Romarías en cambio


As romarías, lugares propicios para o encontro, están cambiando porque a sociedade que as constrúe está tamén cambiando. Pero estes cambios, en moitos casos, danse sen coñecemento do previo e xeran disonancias.

A romaría é unha festa e todas as sociedades celebraron as festas porque eran, entre outras, unha paréntese extraordinaria no tempo, algo que altera o vivir cotián e que pretende cortar o irreparable paso lineal do tempo, intentando facelo cíclico, repetitivo, como seguindo o ciclo da natureza, que renacer de novo cada primavera. Hoxe o calendario das nosas vidas xa non o marca o ritmo da natureza.

Toda festa consta de tres compoñentes principais, que teñen que ver coa transformación do tempo, do espazo e coa renovación persoal. Tres compoñentes que fan referencia a tres dimensións básicas da experiencia humana: o transcorrer do tempo, a vinculación temporal e social coa natureza (entendendo esta como unha construción histórica e social e non como un contedor natural abstracto) e a presenza do mal nas nosas vidas. E é neste último elemento onde vinculamos tradicionalmente festa e romaría. Pero, ademais, a festa asóciase igualmente á noción de comunidade, pois os que participan asumen manter cos concelebrantes algún tipo de comuñón. E hai outro elemento importante: a comensalía. Ese día sobre a mesa, ou sobre a herba dun campo, haberá variedade e abundancia de pratos, algo que contrasta coa sobriedade que pode haber durante o resto do ano e, historicamente, contrastaba coa escaseza que había en moitas casas do noso mundo labrego e mariñeiro. Comer é aquí máis que un acto fisiolóxico, é algo ritual e simbólico, tamén un acto de sociabilidade. Comer xuntos é un ritual con sentido de comunidade polo reforzamento dos lazos entre as persoas; compartindo a comida compártense moitas máis cousas, compártese unha pertenza. Así en algunhas romarías a comida, e a comida en abundancia e compartida, era tamén un ritual simbólico de aporte contra as fames endémicas que se padecían historicamente ou contra as necesidades vitais que moitos sufrían. Algo así como unha paréntese de exceso en tempos de carestías. Por isto as confrarías institucionalizaron estas comidas para os confrades ou para os pobres, como no caso da Faguía de Carnés (Vimianzo). Así as confrarías temos que entendelas non só como institucións devocionais, máis ben como institucións de sociabilidade e axuda mutua, algo que tamén nos leva a pensar no interese das autoridades eclesiásticas en prohibir este tipo de comidas, sempre denominadas como "pitanzas". E as prohiben porque causaban "generales desórdenes, excesos y pendencias, con que esencialmente se falta al buen orden". Realmente estas comidas eran a ocasión única para moitos de comer carne e beber viño, tamén de divertirse.

E a romaría é un lugar para a relación social. Ao contrario que as festas locais, as romarías son espazos para o anonimato nos que o romeiro se pode atopar con outra xente e con outras cousas que non forman parte da súa vida cotiá. O romeiro sae fóra dos límites do seu territorio e renova a mirada, ve outras cousas e veas con outros ollos

Por suposto que moitos romeiros van a unha romaría porque teñen fe no santo, pero a fe do devoto está fundamentada tamén no espírito de pertenza a un grupo e nunha tradición compartida historicamente..

Pero a sociedade rural cambiou, e cambiou moito, e cambiou a base produtiva que a sustentaba, tanto que pronto teremos que falar de sociedade labrega en pasado. Mais sempre houbo cambios, pois as sociedades non son estáticas, o que pasa é que os cambios agora son máis veloces e drásticos. E as romarías teñen tamén que adaptarse aos novos tempos. Pode que xa non teña sentido a pitanza, pero si teno comer coa familia ou cos amigos. Hai romarías que desapareceron ou sobreviven malamente, porque a función que cumprían xa perdeu significado; mentres outras sufriron un crecemento festivo ou unha nova orientación cara ao turismo, o que leva a estas a un desprendemento do contexto local e á perda de rituais diferenciadores, na busca dun uniformismo coa intención de facelas máis dixerible ou atractiva a un amplo público, como penso que está pasando coa romaría do Cristo de Fisterra.

San Fins do Castro (Cabana de Bergantiños) ou a romaría da Virxe da Barca (Muxía) son expoñentes claros da transformación destas na sociedade de hoxe. Noutras latitudes os antropólogos falan dunha construción multicultural e do abandono dos rituais tradicionais por outros máis metaculturais. Pero en San Fins do Castro, por exemplo, non hai tal abandono dun ritual tradicional, senón apropiación e desaloxo como consecuencia dun cambio social pouco estruturado que leva ao novo romeiro, un romeiro agora secularizado, a perder os referentes tradicionais que o romeiro clásico recollía no da tradición local e para quen o santo, e os outros elementos da romaría, eran un símbolo referencial, unha icona identitaria. Agora ese novo romeiro recolle esa nova tradición no seo do grupo como unha forma de confrontación entre os valores legados pola tradición, como a memoria ou a concepción do tempo, e unha modernidade que posúe outros valores, entre os que pode estar a desvinculación co de "antes". Neste novo contexto, para algúns, ir á romaría de San Fins xa non ten sentido, perdeu eficacia simbólica, sentido comunitario e conexión co local, xa non se comparte a mesma memoria. Para outros é tan só unha desculpa para "saír" cos amigos e pasalo ben. O demais non importa.

Outra definición clásica de romaría é que esta é un desprazamento até un santuario por un motivo devocional. Unha definición que haberá que revisar. Así moitos dos romeiros que hoxe van á romaría da Barca nin sequera entran na vila de Muxía e, seguramente, non son sabedores das tradicións respecto ao santuario ou da existencia do mesmo. Mais a festa da Barca segue sendo un espazo de participación e a participación é unha forma de recreación de identidades. E novas identidades están agromando, identidades de grupo, que nada teñen que ver coas identidades locais. Antes acudir a unha romaría significaba expresar a pertenza a un territorio social e compartir cos demais unha serie de elementos ritualizados que configuran unha forma simbólica e social, polo tanto un comportamento social. Hoxe, para moitos, iso non ten significado, pero para outros ségueo tendo.

Quizais fallemos na transmisión ás novas xeracións do coñecemento do local e da nosa relación histórica co territorio. Unha certa pedagoxía neste sentido axudaría a minimizar o impacto de certos cambios e a un comportamento máis respectuoso cos "outros".