Uns vao bem e outros mal
09 de marzo de 2011 (23:00 h.)
Este era o título dunha canción de Fausto moi popular nos anos da Revolución portuguesa do seu álbum "Madrugada dos trapeiros" publicado no 1977 no que tamén figuraba outra fantástica peza "Se tu fores ver o mar (Rosalinda)".
Uns vao bem e outros mal puña de manifesto algo que hoxe é una evidencia: a crise económica non é igual para todo o mundo.
Galiza está a sofrer gravemente as súas consecuencias. A acción conxunta de dous gobernos, a do PSOE no goberno central e a do PP na Xunta de Galiza, está afectando negativamente aos nosos sectores produtivos. Medidas coma o Decreto do Carbón ou a privatización de novacaixagalicia son un bo exemplo.
Os traballadores e a maioría social estamos padecendo as consecuencias destas políticas coa eliminación de conquistas sociais, incremento do número de persoas no paro, redución de salarios e do poder adquisitivo, expedientes de regulación de emprego, precariedade laboral, etc. Comerciantes e pequena e mediana empresa sofren tamén estas políticas coa caída da demanda e a falla de crédito bancario.
Neste escenario resulta unha provocación que estas políticas de axuste ao servizo do gran capital financeiro coincidan coa presentación de resultados de ganancias espectaculares das empresas do IBEX 35 no pasado exercicio 2010.
Os seus beneficios incrementáronse nunha media do 22% a respeito do 2009. Máis de 50.000 millóns de beneficio no 2010 mentres vemos como as subas desproporcionadas de prezos en sectores tan básicos como o da electricidade, combustibles, telecomunicacións, banca e demais sectores privatizados non hai moito reducen o noso poder adquisitivo e poñen en risco moitos comercios e pequenas e medianas empresas.
As grandes empresas están aproveitando a crise económica para reforzar as súas posicións. Esta oligarquía que reclama sacrificios e austeridade aos traballadores aproveita a ocasión para lucrarse gañando máis que nunca. Poder económico e poder político van da man sen disimulo algún. Pásase do Goberno aos Consellos de administración e dos Consellos de administración ao Goberno nun baile permanente que mesmo non garda as formas do que debería ser un exercicio mínimo de ética e de aplicación do principio de incompatibilidades.
Como lóbi están avanzando na materialización dos seus obxectivos de eliminación das conquistas sociais -pensións, lexislación laboral- recentralización do Estado e apertura de novos ámbitos de privatización nos servizos públicos e nas caixas de aforro.
Galiza tamén está en situación de risco con estas políticas e coa imposición de medidas que van condicionar negativamente o noso futuro.
A letra da canción do Fausto chamaba a movilización "uns vao ben e outros mal, mais va como tu quiseres, eu non quero o que tu queres que sao doutra condiçao".
Tamén hoxe é preciso social e institucionalmente continuar co esforzo que o nacionalismo galego está a desenvolver para mudar esta situación.
O domingo día 13 temos unha nova oportunidade de facer oír a nosa voz. En defensa do aforro, do emprego, do País.