Un novo discurso (I). O adversario interno


A necesidade do cambio de discurso vén sendo un argumento repetido no actual debate de refundación do nacionalismo. Porén, e a pesar da insistencia do concepto, poucas son até agora as propostas que traducen as intencións ao plano do concreto. Querendo contribuír a este debate, comezarei por introducirme nun tema que considero central como ningún, que non é o noso discurso de cara á sociedade senón no noso discurso de cara a nós mesmas. O discurso sobre o cal construímos as nosas relacións internas e aseguramos a nosa cohesión como organización nacionalista.

Cada peza de discurso constrúe unha realidade, a realidade de quen fala. Cada peza de discurso estabelece tamén, con maior ou menor precisión, uns actores determinados: un nós, un vós, un eles, e estas construcións soen darse con especial intensidade nun debate asemblear. O pasado 28 de febreiro sentei comodamente na butaca de Palexco coa mera intención de escoitar. Non tardei en observar a emerxencia de dous discursos moi diferenciados. O primeiro deles constrúe unha identidade colectiva problemática, contraditoria. Entre chamamentos á unidade, louvanzas á toma de decisión colectiva e declaracións de orgullo de pertenza á organización, non dubida en separar unha parte da mesma para atribuírlle unha identidade negativa. E en ocasións con certa virulencia, como neste botón de mostra. Tratábase de defender o relatorio oficial diante de varios votos particulares:

“Porque as cousas serias, amigas e amigos, e esta desde logo creo que para todos nós é evidente que o é, hai que abordalas con seriedade. E facelo ben, (…) aínda que vexo que hai moita xente á que iso non lle importa, é facelo con tempo. E por favor, non caricaturicemos as posicións dos demais”.

É un fragmento de por si contraditorio, que modela un adversario interno, un eles que está dentro e non fóra da organización. En menos de sesenta palabras, varios cadros do BNG quedan transformados en seres inconscientes, despreocupados e de razoamento simple. Entre a crítica ás propostas políticas doutras persoas xorde a crítica, perfectamente innecesaria, a esas persoas mesmas.

Parellamente constato a existencia dun outro discurso que elude conscientemente calquera sinal de enfrontamento persoal ou grupal coa xente de dentro para centrar o debate unicamente no mundo das ideas, dos proxectos e das propostas. Un discurso que, como todos, constrúe un eles. Pero eses eles, eses alleos, son normalmente adversarios políticos externos. Ou, en ocasións, son nacionalistas que nun tempo abandonaron a organización ou que nunca pertenceron a ela, e que están tratados dun xeito inclusivo.

Agardo que me saiba perdoar o compañeiro de quen tomei sen permiso o fragmento que citei textualmente. É obvio que o seu argumentario non acaba aí e que o seu discurso posúe moitos elementos de recoñecida valía. O extracto, por outra banda, non é nin o único nin o máis ferinte dos que se deron en Palexco, por non falar doutros foros máis próximos de todas coñecidos. A través del quero salientar a falta de efectividade que supón ese tipo de construción do adversario interno para os obxectivos que a organización di demandar, que son o alargamento da súa base social e a incorporación de novas sensibilidades ao proxecto nacionalista. Nin o repertorio argumental se enriquece nin a capacidade de convencer aumenta. Mais é seguro que tal práctica pode xerar máis desasosego nos debates que a propia discrepancia ideolóxica.

Se me preguntasen se a ocorrencia dun ou doutro discurso é exclusiva dos defensores das teses oficiais ou dos das teses alternativas, diríalles que non exactamente, e deixaría tales cálculos matemáticos para a capacidade de observación do interesado. É certo que a mesma análise do discurso que saca á luz este tipo de creación do adversario interno é tamén capaz de detectar quen se move polo centro do sistema e quen polas marxes; quen se sinte revestido de autoridade para dicirlles aos outros o que hai que facer ou o que se pode ser, e quen non. Agora ben, o que creo observar máis claramente é outra liña divisoria: o primeiro dos discursos é maioritariamente obra de homes. O segundo, máis inclusivo, ten maior ocorrencia en mulleres e é, aínda que non o pareza, máis forte. De aí que unha das luces da XV Asemblea fose a elección para a portavocía nacional dunha muller con linguaxe inclusiva.

O debate só acaba de comezar e agárdanse novos episodios de disputa. Para comezar, sería bo asumir unhas regras non escritas que centrasen todo o debate nas ideas e nos proxectos, non nas persoas que as sustentan. Sería bo que chegásemos ao convencemento práctico de que todos os sectores ideolóxicos se necesitan mutuamente. E de que no novo discurso será necesario exercer un sentido de unidade que vaia máis alá das meras declaracións formais.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.