Se a Xunta do PP non vai á montaña...
17 de agosto de 2010 (00:01 h.)
Andabamos tan tranquilos nos primeiros días deste tórrido -en todos os sentidos- mes de agosto, ocupados mediaticamente entre a visita de Michelle Obama a Marbella e, xa no País, as visitas virtuais en 3D ao Pórtico da Gloria. O Goberno Galego en pleno de vacacións pero, iso sí, con ordes e directrices claras que cumprir: Nin un só día sen presenza mediática, dun xeito ou doutro, dos sufridos conselleiros "de garda". Evidentemente, a calma chicha, a temperatura sufocante e o nordés persistente mantiñan sen vacacións ao abnegado conselleiro do Medio Rural, vivindo, disque, con moita preocupación os incendios no país veciño como si non os houbera no noso: "Pues los hay", manifestou nunha entrevista nos medios de comunicación ao comezar o mes, "lo que ocurre es que los vamos apagando" (tamén informativamente, engado eu).
Estas verbas insólitas que resoaron en toda Galiza como unha provocación eran insignificantes comparadas coa advertencia posterior: "El incendiario debe saber que estos días el monte está muy vigilado, más que nunca, y que hay muchas posibilidades de que los pillen ...". Os galegos e galegas non dabamos creto a tan desvergoñada ostentación de medios, a tanta prepotencia gubernamental. E, como si fora un presaxio, nuns días pasamos de ter á Garda Civil vixiando incendiarios a ter ao exército nos montes apoiando a extinción dos lumes.
O xoves ardía a parte da Curota pertencente á Comunidade de Sta. Cruz de Lesón. Onte mesmo, espertoume o zunido dos hidroavións que, dende ben cedo, intentaban rematar coas lapas que se levaban por diante, de novo, outra parte importante da Serra da Barbanza. Dende a casa podía intuír que se trababa de Cures ou Moimenta, no concello de Boiro, ou se cadra Lousame. Pola noite, a radio confirmaba que, efectivamente, ían xa máis de 140 hectáreas abrasadas en Cures e que todos os medios empregados non impediron que as lapas continúen aínda hoxe.
Na tardiña de onte, escoitei unhas declaracións do alcalde de Boiro, o nacionalista Xosé Deira, compañeiro e amigo, que me fixeron pensar na maneira de actuar duns e doutros, tamén no caso dos incendios forestais. Fixo unha descrición do que estaba a ser aquel lumen a súa localidade e, sen ningún tipo de prexuízo, cunha seriedade angustiosa e cunha lealdade institucional exquisita, falou da maquinaria que levaba todo o día traballando nel. Coa verdade por diante, con absoluta transparencia, enumerou os avións, helicópteros, motobombas e ata o número de membros das brigadas que, dende a mañá, traballaban sen desmaio naquel lugar. Lembrei, mentres o escoitaba, ao ínclito José Antonio Landín, alcalde de Barro e promotor da Plataforma "SOS CONTRA O LUME" no verán do 2006, acusando ao Goberno da Xunta e á Consellería nacionalista de Medio Rural de deixación de funcións e, nun exercicio de descontrolada e desmesurada verborrea, de incompetencia, de ineficacia, de improvisación e de soberbia ao conselleiro Suárez Canal.
Nun segundo, mentalmente volvín de novo á actualidade, ao incendio de Cures, ao alcalde de Boiro e, coñecéndoo como o coñezo, pensei na súa aversión ás fotos estériles, á demagoxia e, no mesmo instante, viñéronme á cabeza as escandalosas imaxes de Feixóo e Rajoy coa mangueiriña na man tamén no 2006. Unha mangueiriña que, dende logo, non conseguiu apagar o abandono do rural galego durante os 16 anos anteriores co PP no Goberno da Xunta. Unha mangueiriña que, durante todo ese tempo regou fertilmente os incentivos para que os nosos paisanos abandonaran as súas explotacións e o seu medio de vida, que desmantelou o agro e recortou a actividade gandeira. Unha mangueiriña, a do PP, que, en definitiva, fixo case desaparecer a economía agraria e, paralelamente, aparecer coma unha pantasma colosal a economía do lume.
Como unha diapositiva detrás doutra, a toda velocidade, aínda se sucederon na miña cabeza infinidade de declaracións e de imaxes, tamén da "cúpula" do PP naqueles días: O ex-presidente Fraga "o Campeador" sentenciando que había máis incendios porque había un goberno dividido; Rajoy, Feijóo e Ana Pastor ao fronte daquela pancarta, na manifestación de "SOS CONTRA O LUME" que demandaba á Xunta polas súas "neglixencias"; a carta da dirección provincial do PP na Coruña aos seus alcaldes para que retrasaran a sinatura dos convenios coa Xunta para a contratación das brigadas forestais, que mesmo tivo que ser recoñecida e remendada por Feijóo, para que utilizasen os seus concellos como ariete contra un Goberno Galego en loita contra o lume; e, outra vez, o alcalde de Barro insinuando unha planificación de queima por parte do Goberno da Xunta para levar a cabo unha reforestación con novas especies dunha "Galicia bucólica" e, meses máis tarde, apostando polo eucalipto como especie pouco esixente e de rápido crecemento para reforestar as miles de hectáreas arrasadas polo lume ... Todo, absolutamente todo, impúdica mercadoría electoral.
O desmantelamento, a cargo da brigada de demolición que representa o Goberno Feijóo dende a súa chegada, das incipientes medidas alternativas postas en marcha polo BNG na Xunta, consciente do gravísimo problema económico, social e ecolóxico que supoñen os incendios forestais, tradúcese agora en negación, terxiversación e ocultamento da realidade. Os plantexamentos actuais da política contra incendios do Goberno do PP son os mesmos de sempre: Promesas de solución milagreiras e inmediatas, axudas contantes e sonantes para calar aos afectados, redución de orzamentos para a prevención, non querer acometer medidas estruturais sobre o territorio e, dende logo, confiar en que a climatoloxía o solucione todo.
Neste verán de 2010 no que os lumes prenden outra volta por todo o País, mentres escoito a descrición dramática que fai o alcalde de Boiro, lémbrome, por último, de Alfredo. A diferenza fundamental entre Deira e o alcalde de Barro, entre Alfredo e Juárez, non é, nin moito menos, de tipo persoal (que tamén). A diferenza entre o PP e o BNG é, evidentemente, ideolóxica: Uns cren no curtopracismo, no abandono da actividade agro-gandeira e forestal e no éxodo das poboacións rurais como símbolo excelso da modernidade e da prosperidade dun país. Os outros, son conscientes de que as medidas a levar a cabo son de longo percorrido e, sobre todo, saben con certeza que é imposíbel unha política para o medio rural e os seus tecidos produtivos si non hai poboación que sustente dito medio e ditos tecidos e que unha política contra o lume, unha política de desenvolvemento forestal e de desenvolvemento rural só pode existir si existe un medio rural vivo e produtivo.