Tempos decisivos


Vivemos tempos decisivos que preludian, sen dúbida, mudanzas importantes e nas nosas mans está que esas mudanzas se resolvan en sentido positivo para o noso País. Atravesamos unha situación de profunda crise económica que está a aumentar de forma brutal a fenda social, a crear condicións persoais e sociais dramáticas e a xerar situacións sociais convulsas, realmente explosivas e mesmo potencialmente revolucionarias. Asistimos, ao tempo, a unha profunda crise de lexitimidade do sistema político español, con sectores cada vez máis largos da populación a cuestionar o funcionamento das institucións –a comezar polo Borbón e a monarquía española- e até as institucións mesmas. Para alén do máis, tamén a conxuntura política é de crecentes dificultades para o Partido Popular -no conxunto do Estado, na Galiza, nos Concellos-, que aparece a cada día non apenas como o paradigma das políticas antisociais ao servizo das clases dominantes, mais tamén da corrupción, da desvergoña e de todas as prácticas que o povo rexeita.

Mais, de modo singular, comprobamos o aumento da confrontación entre dúas grandes forzas antagónicas. Dunha parte, un proceso de intensa re-centralización política do Estado -acompañada dunha programada campaña de españolización dos povos non españois-, capitaneado por un Partido Popular profundamente retrógrado e españolista, ao servizo dunha oligarquía que anseia maior concentración do poder económico e político para mellor favorecer os seus intereses. Doutra, a crecente conciencia dos povos das nacións do Estado de que só é posíbel saír desta situación con capacidade de decidir en función dos propios intereses, é dicer, co exercicio da soberanía. Estamos, pois, diante dun proceso que virá pór fin á arquitectura política do Estado tal e como hoxe a coñecemos. Un proceso do que a Galiza non pode estar ausente se quixermos subsistir como povo.

Neste escenario de polarización política, as fortes e progresivas tensións nacionais e sociais que estamos a viver, poden -e deben- afortalar as forzas transformadoras e revolucionarias como a que na Galiza representa o nacionalismo. Mais tamén propician respostas autoritarias -como as que sofremos cada vez con máis frecuencia- e que, previsibelmente, irán in crescendo. E, aínda, existe o risco certo de abriren paso a falsas saídas encarnadas por solucións populistas e proto-fascistas, alentadas desde o propio poder.

É neste contexto de enormes dificultades -mais tamén de inmensas posibilidades- que o nacionalismo é máis preciso do que nunca. Un nacionalismo activo e operativo, capaz de manter a iniciativa en defensa do País e das clases traballadoras; capaz tamén de concitar crecentes apoios e simpatías até conquistar as maiorías sociais; capaz, así mesmo, de facer medrar a conciencia da necesidade de construírmos colectivamente un futuro diferente, de liberdade e xustiza, para a nosa nación.

Estamos, por tanto, nun tempo político novo, en que son precisas outras formas de actuar mais que exixe tamén decisión, contundencia e follas de ruta ben definidas. Nese sentido, un ponto de partida claro é a liña política asumida polo BNG desde a fundación e renovada na XIII Asemblea Nacional, en que se certifica a incapacidade do cadro xurídico autonómico para alargar progresivamente o autogoberno e, en consecuencia, se aposta sen hesitacións no obxectivo estratéxico da soberanía nacional, concretada nun Estado galego, laico e democrático, a República da Galiza.

Mais para podermos avanzar nesa dirección é preciso converter este obxectivo no centro da acción política do nacionalismo nos próximos tempos, contribuíndo para a construción dun movemento social, o máis alargado posíbel, que coloque no debate político diario as razóns polas que a Galiza precisa de soberanía, vinculándoo de maneira moi directa á capacidade de xerar calidade de vida a partir das propias potencialidades. É este un proceso que só será posíbel se contamos con un BNG decidido e renovado, un BNG que se revitaliza, e se afortala como referente social e político. Mais tamén exixe da máxima unidade de acción -partindo sempre da defensa do principio e a práctica da auto-organización- de todas as entidades, colectivos e persoas que defendemos a autodeterminación e o dereito da Galiza a un futuro de liberdade.

Aliás, esta iniciativa pode e debe ter a virtualidade de romper a dialéctica esquerda-dereita, que a outros interesa e que nos anula como povo, para estabelecermos claramente a confrontación en termos nacionais Galiza-España ou, se se quixer, en termos políticos nacionalismo-españolismo. Cómpre esclarecer a importancia disto na propia base social nacionalista, pois non é raro escoitarmos dicer que, nesta situación de durísima crise económica e social o que interesa á xente é resolver as difíceis situacións persoais e colectivas e non a cuestión da soberanía. Acho que só é posíbel soster o argumento se se parte de concibir a defensa da soberanía exclusivamente como unha construción ideolóxica, que responde apenas á satisfacción de cuestións identitarias -en calquera caso absolutamente lexítimo- e non como unha necesidade perentoria de nos dotarmos dos mecanismos de decisión necesarios para podermos articular o desenvolvemento económico e social no País sobre novas bases. En definitiva entender -e sermos capaces de explicar da maneira máis didáctica que puidermos- que a única posibilidade dunha saída social e xusta desta situación é con soberanía.

Debemos encarar este proceso a partir da constatación de que o nacionalismo -embora todas as dificultades que enfrentamos- ten unha importante capacidade de intervención e de incidencia social que se reflicte tamén -para alén dos resultados electorais- na crecente capacidade mobilizadora que demostramos nos últimos tempos. Nese sentido, a iniciativa pola soberanía -se a soubermos abordar como corresponde- pode e debe ter un longo percorrido e converterse nun factor ilusionante que reforce a conciencia nacional e nos permita avanzar.

Crise económica e social que provoca crecentes mobilizacións, crise do rexime político español, permanente presenza no debate político da cuestión nacional, conxuntura complicada para o Partido Popular, configura un escenario en que necesariamente ten de arraigar a mensaxe do nacionalismo. Nunca tan cuestionado socialmente estivo o sistema como agora. E embora boa parte dese cuestionamento estexa mal orientado -ou precisamente porque o está- é obrigado traballarmos máis e mellor para converter o descontentamento en rebeldía e a rebeldía en conciencia política, en organización, en militancia. Nunca tan favorábeis foron as condicións obxectivas para o avance do nacionalismo. Agora corresponde ir conformando os escenarios e as condicións para podermos desenvolver con eficacia o traballo que as circunstancias exixen de nós nos próximos tempos e para darmos pasos firmes a camiño da soberanía e da independencia nacional, obxectivo final, mais tamén requisito imprescindíbel para podermos construír no futuro no noso País unha sociedade realmente xusta, democrática e igualitaria.

Nesta liña, acho que teremos dado un paso fundamental no momento en que o conxunto da base social nacionalista asumir que a Galiza soberana, a República da Galiza que soñamos, non é apenas un horizonte ideal, mais un obxectivo perfectamente atinxíbel que depende en boa medida de nós propi@s o crermos posíbel. Moitas persoas de boa fe considerarán hoxe, xulgando apenas polos resultados electorais, que ese obxectivo fica máis lonxe do que o estaba hai un ano. Mais somos tamén moitas as que temos claro que, se soubermos ler acertadamente a situación política da Galiza de hoxe e axir en consecuencia, está máis perto do que nunca. De nós depende. Por iso debemos saír con forza, con enerxía, con ilusión, a facelo realidade.