Somos os novos escravos?
14 de xuño de 2010 (00:01 h.)
De facermos unha diagnose das persoas na nosa xeración, observaremos que somos a xeración que máis investiu na súa formación e que se preparou mellor para o exercicio profesional.
"A cita é boa, máis non é de Kant; é de Séneca" retrucaba un dos protagonistas da campaña publiciataria que nos deu nome, os J.A.S.P. A liña daquela campaña afirmaba que nos tiñamos que formar máis porque así conseguiriamos grandes traballos, excelentes condicións económicas, unha estabilidade laboral, e desa maneira o recoñecemento social. Debemos sospeitar daquela, porque nos estaban a vender un coche mentres nos prometían a felicidade.
O capitalismos demostrou ter un capacidade enorme para manipular as necesidades das persoas. Non se trata de nos persuadir para mercar un determinado produto ou de que nos impoña unha pauta de consumo xenérico, unha moda, ou a merca obsesiva dunha marca.
Chega a nos manipular de tal xeito que todas as nosas expectativas vitais se someten aos seus intereses. Deste xeito podemos ser manipuladas, controladas, e programadas, para renunciar á nosa liberdade e deixar polo camiño a nosa dignidade.
O impacto daquela campaña foi inmenso e a súa mensaxe transmitiuse como a peste, entrando a formar parte dos dogmas do sistema. Foi popularizada até a náusea, espallada polos medios de comunicación, reproducida polo conxunto da sociedade.
Asumimos todo o que nos dixeran e nos ensinaran. Fomos ás Universidades e rematamos unha ou varias carreiras, aprendemos uns cantos, fixemos un par de márters, e temos os títulos de ducias de cursos. Aceptamos traballos de bolseiros ou en prácticas, mesmo sen salario, porque "había que ter experiencia". Fixemolo todo. E todo isto para que?.
Non conseguimos nada. Imos ser a xeración que pague esta crise, a quebra do modelo económico e a que perdamos todos os dereitos sociais. Somos a xeración vítima da manipulación mediática, da precaridade laboral, do despedimento " libre" e dos recortes sociais.
Somos os novos escravos porque temos hipotecas a 40 anos por vivendas que xa non valen o que nós debemos por elas e que as teremos que pagar até o fin dos nosos días. E as fuxidas individuais son poucas: aceptar un infratraballo, servir de carne de canón en Afganistán (calquera -stán vale) ou emigrar, coma sempre.
Somos os novos escravos porque vivimos cos grillóns do consumismo inducido. Temos que pagar o financiamento dun coche, pero non temos cartos para lle botar gasolina. Si , somos os novos escravos porque traballamos máis horas, de maneira máis precaria e por menos diñeiro do que o facían os nosos pais.
E, ante todo isto que facemos?, Nada, mirar para o outro lado e resignarnos por que iso tamén é o que quere o sistema: que sexamos seres conformistas cos tempos que nos tocarón viver e que consumamos.
Había un segundo spot da campaña JASP onde se contaba como unha moza JASP ocupaba substituía un executivo vello por decisión do xefe "non tiven máis remedio, é a que mellor pasou as probas". Hoxe sabemos que isto nunca será así, pero nós da unha idea.
Porque, no fondo, non se trata de máis ou menos formación, de ter tres máster e cinco idiomas. Detrás do espellismo da formación, acubillase a dura realidade do capitalismo depredador de clase traballadora e do pobos do mundo.
Estamos obrigadas e obrigados a buscar un novo modelo social, político e económico, máis xusto, con humanidade. Cómpre que o fagamos nós, que lles arrinquemos o que nos corresponde por dereito.
É un exame que ninguén pode facer por nós, e que tampouco podemos deixar para setembro. Vainos a vida nisto.