Sen rumbo certo, ningún vento é favorable
23 de marzo de 2011 (23:00 h.)
O pasado 18 de marzo celebramos en Pontevedra (e creo que celebramos é a palabra máis acaída) a presentación das liñas estratéxicas do programa electoral para as eleccións municipais do 22 de Maio. Foi emocionante ver o auditorio de Novacaixagalicia cheo e recibir as mostras de apoio, e tamén as críticas construtivas, dos que pensan que Pontevedra ten rumbo certo.
O BNG leva doce anos, que se di pronto, gobernando unha das cidades con máis sona de rancia e de dereitas do país, esa cidade onde aínda hai mozas que gozar con tradicións como a "puesta de largo" que lembran a tempos escuros para as mulleres. Esa cidade onde naceu Mariano Rajoy e que xamais se dignou a visitar oficialmente o Concello, cuestión que tampouco debe preocuparnos moito pero tendo en conta o que gustan os conservadores da política de xestos é revelador. Esa cidade que foi unha das grandes sacrificadas da industria franquista cando nos anos cincuenta instalaron a fábrica de celulosas na ría, hipotecando para moitos anos o futuro das nosas xentes.
Pero tamén é a cidade onde Alexandre Bóveda escolleu para sentirse útil a Galiza. Aquela Pontevedra intelectual de emerxente actividade política axustábase aos seu desexos. Namorouse e casou con Amalia Álvarez, a quen hoxe denominaríamos "de Pontevedra de toda la vida". Botou a andar no 1930 a Caixa de Aforros de Pontevedra ca confianza que tiña nesta cidade. Se hoxe levantara a cabeza!!!.
Esa Pontevedra que no 1931 acolle a asemblea constituínte do Partido Galeguista con un programa rachador incluso para os nosos tempos: autodeterminación política, eliminación das Deputacións, reforma agraria, respecto polo idioma... pasaron máis de oitenta anos e aínda soa a actualidade!
Esa Pontevedra que escolle a Castelao como deputado as cortes do Estado, pero tamén a Pontevedra que aínda mantén o nome dun instituto en homenaxe a un dos capitáns (Sánchez Cantón) que detivo a Bóveda nese verán do 36.
Pontevedra contraditoria, pero que non se deixa enganar, capaz de apostar por tempos mellores e deixar atrás as ataduras que tanto tempo a tiveron castrada.
A cidadanía de Pontevedra coñece ben do que é capaz o BNG, tendo en contra a poderosos, medios de comunicación e faladoiros varios. Sabe que a cidade que habita está irrecoñecible, mellorada, referente de calidade de vida e de seguridade. Sabe que a marcha de ENCE-ELNOSA só será posible se o BNG segue o fronte do Concello e que esa marcha non vai ser unha catástrofe laboral senón unha esperanza de futuro. Acredita na confianza e na honradez (si, si, honradez) dos seus concelleiros e concelleiras, por máis que tenten enlamar o campo de xogo. Estou segura que o cento por cento dos votantes, dirixentes ou simpatizantes do PP de Pontevedra cambiaría sen dubidalo o prestixio do seu candidato polo de calquera membro o goberno municipal. Para eles sería como maná caído do ceo!!! poder limpar esa imaxe lixada pola corrupción e o cobro de sobreprezos en pisos de protección oficial.
O BNG vai seguir propoñendo o seu modelo de cidade e de Concello. Un Concello con un desenvolvemento sostible, palabras moi desgastadas pero que aínda conservan todo o seu sentido, sobre todo cando nel incluímos o apoio aos que viven en risco de exclusión social, os que xa están excluídos, os inmigrantes e as inmigrantes, os nosos maiores, e en definitiva todas as persoas que conforman a sociedade, mulleres, nenas, nenos, mocidade.... iso é para o BNG o desenvolvemento sostible. Traballando desde os consellos parroquiais e de barrios para afondar na democracia participativa, para compartir a responsabilidade do avance do Concello, prior izando obras, intervencións, investimentos. Que os veciños e veciñas de Pontevedra decidan sempre e non só o día das eleccións. Reducir o consumo enerxético con educación e cambio de hábitos.
Non debemos esquecer que hai unha semana ninguén pensaría que un rico xaponés e un cidadá árabe coincidirían en que "estar a salvo" é o máximo da calidade de vida. Son leccións que debemos aprender.
Apostar pola economía que non só produce mercadorías, aproveitando a situación e os recursos de Pontevedra e de toda Galiza para xerar empregos estables e de calidade nos eidos do medio ambiente, da atención sociosanitaria, das enerxías renovábeis...
Seguiremos traballando ca ilusión que aínda arrecende polas rúas por onde pasearon Amalia Álvarez, do ganchete de Bóveda, Castelao, Víctor Casas, Xermán Adrio, Xohán Rico, Lois Poza, Amancio Caamaño... Aínda queda moito por facer.