Sentir a dor de outro doente
13 de agosto de 2010 (00:01 h.)
O coñecemento facilita a empatía
Din que os únicos que dubidan da dor dos cans son os que non teñen can, por iso, moitos de nós non dubidamos da dor dos cans, da dos touros nin doutros animais.
Os defensores da tortura animal, incluíndo nela a tauromaquia, son reiterativos nos mesmos argumentos para xustificar a crueldade e, cos mesmos argumentos, xustificarían sen chiscar os ollos a tortura dos mesmos seres humanos.
Sabemos que os animais senten a dor coma nós, pois o seu sistema límbico e as partes do cerebro involucradas na dor son semellantes en todos os mamíferos. O único que pode cambiar é o umbral, mais tamén acontece así nos humanos, hainos queixiñas e outros indolentes, e acaso consultamos cal é a forza mínima da zoupada que temos que imprimir individualizadamente para non ofender a víctima?
Mais esta é a cuestión, a difícil resposta a dar: cal é o umbral e para que? a morte do touro, a do porco, a dos pitos? a tortura do cabalo, do galo, do can? a molestia do boi?
Desde logo, o mundo está cheo de brutalidades crueis contra os animais humanos e non humanos, mais este feito lamentable non xustifica o resto. Os defensores das touradas, da marcaxe a lume ou das pexas dos cabalos, argumentan que forman parte da súa tradición, como se o tradicional fose unha xustificación ética. Posiblemente todos os costumes abominables, inxustos ou crueis son tradicionais alí onde se practican.