Un vello problema é de novo noticia
01 de setembro de 2010 (00:01 h.)
Todos os veráns os lumes percorren parte do noso territorio, pero só nalgúns momentos, as circunstancias os fan foco dos medios. Pensar que tras o paso das primeiras chuvias o problema estará resolto non é máis que negar a realidade e retrasar a solución.
Os lumes voltan a ser noticia negativa este verán, e especialmente no mes de agosto no que tivemos días verdadeiramente dramáticos: morte de dous traballadores do operativo de extinción de incendios (as miñas máis sentidas condolencias para os seus familiares), cortes de estradas e autovías, desaloxos de casas e aldeas, declaración do nivel 2 de alerta en diversas zonas. Asistimos tamén, estas últimas semanas a situacións tamén moi dramáticas en países coma Portugal ou Rusia onde as consecuencias dos lumes tardarán anos en recuperarse e a perda de vidas humanas está a ser numerosa (caso de Rusia).
Os lumes son unha traxedia e non deberíamos aproveitarnos da situación circunstancial (altas temperaturas, falta de precipitacións durante semanas, forte crecemento da vexetación froito dun inverno suave e unha primaveira chuviosa) para facer guerra dun problema que tan só é a parte visible dun iceberg. En realidade, o gran problema dos lumes non é noticia: a situación do noso rural co abandono do territorio e a imparable perda de poboación. O artigo de Rosana Pérez realiza unha moi boa análise do que pasou na vaga de lumes do 2006 e o que está pasando agora, e as distintas formas de afrontar as mesmas situacións por parte do PP (tanto do señor Feijóo, coma a dos alcaldes que integraron a plataforma SOS contra o lume).
A política informativa sobre os lumes da consellería do Medio Rural (ao mesmo que a súa política forestal) está sendo oscurantista e manipuladora, xa que en todo momento se intenta minimizar o problema e se empregan todo tipo de estratéxias: tan só informan cando os lumes superan as 20 ha, fala de quilómetros cadrados e non de hectáreas (1 km2 equivale a 100 ha, polo que o seu efecto visual reduce en dous díxitos a dimensión), non ten publicado os traballos de prevención realizados no territorio, non ten publicado o grado de cumprimento dos plans de prevención, non está a informar e concienciar sobre parte das normas establecidas pola lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais (principalmente as que fan referencia a planificar e poñer orde no territorio: distancias das prantacións ás casas e vías de comunicación, obriga de limpeza das parcelas). Pode ser razoable non publicar varias veces ao día os datos dos lumes (ante a necesidade de procesar os datos en momentos de moitos lumes e pola posibilidade remota dun efecto chamada), mais iso non quita publicar periodicamente (como mínimo unha vez á semana) o número de lumes e superficie a nivel territorial, amais de indicar os lumes que se están a producir diariamente.
Cando cheguen as chuvias de outono e o número de lumes teña descendido considerablemente, os lumes deixarán de ser noticia e aparentemente todo estará resolto. Porén esto será un espellismo; o problema seguirá aumentando ata que non se teñan correxido os problemas estruturais que xeneran os lumes e se teña implantado unha verdadeira política a prol do monte que se fundamente nunha prevención activa.
Todos e todas somos cómplices
O 95% dos incendios forestais parten de causas humanas (ben por intención, ben por neglixencia), polo que está claro que é necesario traballar coa xente para que en conxunto se consiga a premisa de que o mellor lume é aquel que non se produce.
Desde vai décadas estamos acostumándonos a que arda ao noso carón e non nos preocupemos ao pensar que o que se está queimando non ten valor. Só se o lume se achega as nosas casas, pedimos axuda e reclamamos a intervención de medios. En moitas das parroquias do noso país a xente coñece ou sospeita quen está prendendo lume, pero cala ou mira para outro lado. Por este mesmo motivo é necesario que o goberno artelle medidas que impliquen á xente na extinción dos lumes a través da súa participación na investigación e prevención das causas da súa aparición en cada lugar. Esa participación ten que comportar a resolución por parte da administración das causas que xeneran eses lumes. Amais ten que incentivarse a implicación da sociedade na vixilancia activa dos lumes. Un bo exemplo disto o supuxeron a creación polas consellerías nacionalistas do goberno bipartito das Agrupacións Veciñais de Vixilancia Forestal (AVFF) e do Voluntariado para a Defensa do Monte Galego; que coma non, este goberno ten desbotado, ao mesmo que aparcou outras medidas interesantes coma as brigadas de investigación dos incendios forestais (BIIF).
Polo tanto todos temos un pouquiño de cómplices na situación dos lumes, ben por acción ou por omisión. Mais trasladar as culpas aos individuos na sociedade actual é dar por irresoluble o problema, polo que é necesario que o goberno formule iniciativas nas que todas as persoas teñamos que poñer da nosa parte para solucionar o problema: xestionando as nosas parcelas, aumentando a concienciación, aumentando o sentimento e o valor do noso monte, facéndonos responsables das nosas propiedades e actos. . . Algúns entenderán estas medidas como demasiado intervencionistas e, claro está, nun goberno liberal dentro dunha economía neoliberal quen lle pon o cascabel ao gato. Isto supón virar o dedo acusador e deixar de pensar que os lumes son cousa duns poucos, para implicar a sociedade no seu conxunto.
A necesidade de traballar coa xente e poñer orde no territorio
Desde fai anos tense claro que a forma de atallar os lumes é mediante a prevención, xa que a extinción non é máis que un parche momentáneo de un problema de maior calado. Esto implica a efectos prácticos preocuparse máis polo número de lumes que pola superficie queimada, ou o que é o mesmo, investir os esforzos en evitar que o lume chegue a producirse antes que en correr moito para apagalo unha vez iniciado.
Non existen solucións máxicas para os lumes, que seguen estando ahí (sexan ou non noticia), mais cómpre facer con urxencia actuacións encamiñadas a traballar coa xente e a poñer orde no territorio que comporte a solución definitva ao abandono da propiedade e por extensión aos lumes.
Precisamos de un goberno que conte coa xente, coa verdade por diante e que resolva os problemas a longo prazo. Non queremos que se nos contente coma menores de idade e se nos tranquilice camuflando a realidade.