Tres letras, unha esperanza


Como moita xente, eu tamén teño un dispositivo destes, un GpS, no meu carro. Confeso que maioritariamente fica no portaluvas, malia que hai quen xura que se trata dun trebello dos máis úteis, mesmo indispensábel para chegar mellor e máis directamente ao seu destino. Mais, a verdade é que non me apaño moi ben con el, e non é por falta de ganas e de andar a fedellar no aparato.

Tamén son consciente, por outra banda, de que, por moi útil que for, tamén pode chegar a ser moi perigoso o seu manexo incorrecto segundo a DXT, ao desviar a atención das tarefas esenciais que constitúen unha condución segura: andas a programar o aparello co carro en marcha, mirando pola pantalla e, mentres tanto, non miras por onde vas e, sen te decatares, xa estás a saír da estrada coas consecuencias máis ou menos graves para todo o mundo que se poden imaxinar. Sospeitaba que se trataba dunha lenda urbana, mais todo indica que, caso non estexa debidamente actualizado e debido a posíbeis fallos de deseño, seguir as indicacións da voz metálica pregravada sen pensalo de xeito racional pode levarnos por rúas inexistentes ou a un pantano onde nos espera un final non tan feliz, no canto de cumprirmos co noso propósito inicial. Mirade a onde nos pode levar un GpS se non actuamos con sentidiño, levantando a vista de cando en vez para mirarmos por onde imos de verdade!

En definitiva, como todos estes novos inventos ultramodernos, ben usado, o GpS pode ser unha ferramenta moi valiosa e máis que proveitosa, mais mal utilizado é peor que nunca telo prendido. O novo está moi ben, mais antes hai que saber manexar o de sempre e un GpS, por potente e intelixente que sexa a tecnoloxía que haxa detrás, de nada serve se non sabemos levar o carro.

Hoxe por hoxe, no ámbito do nacionalismo dispomos dun flamante dispositivo de recente creación de nome idéntico, así chamado –se non me equivoco– porque permite localizar Galiza no mundo. No entanto, á diferenza do seu homónimo, non vén da fábrica cun manual de instrucións, polo que o seu correcto manexo pode resultar aínda máis revesgado. E é que nós non somos simples utentes, mais tamén o propio fabricante deste novo GpS, polo que nos toca aprender a construílo a medida que tamén aprendemos a manexalo e vice versa. Se a isto lle engadimos todos os posíbeis inconvenientes antes referidos, acho que temos entre as nosas mans unha ferramenta cun tremendo potencial positivo para difundir a mensaxe da necesidade da soberanía da Galiza, ao tempo que o seu mal uso podería supor un custo igualmente elevado.

Participei con ilusión na presentación pública de Galiza pola Soberanía en Compostela no verán do ano pasado, como sigo a participar nas asembleas e nos actos que se desenvolven na miña comarca e a nivel nacional e animo quen aínda non o fixo a asinar o manifesto. Porén, na miña humilde opinión, existe o risco de esta iniciativa prometedora nos levar por vieiros equivocados se non levantamos a cabeza constantemente para mirarmos por onde imos e até onde queremos chegar.

Acho que non se concibiu e lanzou o proxecto de GpS co obxectivo de aglutinar ou unir forzas nacionalistas xa existentes co fin de montar actos de formación e de consumo internos. Para isto xa hai grupos abondos. Para seguirmos coa analoxía anterior: do mesmo xeito que o referido aparato localizador se pode utilizar para burlar os controis e radares, este non é o uso para o cal foi creado e non aproveita a súa plena funcionalidade, polo que era mellor comprarmos un dispositivo deseñado con esta fin en mente, que xa os hai moitos e moi variados. Sería como adquirirmos, co custo e esforzo elevados que implica, un computador potente con impresora e vídeo cámara para xogarmos ao comecocos: un investimento pouco rendíbel nin a curto, nin a longo prazo.

Coido que a misión primordial do GpS debería ser moi diferente, partindo dos grupos fundacionais co fin último de os transcender a curto e medio prazo e abrirse á sociedade como unha auténtica plataforma cidadá, unha iniciativa verdadeiramente popular, do mesmo xeito que a plataforma Queremos galego conseguiu integrar persoas que, pola razón que for, habitualmente falan español, a favor do galego e en contra, por exemplo, do decreto do bilingüismo. Hai quen se sorprenderá ao ouvir falar español nunha manifestación desta índole, mais non hai que supor que calquera que fala español é necesariamente inimigo do galego, pois, como ben di a campaña retranqueira ‘Por el gallego me corto la polla’, o galego é cousa de tod@s. Contrariamente ás acusacións infundadas, o nacionalismo nunca pretendeu monopolizar ou patrimonializar a lingua do país, como tamén non pretende apropiarse da patria común de tod@s @s galeg@s.

Nunha cidade como Compostela, onde milito, paréceme esencial e urxente chegarmos a sectores da poboación que a priori non comungan tradicionalmente co ideario nacionalista ou que mesmo sexan remisos –moito me temo que, de momento, a grande maioría da poboación– como son, por exemplo, os autónomos, ese pequeno comercio autóctono que tamén historicamente vimos a defender face ás grandes superficies, xunto con hostaleiros e taberneiros. Non son necesariamente os nosos aliados naturais dentro da tradicional tríade de obreiros, labregos e mariñeiros, mais ben todo o contrario. Ora ben, a nosa misión desde o GpS debería consistir en facer que estes elementos numericamente importantes da sociedade, bombardeados desde o poder coa propaganda españolista asimilista, entendan as razóns da soberanía. Debemos, desde o GpS, crear dinámicas abertas e encetar actividades de corte pedagóxica para os convencermos con argumentos sólidos de que tod@s –el@s incluíd@s– sairían gañando nunha Galiza soberana, libre das chatas que lle impón un Estado que non mira polos seus intereses, vasalo obediente dos ditados neoliberais da Unión Europea.

Para isto hai que ser valentes e fuxirmos de ideoloxicismos e dos autocompracentes e cómodos formatos de círculos pechados onde non facemos máis do que pregoarmos aos conversos, optando polo contacto directo nos bairros e con colectivos afectados de xeito directo –moitas veces aínda sen o saberen– por temas como o espolio enerxético ou a balanza fiscal, tratando as súas causas coloniais de xeito contundente mais tamén claro e comprensíbel para sumarmos cada vez máis persoas e masa crítica detrás da bandeira da soberanía.

O contexto do noso país é moi diferente do de Catalunya ou Euskal Herria, e como nacionalistas e marxistas que somos a nosa estratexia ten que se axustar á realidade en que nos movemos. Non é unha cuestión de escondermos quen somos ou de claudicarmos nos principios, mais de irmos construíndo pouco a pouco sobre unha base cada vez máis estábel, consolidando, ante todo, amor pola patria que nos levará a entender as razóns obxectivas da soberanía nacional. Ser vangarda implica ir sempre un paso adiante para que as cousas avancen na dirección correcta, mais se corremos polas silveiras ninguén nos ha seguir. En definitiva, se queremos libertar o pobo, temos que nos asegurar de que o pobo estexa connosco e para isto é preciso armarnos de paciencia e pedagoxía.