Tempo de esperanza


A Folga Xeral do 29-S inoculou no nacionalismo galego e en gran parte da clase traballadora deste País unha inmensa dose de esperanza. Os que nos manifestamos coa CIG puidemos asistir a un fito histórico que vai representar un punto de inflexión no devir do nacionalismo á hora de encarar novos retos.

Cando a faixa do BNG se colocaba a carón da Subdelegación do Goberno español, todos puidemos observar que a cola da manifestación non chegara ao edificio que alberga a sede do Banco Pastor, punto máis afastado do Cantón coruñés que podiamos albiscar. Máis de 10.000 homes e mulleres mobilizáronse nunha cidade maioritariamente de servizos e con pouco tecido industrial.

E todo isto nun contexto difícil, en que os medios de comunicación predecían, xa un día antes, o fracaso dunha Folga Xeral que en Galiza non foi tal. Esa diferenza co resto do Estado español marcouna o sindicalismo nacionalista. O traballo intenso da CIG en defensa da clase traballadora, moi lonxe dos métodos do sindicalismo acomodado que representan os sindicatos españois CCOO e UGT, fixo que en Galiza a Folga Xeral fose unha verdadeira demostración de dignidade.

Por todo isto, o BNG ten que estar agora á altura das circunstancias e seguir no bo camiño. A decisión do BNG de apoiar a Folga Xeral, desenvolvendo un intenso traballo de charlas e repartimentos de material informativo ao longo de todo país, colocou o nacionalismo político como a única forza que pode representar non só os miles de persoas que se manifestaron en Galiza, senón a toda unha clase traballadora á que o PP e o PSOE demostraron deixar á súa sorte. As políticas que estas dúas forzas van desenvolver nas futuras corporacións locais, ao igual que a súa política económica, non están dirixidas a melloraren a calidade de vida e os dereitos das maiorías sociais, senón a defenderen os intereses das oligarquías e dos poderes financeiros, que son os que lles ditan que deben facer.

Os medios de comunicación, que xa sabemos de sempre a que intereses responden, mentiron nas cifras, ocultaron as manifestacións da CIG e fixeron desaparecer das súas crónicas a presenza do BNG nas manifestacións e o apoio á Folga Xeral. Só cando se dicía que a Folga ía ser un fracaso, nos días previos, foi destacado polos medios que o BNG, e con el todos os seus cargos de representación pública, secundariamos a Folga Xeral. Un exemplo desa manipulación foi a información que se deu da Folga na Coruña. A CIG foi culpada de seica protagonizar actos violentos, onde non había máis que simples piquetes informativos totalmente pacíficos. Tamén é certo que as únicas fotos de piquetes percorrendo as rúas máis céntricas da cidade estaban compostas unicamente por afiliados/as ao nacionalismo, feito que permitiu a directa criminalización do sindicato nacionalista. O baile de cifras na Coruña foi escandaloso. A CIG cifrou en 15.000 as persoas que secundaron a súa manifestación. A Policía Local falaba durante a propia manifestación de máis de 10.000. Ao día seguinte, os medios recollían que, segundo datos da Policía, os asistentes foramos 3.000.

É evidente que politicamente o nacionalismo era o beneficiado da boa resposta da Folga Xeral, que non foi nin marxinal nin minoritaria e iso non podía transcender. Tampouco é casual que, xusto neste momento, en que parece que ao nacionalismo comeza a irlle ben, e cando xa acumulamos importantes logros como foi o papel do BNG no debate das Caixas, en prol do idima ou contra a reforma laboral, aparezan noticias que queren inducir a pensar que o BNG está en descomposición e, como calquera alimento nese estado, non é comestible.

Da mesma maneira que non debemos permitir a manipulación co acontecido o 29-S en Galiza, tampouco debemos permitir a manipulacion de grupos máis ou menos organizados que intentan facer desaparecer o nacionalismo organizado neste país. Ou como se entende que supostos compañeiros/as estean agora en coordinación cos poderes fácticos aos que só lle gustaría que o nacionalismo en Galiza non existise?

Penso que é responsabilidade de todos e todas evidenciar as nosas dúbidas cando pensemos que a organización non está funcionando ben, e facermos propostas que permitan construír un BNG máis forte. E como o BNG é unha forza democrática e de base, ten asembleas locais e comarcais en que todos e todas podemos participar. Se de verdade se quixer traballar colectivamente para mellorar o BNG, todo o mundo iría ás asembleas debater e defender os seus criterios pero resultan máis eficaces outros métodos cando o que se quere é facer desaparecer o BNG.

Os e as nacionalistas estamos orfos/as cando queremos coñecer a realidade do que pasa no País. Os medios que existen informan sempre desde puntos de vista que non son os que defendemos desde o nacionalismo. Actualmente, en Galiza é máis fácil seguir ao vivo o golpe de Estado en Ecuador contra o presidente Rafael Correa que coñecer a través do televisor como foi o seguimento da Folga Xeral ou cal é o impacto do Decreto do carbón ou dos Orzamentos do Estado no noso País. Por iso temos que escoitar, ver e ler os medios de masas coa máxima cautela e ao mesmo tempo utilizar todos os medios que estean ao noso alcance para difundirmos non só o que pasa, senón para coñecermos a saúde do BNG.

Para darmos a coñecer as nosas propostas e os nosos candidatos e candidatas ás alcaldías, temos moitas fortalezas que debemos aproveitar. A apatía en que rematou a militancia despois do bipartito está xa a se transformar en ganas de facer cousas e, a falta de medios que dean a coñecer as nosas propostas, temos a militancia e métodos de comunicación directos, cada vez máis utilizados, sobre todo polos máis novos quen, lonxe de promover o individualismo, temos que utilizar para chegarmos ao pobo galego que queremos representar.

En xeral, tendemos a facernos eco das cousas mal feitas e a laiarnos das eivas antes que a celebrarmos os éxitos e os avances. Non quero rematar sen parabenizar o valioso papel que o nacionalismo tivo contra a reforma laboral e durante a Folga Xeral e, especialmente, a todos os afiliados e afiliadas da Confederación Intersindical Galega que, co seu traballo, conseguiron volvernos a emocionar.