Somos malas, podemos ser peores
13 de xaneiro de 2014 (23:00 h.)
Comezamos o ano 2014 transportadas, sen querelo, a tempos da Idade Media, sometidas a unha caza de bruxas iniciada polo Ministro Gallardón, e de todo o Partido Popular por extensión, por moitas voces críticas que se amosen –aparentemente- discordantes.
A dereita botou man da súa maioría eleitoral para presentar un anteproxecto lexislativo que, de prosperar, suporá obrigarnos ás mulleres a pasar por unha serie de trámites burocráticos para acollernos aos dous únicos supostos que a lei permitirá para interromper o embarazo: violación ou grave risco para a saúde da nai. Desposúennos do dereito a dispoñer do noso propio corpo, para concederllo a outras persoas (médicos/as, xuíces/as, pais/nais/titores/as, etc.). Poderán ditaminar opinións todos/as, agás as mulleres. Nalgúns casos, para emitir consentimento informado, e noutros directamente para dar o seu permiso. Elixirán por nós. As mulleres somos meras incubadoras dun feto que a pesares de non ter nacido, xa goza de máis dereitos e protección que nós. Obrígannos a parir con dor, a coidar polo resto das nosas vidas a un fillo ou filla, que en moitos casos non poderá sobrevivir, ou de facelo, será unha persoa dependente á que o propio PP condenou (mesmo antes de nacer) á precariedade, logo dos continuos recortes nos servizos públicos de atención á dependencia, e sen atención sanitaria.
Converten o que consideran un pecado nun delito, aplicando as súas conviccións relixiosas e morais a todas as mulleres, no marco dunha lei machista, clasista, que atenta contra a saúde pública, e que por tanto, supón un novo xeito de violencia do estado contra as mulleres.
A decisión de ser nai, compételle a quen teña disposición de selo. Debe ser unha opción libre, afastada de opinións fundamentalistas, e non pode impoñerse pola forza, de xeito unilateral.
Mais debe ser o único compromiso eleitoral do Partido Popular, que finalmente ve a luz. Lembremos que o PP prometeu non subir impostos (e así o fixeron no primeiro Consello de Ministr@s), non recortar as pensións (cando acometeu unha nova reforma que provocará unha redución das pensións actuais e futuras abocando á poboación á subscrición masiva de plans de pensións privados para alimentar o negocio da banca e das aseguradoras), como tamén prometeu non tocar os servizos públicos como a sanidade ou a educación (cando na práctica acometeu un recorte sen parangón nos seus orzamentos, privatizando boa parte destes servizos, e estabelecendo o copago sanitario), ou coa promesa de non abaratar o despedimento (aprobando unha reforma laboral que até a patronal recoñeceu que supuxo máis paro e que abaratou o despedimento), a de ampliar o permiso de paternidade (que fica adiado unha vez máis, mentres acometen outro tipo de reformas dirixidas a manter ás mulleres contratadas baixo a fórmula a tempo parcial, continuando coa súa estratexia patriarcal de alentar á volta a casa das mulleres). Son tantas as promesas incumpridas, que sorprende (ou non) que a única que vaian levar a cabo sexa para atacar precisamente un dos dereitos máis elementais do ser humano: o dereito a decidir sobre os nosos corpos.
As supostas voces críticas como as do Presidente da Xunta de Galiza, non deben facernos caer no erro de considerar que entre as filas do Partido Popular hai posturas menos restritivas. Porque debemos ter moi presentes as axudas públicas destinadas polo goberno de Feijoo a entidades antiabortistas como a Red Madre, que desde hai anos asume o labor de asesorar a mulleres embarazadas con dificultades socioeconómicas. E a todo o marco lexislativo emanado desde a aprobación en solitario do Partido Popular da ILP que culminou no Plan de Apoio á muller embarazada ou a ultraconservadora Lei de apoio á familia e á convivencia. Desde entón non só a Red Madre aparece como organización asesora nunha guía elaborada pola Secretaría Xeral da Igualdade, senón que citan toda unha rede paralela de centros privados para atender a saúde sexual e reprodutiva das mulleres, todos eles centros relixiosos, que son, a día de hoxe, financiados con fondos públicos: Congregación Hijas del Divino Siervo, Rebaño de María, Cáritas, Residencia de las Siervas de la Pasión, Betanía de Jesús el Nazareno ou Dignidad. E non o esquezamos, durante este tempo, opuxéronse á dispensa da pílula postcoital sen receita nas farmacias, desmantelando boa parte dos Centros de Orientación Familiar.
A estratexia de Alberto Núñez Feijoo é a mesma que empregou o propio Gallardón no seu día: a de aparecer cun posicionamento moderado ou mesmo centrista dentro da dereita, agás que nesta ocasión, somos máis conscientes da falacia.
En lugar de entremeterse no dereito das mulleres a decidirmos cando e como queremos ser nais, deberían pular por normativas que fosen quen de garantir, no ámbito das institucións públicas, os dereitos sexuais e reprodutivos, alén de que as mulleres – e os homes- que teñan familiares ao seu cargo, poidan compatibilizalas co traballo retribuído. Porque se verdadeiramente pretenden dotar de dereitos ao feto, terán que garantir, que desde o momento do seu nacemento non será desafiuzado, terá dereito á asistencia sanitaria, á alimentación, e á educación, e nun futuro, a un posto de traballo na nosa terra.
Para o PP as mulleres somos un colectivo que debe ser controlado, protexido e dirixido, desposuído do dereito de autodeterminación, baixo un enfoque ultraconservador, propio dos tempos da Inquisición, dentro dunha retórica da familia heterosexual, e da maternidade como papel e función vital das mulleres, que pretende asumir tamén o control da nosa vida sexual, para poder controlar tamén as nosas vidas.
Mais esquece que se as mulleres conseguimos o recoñecemento dos nosos dereitos logo de séculos de discriminación, foi grazas ao noso activismo e resistencia. Levamos amosado ao longo de todo este tempo que as mulleres non precisamos de figuras paternas, do marido, nin sequera do estado, para acadar a nosa independencia, e fomos quen de demostrar que ser nais é unha opción que só nós podemos escoller.
As mulleres debemos loitar hoxe como fixeron as nosas avoas, cando se impuxeron aos abusos nas fábricas, cando co sacho ou a fouce na man botaron aos terratenentes das súas leiras, cando saíron á rúa desafiando o legado escurantista da igrexa católica reivindicando os nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Porque a reforma laboral, a reforma das pensións, a reforma da lei do aborto, a tutelaxe dos nosos corpos, a explotación e a opresión e a falta de dereitos e prestacións acometidas por estes gobernos son a manifestación máis crúa da violencia estrutural. Porque as mulleres esiximos respecto aos nosos dereitos, non tutela. E imos saír á rúa no nome de todas aquelas que queimaron - e seguen pretendendo facelo- nas fogueiras. Mais non haberá agresión sen resposta. Como dicía o vello lema feminista: SOMOS MALAS, PERO PODEMOS SER PEORES.