Tempo de preguntar
24 de outubro de 2010 (00:01 h.)
Nestes días teño que recoñecer que me invadiu un aire de envexa e, en certa modo, quixera non vivir no sitio que escollín. Vendo como en Francia a clase obreira, a clase popular (por non dicir a sociedade) escolle no máis profundo da definición como máxima o efecto de "acción - reacción" é para ter envexa.
Á miña mente veñen multitude de recordos, de feitos que ficaron na leve memoria e tamén feitos que non se esquecen nunca. Nunca se vos ocorreu preguntar porqué á dereita máis rancia (ou sexa, case toda) se lle permite calquera tipo de vilipendio sen maior tránsito que a case instantánea dilución das faltas. O caso contrario ocorre coa esquerda, as masas críticas permanecen á espreita en calquera esquina, case poderiamos dicir que estamos entregados a esa causa, para facer de inflexibles xusticeiros e velar pola dignidade mundial da razón e da verdade.
Claro que as consecuencias non se soen medir e veñen sendo bastante máis importantes que o propio fundamento das discrepancias ou interpretacións das actuacións. Sen facer analoxismos perigosos (non está na miña intención) pero si hipérboles poderiamos extraer do caso de Chile algunha concorrencia próxima. Allende foi asasinado por un golpe militar, após dunha serie de tensións vividas polas distintas folgas que a propia esquerda chilena argallou dende a súa propia liberdade. Non dubido da intención destes, tampouco da intención das políticas de Allende e tampouco quero minimizar a responsabilidade dos golpistas nin facer, repito, analoxismos ao chou ou de falta de contido profundo, simplemente quería resaltar que os actos teñen as súas consecuencias e a intención destes non pode minimizar as consecuencias que provocan.
Xa se ten tratado noutros artigos e imaxino que non ten moita solución pero tentarei darlle outro xiro. Somos esquerda, cultos, politicamente preparados, máis tamén faltan dous grandes piares da integración na cidadanía: Asertividade e empatía. Fai algún tempo, nun sitio onde traballaba eu, había unha persoa que se situaba moi por enriba dos demais en canto á interpretación e análise das estruturas políticas que atinxíamos. Esa persoa estaba por riba de nós pero toda a súa sabedoría morría nel mesmo. A transferencia, tanto interna como externa, era practicamente nula e, polo tanto, pasto da morte. Iso si, e xa non me refiro a este caso en concreto senón á esquerda en xeral, os postulados e diverxencias por mínimas cuestións de fondo son recorridas acotío e forman parte do ideario pragmático do aspirante a político.
Máis a intelixencia sen control non serve de nada, parafraseando a un anuncio. Se toda esa enerxía ou forza empregada para tales fins se utilizara para tratar de chegar a acordos mínimos que permitiran un avance nas políticas transversais (si, digo transversais) e nas políticas directas nas que nos beneficiaramos todos e todas como cidadanía teriamos avanzado moito e non estariamos cada catro anos tratando de atopar unha cara bonita capaz de converterse en carne de canón para propios e estraños. Pero iso non ten graza nin parece interesar a ninguén e menos si se teñen que poñer en dúbida os pensamentos e idearios propios, como se fosen únicos e irrevogables. Até onde chegará a nosa ignominia, a nosa impenetrable capacidade de negociación, e noso ego?
Teriamos que facernos moitas preguntas e deixar de mirar o noso embigo.
Sabedes que recordo eu nestes intres? Lembro a Feixóo en varios vídeos da campaña electoral que o levou a ser o noso presidente da Xunta, nos que ensinaba un papel que se supoñía un contrato coa cidadanía para resolver todos os problemas habidos e por haber, ou outro no que dicía que acabaría coa crise económica en menos dun mes, etc, etc.
A algunha xente isto resultaralle gracioso, a min particularmente resúltame patético e doloroso. Haberá xente que vive mellor contra o PP que tentando facer propostas en positivo, aínda renunciando a parte do seu ideario político. Aquí é onde debemos establecer a intelixencia política, social, humana. Non vivimos sos e os distintos parámetros que tocamos, abarcamos ou combinamos fannos ter contacto co resto do mundo e o mundo non é noso tampouco. Non digo que non haxa discrepancias, é obvio e beneficioso que existan, só pido que se teñan en conta as consecuencias dos nosos actos, que non é tan importante emendar unha coma, un punto, un parágrafo se non somos capaces de traballar arreo no noso entorno, coa nosa xente, sabedores de que non opinan o mesmo ca nos, sabedores dos puntos de inflexión (algúns sen retorno) sabedores da parálise dos múltiples proxectos emprendidos, etc.
Cales son as grandes liñas do rural (por exemplo) deste goberno?
Alguén pode dicirme algo no que se mellorara (sen copiar) no eido agrario?
Cantos anos tiveron os do PP para facer política e non emprenderon ningún tipo de iniciativa en proxectos de calibre e sustentables?
Onde estamos agora logo, todos os que tiñamos a gorxa esnaquizada de tanto berrar os erros implacables das áreas do BNG?
Asertividade, empatía, será cuestión de mirar de novo o dicionario e preguntarnos a nós mesmos se contra o PP vivimos mellor ou se simplemente algúns temos a mente preparada exclusivamente para ir en contra de todo sen máis preocupación construtiva.
Será tempo de preguntar.