda que hai moito que se pode facer desde as institucións, tamén se pode facer moito desde fóra delas nos movementos de base, onde o BNG estivo sempre e segue a traballar.
É comprensíbel que haxa militantes e simpatizantes que se senten cans@s e mesmo frustrad@s ante resultados electorais que non vou entrar a valorar. Agora ben, para alén dos acontecementos puntuais a curto prazo, a situación convídanos a nos armarmos de moita paciencia: gañar votos sexa como for podería conseguirse nun espazo de tempo relativamente breve; no entanto, darlle a volta a varios séculos de historia de dominación, colonización a alienación vai levar algo máis de tempo que os escasos 29 anos de vida do BNG até hoxe. Desde que Olympe de Gouges escribiu a Declaración dos dereitos da muller e da cidadá en 1791 tiveron que pasar 153 anos até que a Francia recoñecese o dereito de voto feminino (no cantón suízo de Appenzell Innerrhoden non se conseguiu até 1991...). Levou o movemento dos dereitos civís nos EUA 72 anos, desde 1896 até 1968, para acabar coas leis discriminatorias de miscixenación. Así que non acabou o mundo o 20 de novembro. Fica moito traballo por facermos, con afouteza e esperanza e a cabeza ben alta.
Cómpre ficarmos máis fieis que nunca ao noso ideario, a nós mesm@s. En definitiva, ao pobo galego. Un exemplo diso ten que ser a defensa férrea e inquebrantábel da lingua galega como lingua nacional da Galiza, malia as dificultades para facer chegar este fundamento do nacionalismo á sociedade. Mais fronte á censura e manipulación mediáticas e os ataques constantes, só cabe unha resposta: pedagoxía reivindicativa e nunca renderse ante os obstáculos que colocan no noso camiño.
Se claudicarmos nesta nosa responsabilidade, ficaremos engulidos no mælstrøm do discurso apisoador de que 'somos tod@s iguais'. No BNG si somos diferentes, e debemos seguir a loita para esta diferenza, que non é outra cousa que a de sermos a única forza política que representa e defende os intereses da Galiza e a transformación democrática, camiño dunha sociedade máis xusta.
A resistir, compañeir@s, cada día máis e avante! Vamos de fronte!