Refundar, abrirse e outras reflexións do momento (I)
En diversas ocasións teño escrito que hai momentos para actuar e outros para debater, considero que agora toca debater e reflexionar sobre o camiño a seguir pola fronte patriótica no inmediato futuro. O BNG celebrará nuns meses unha Asemblea Nacional e nela seremos os e as militantes quen decidamos o futuro da nosa organización.
O nacionalismo galego precisa mellorar a súa actuación, aumentar a súa introdución social e con urxencia precisa contar con medios de comunicación que axuden a espallar a súa mensaxe; e ademais do anterior seguro que o nacionalismo galego precisa de moitas outras cousas que neste momento non ten, pois como todo movemento con vontade de transformar a sociedade debe ser quen de adaptar o seu xeito de actuar ás necesidades de cada momento.
Para min ese adaptar o seu xeito de actuar non ten nada a ver coa ladaíña hoxe tan estendida de darlle á sociedade o que quere; o nacionalismo non existe para darlle á sociedade o que quere senón que existe para traballar nela e para transformala.
No debate iniciado nas últimas semanas reapareceu na escena política e mediática de Galiza algo que para min vén sendo un andazo, cada certo tempo aparece aquilo de que precisamos reinventar o xa inventado, experimentar o xa experimentado, refundar o xa fundado etc... Hai anos cando me atopaba con episodios deste tipo dubidaba e perguntábame se os comentaristas e cronistas que nos aconsellaban non levarían razón e se o verdadeiro problema non seríamos nós mesmos; co paso do tempo fun comprobando repetidas veces que na meirande parte dos casos eses que nos daban consellos ou non eran apoiantes do nacionalismo ou formaban parte da confraría de grandes expertos en dar consellos aos demais pero incapaces eles mesmos de construír algo útil e duradeiro.
Refundación, maior achegamento á xente, eliminar a oferta electoral propia do nacionalismo e o sempre presente abrirse á sociedade están aquí unha vez máis; curiosamente os actores veñen sendo os mesmos que fracasaron noutras etapas ao tentar aplicar as súas receitas, acrescentados agora con algunha guinda de "esquerda caviar" que busca darlle nova cor a un reseso pastel. Unha "esquerda caviar" que a dicir verdade non deixa de ser un deses cantos de serea que segundo a mitoloxía grega buscaban engaiolar aos mariñeiros até facer encallar as súas naves contra as rochas.
E como todo andazo de categoría este tamén ten as súas propias mutacións, sendo desta vez a novidade a desaparición case total das receitas foráneas que machaconamente noutros momentos nos poñían como exemplos a seguir para ser modernos e para segundo eles poder avanzar con pasos de xigante. As persoas que militabamos no nacionalismo xa nos anos oitenta do século pasado lembramos moi ben aqueles modelos, primeiro foi Euskadiko Esquerra, despois viñeron Angel Colom e a Pilar Rahola, posteriormente un experimento de coalición co españolismo, despois a fronte era obsoleta, e hai catro días debíamos tomar exemplo do Bloco de Esquerda,....; e agora que?
O nacionalismo na Galiza, a esquerda alá onde non existe o feito nacional como elemento central da loita política, e todas as forzas transformadoras é certo que estamos a pasar momentos moi complexos nunha sociedade aturdida e dominada polo medo, unha sociedade que busca salvadores diante dunha crise cada vez máis presente tanto nos petos das persoas como nas súas mentes.
Situacións de crise e de confusión semellantes á que estamos a viver hoxe teñen dado lugar noutras estapas históricas a explosións sociais, unhas veces con resultados positivos pero outras moitas co apoio das masas a opcións reaccionarias ao ser cegadas pola perda dunhas condicións de vida e a actuación duns mecanismos do sistema que oferecían supostas solucións rupturistas que á hora da verdade eran simples válvulas de escape para que nada mudase.
É momento de debater, de facer propostas e de adoptar decisións sobre o futuro do BNG pero por favor non nos deixemos levar nin polo que nos aconsellen os nosos adversarios nin por propostas que semellan estar á última pero á hora da verdade só buscan introducir de matute pezas de roupa que xa desfilaron pola pasarela e polos catálogos de moda noutras temporadas e non tiveron éxito.