Que terrorismo é terrorismo?


No dicionario Estravís da Lingua Galega atopei as seguintes definicións:

Terrorismo:
Sucesón sistemática de actos de violencia executados por individuos ou un estado para impor a súa vontade.

Terror:
Estado de grande medo ou pavor. Persoa ou cousa que mete medo. Fase de un réxime político caracterizado pola persecuzón e o crime.

Busquei esas definición porque cada vez vese máis claramente que quen goberna o estado español precisa de manter viva a imaxe fantasmagórica do terrorismo como elemento de manipulación de conciencias e de creación dun ambiente de medo ou pavor na poboación. Quen se manifestan en esixencia dun dereito ou en protesta por unha agresión e froito da desesperación da súa situación realizan un acto de violencia por nimio que sexa son acusados de prácticas terroristas.

Quen exiben bandeiras patrióticas galegas en competicións deportivas son acusados de exibir símbolos filo-terroristas. Quen denuncian as actuacións violentas das forzas policiais e defenden ás persoas agredidas son acusad@s de dar alas a terroristas.

Calquer lector ou lectora podería poñer outros exemplos de actuacións que son consideradas polo poder como actuacións terroristas ou de apoloxía do terrorismo.

Hai uns días foron detidas no estado vinte persoas, unha delas en Galiza, no marco da chamada “operación araña” contra o “enaltecemento do terrorismo na internet”, esas persoas supostamente facían apoloxía do terrorismo e denigraban ás vítimas de accións terroristas en diversas redes sociais. Digo supostamente non por querer ser políticamente correcto e atender a esa tan manida presunción de inocencia que non vale para nada cando o nome ou a imaxe dun detido ou detida aparece nos medios de comunicación por mor dunhas filtracións das que ninguén se fai responsábel; digo que supostamente facían apoloxía porque xa sabemos o doado que é neste estado inventar, terxiversar, etc… co obxectivo de crear probas para culpabilizar de delitos a quen dun xeito ou outro nos enfrontamos ao actual sistema.

De ser certos os comentarios que se di que fixeron nas redes sociais esas persoas considero que son totalmente desafortunados pero non se diferencian en nada de outros milleiros de comentarios que circulan polas redes facendo apoloxía do fascismo e do nazismo, espallado patróns de conduta que levan a considerar ás mulleres seres inferiores, etc… Curiosamente fronte a este último tipo de comentarios e comportamentos non se poñen en marcha operativos policiais e xudiciais con grande acompañamento mediático; será que iso non vende tanto?

Saíndonos da realidade virtual e das redes sociais quero que reflexionemos sobre as definicións de terrorismo e terror coas que inicio este artigo e vexamos se poden ser aplicábeis a estes outros exemplos:

- A multinacional Inditex está acusada de prácticas esclavistas en diversos países do mundo. O esgrevio cidadán galego Amancio Ortega non debería ser detido por terrorismo e visitar o cárcere cando menos até que se confirmen ou se desmintan tan graves acusacións?
- Hai uns días a presidenta do Círculo de Empresarios pedía salarios inferiores ao SMI para traballador@s non cualificad@s. Non debería ser detida por terrorismo?
- Desde que empezou a crise maís de 50.000 mulleres galegas houberon de emigrar. Non deberían ser detid@s por terrorismo @s responsábeis das políticas que as obrigan a abandonar o país ao non ter perspectiva de futuro nel?
- Centos de estudantes galeg@s teñen que abandonar os estudos universitarios debido ao endurecemento nas condicións das bolsas e ao retraso no pago. Non habería que deter a Wert e a Jesús Vázquez por infundir terror nestas persoas?
- Centos de milleiros de traballadores e traballadoras teñen medo a esixir os seus dereitos diante das ameazas dun despido que suporía a perda dos ingresos familiares. Quen ameaza co despido por esixir dereitos non está actuando como terrorista?
- En Galiza hai instalacións sanitarias públicas infrautilizadas pero mantéñense as listas de espera, isto non pode considerarse propagar o terror en quen precisa consulta para diagnóstico ou intervención cirúrxica e non obtén?
- Nunha etapa de crise e recortes sociais e salariais as empresas do Ibex 35 gañaron no pasado ano 17.770 millóns de euros. Iso non é terrorismo ou cando menos ganancias obscenas?
- No concello de Vilanova de Arousa hai hoxe máis de 20 traballadoras despedidas que levan máis de sete meses sen cobrar pese a ter sentenzas que obrigan á súa readmisión nunha empresa que xestiona unha concesión da Xunta de Galiza. O empresario que non as readmite non debería ser detido por terrorismo empresarial e a Conselleira de Traballo por complicidade?

Vós diredes.