Que di o CIS do pobo galego?
05 de agosto de 2010 (00:01 h.)
No último Barómetro Autonómico, publicado a mediados de xullo polo Centro de Investigaciones Sociológicas, aparece o resultado de 600 entrevistas persoais realizadas en Galiza, entre xaneiro e marzo deste ano. Esta enquisa recolle diferentes temas como poden ser valoracións sobre a situación política e económica, percepción da crise, valoración do goberno galego e da oposición, onde colocamos ao BNG nun espectro político dereita-esquerda, cantos nos sentimos nacionalistas, que uso facemos dos medios de comunicación, ou como valoramos a actual organización territorial do estado.
Atender ás enquisas é algo que eu non fago habitualmente, mais penso que o tempo de verán, no que moitos e moitas estaremos desfrutando dun período de feiras, pode ser o momento para repararmos neste tipo de estudos, que responden á necesidade do tempo que vivimos, no que precisamos cuantificalo todo. A eficacia e acerto no resultado e a valoración do barómetro é algo que deixamos á opinión do lector ou lectora.
O primeiro gran bloque de preguntas que imos comentar son as referidas a organización territorial do estado preferida polos/as galegos/as, o grado de autonomía que consideran ideal e as virtudes desta.
A pregunta sobre as posibles fórmulas alternativas para a organización territorial do Estado, o 50% considera o Estado das Autonomías a organización ideal. Un 13,5% gustaríalle ter maior autogoberno e só un 1,7% considera necesario o recoñecemento do dereito de autodeterminación por parte do Estado Español.
Este 1,7% contrasta co 21,9% que reclama o dereito de autodeterminación en Euskadi ou o 23,6% que o fai en Cataluña.
Cando se nos pregunta polo grado de autonomía que nos gustaría para Galiza, un 26,5% di precisar maior autogoberno, fronte o 53,1% que considera que ten que seguir todo como está.
O aspecto que máis valora o pobo galego, segundo o CIS, da actual organización territorial do Estado é a posibilidade de que moitos asuntos se administren de xeito máis cercano, tendo esta opinión o 51,7% dos/as galegos/as. A función de defensa da identidade do país é o aspecto máis valorado para o 7,3% dos/as galegos/as.
O seguinte bloque de preguntas son as que teñen relación coa definición de España e como de orgullosos nos sentidos de sermos galegos/as.
A maioría dos galegos/as definen España como "Mi país" cun 63,4% e un 15,3% di que é unha "nación de la que me siento miembro". Baixo estas dúas definicións atopamos xa ao 78,7% do país.
O 7,8% dos/as galegos/as pensa que España é un estado formado por nacións e rexións. Esta mesma definición fana o 42,7% dos/as vascos/as e o 21,8% do pobo catalán.
A opción ao definir España como un "Estado alleo do que o meu país non forma parte", representa 0,2% dos galego fronte ao 11,6% do pobo vasco ou o 7,9% dos cataláns.
Cando nos preguntan polo sentimento de sermos galegos/as, somos os/as que nos sentimos máis orgullosos/as de entre as outras nacións do Estado. Un 53% síntese moi orgulloso/a de ser galego/a e un 43,8% síntese bastante orgulloso/a.
O terceiro bloco de preguntas son sobre como nos definimos persoalmente: galegos ou españois; e cantos nos consideramos nacionalistas. Ademais de, onde se percibe que está o BNG e o resto das forzas políticas, se dividísemos o espectro político galego en esquerda-dereita.
Segundo o CIS o 68,7% dos/as galegos/as considérase tan galegos como españois. Un 22% síntese máis galego que español, fronte a un 3% que se sinte máis español que galego. O 2% di ser só galego e un 3% só español.
Para coñecer o nivel de nacionalismo co que se definen os/as galegos/as, nunha escala dividida en 5 intervalos, de nada nacionalista a moi nacionalista, a maioría do pobo galego, segundo o CIS o 42,4%, situase no centro da escala. Os nada ou pouco nacionalistas representarían o 10% e o 15,5% respectivamente. Nos dous últimos intervalos, que representan aos que se definen como bastante ou moi nacionalistas estarían o 15,3% e o 5,3%.
O CIS divide o espectro político galego en 5 intervalos, representando o 1º o máis á esquerda, o 3º sería o centro e o 5º a extrema dereita. Un 30% dos galegos e galegas colocan ao BNG como a organización máis a esquerda do espectro político, seguido por IU cun 25% e sendo marxinal o PSdG-PSOE. No 2º intervalo colocan ao BNG o 31% dos/as enquisados/as, seguido polo PSdG-PSOE nun 29,6% dos/as galegos/as. O centro ocuparíao o PsdG-PSOE para o 37,9%, o BNG para o 16,6% e o PP para o 14,8% . Nos últimos dous intervalos que representan a dereita e a extrema dereita atópase en solitario o PP, que o coloca nestes intervalos o 34,8% e o 25,5% dos/as galegos/as respectivamente.
Nun cuarto bloco imos recoller a valoración da situación política e económica tanto de Galiza como do Estado e as valoracións que se fan das diferentes institucións de goberno (goberno do estado, goberno galego e concellos) en referencia ás principais preocupacións sociais.
O pobo galego ten a percepción, segundo o barómetro do CIS, de que a situación política e económica é mellor en Galiza que no resto do Estado. Así o 54,2% considera mala ou moi mala a situación política do estado, fronte ao 49% que a define como mala ou moi mala en Galiza. A percepción da situación económica en España é definida como mala ou moi mala polo 72,1% e a de Galiza é mala ou moi mala para o 58,5%.
Cando se valora a situación política e económica de Galiza con respecto a fai dous anos, o 39,5% pensa que a situación política é peor, fronte ao 17,4% que a considera mellor. A situación económica, se a comparamos con fai dous anos, é peor para o 54,5% e mellor para o 7,8%.
Para o 67,4% os efectos da crise económica son máis ou menos iguais en Galiza que no resto do Estado. Así mesmo un 71,7% ten a sensación de que Galiza está pouco ou nada preparada para afrontar a crise económica.
Un 88,6% dos/as galegos/as consideran aos Concellos as institucións que máis inflúen sobre o benestar da cidadanía.
Pola contra, cando se pregunta por temas concretos e temos que escoller quen son os culpables de que unha cuestión vaia ben ou mal, os/as galegos/as responsabilizamos ao Estado no caso da Vivenda nun 39%, da Seguridade cidadá nun 35%, do Desemprego nun 66,2% e da situación Economía nun 78%.
Ao Goberno Galego considerámolo responsable da Educación nun 48%, das Infraestructuras nun 43%, da Sanidade nun 58% e da Protección do medio ambiente nun 44,6%.
En tódolos temas sinalados no barómetro, no que maior porcentaxe de poboación responsabiliza aos Concellos e no caso da Seguridade Cidadá cun 23% e da Vivenda cun 11,8%. O Desemprego, que é a primeira das preocupacións para o 80,4% dos/as galegos/as, considerando responsabilidade dos Concellos só o 7,2%.
Nun quinto bloque, imos recoller a valoración que o Barómetro fai sobre o goberno galego e a xestión dos temas máis sensibles; a valoración da oposición e as perspectivas de mellora cun cambio de goberno.
As accións que peor se valoran no caso do goberno galego son as referidas a economía, que son malas ou regulares para o 73% e as relacionadas con paliar o paro co 72,9% que as considera malas ou regulares; o 60,4% considera mala ou regular a política educativa.
En relación con estes mesmos temas, cando se pregunta se o goberno melloraría ou empeoraría se gobernara a oposición, o 50% pensa que todo seguiría igual.
No caso da Educación un 13,6 pensa que melloraría se gobernara a oposición, fronte o 20,8 que considera que empeoraría. Os temas que maior porcentaxe de poboación consideran que empeorarían de gobernar a oposición son a Economía, para un 23%, fronte o 10% que pensa que melloraría e o Desemprego que un 22% pensa que empeoraría, fronte tamén o 10% que considera que melloraría se non gobernara o PP.
En termos xerais, o pobo galego, segundo o CIS, segue a valorar mellor ao goberno que a oposición. A acción do goberno galego, en termos xerais e valorada por un 55,6% como regular, un 15% pensa que é mala ou moi mala e un 22% valora como boa. No caso da valoración xeral que se fai da oposición, o 56,2% valora como regular, o 29,8% como mala ou moi mala e o 5,9% valora como boa.
Neste último bloque imos recoller os medios de comunicación máis seguidos a hora de coñecer a información política e a definición dos/as galegos/as en materia relixiosa.
O Barómetro do CIS fai unha análise de que medios son os máis consultados polos/as galegos/as para informarse sobre temas vinculados coa política. Das televisións, preferimos nun 39,5% a TVE1, seguida nun 25% da TVG e nun 14,3% de Antena3. No caso da radio, un 47,5% dos/as galegos/as non escoita ningunha. A máis escoitada é a Cadena Ser, por un 18,2%, seguida dun 8% que escoita a Radio Galega, un 7,9% Onda Cero, 7% RNE e un 6,2% a COPE. Entre os/as que len xornais para seguir a información política, un 42,7% faino lendo La Voz de Galicia, un 15,7% le o Faro de Vigo e un 11,6% El Progreso de Lugo. Para os/as que escollen a rede para informarse, o 85% consulta as webs de medios de comunicación, un 30% di infórmase consultando Blogs e Foros de opinión ou webs temáticas e só un 3,3% di utilizar as webs das organizacións políticas.
En materia relixiosa, somos o lugar do Estado onde máis persoas se definen como católicas, un 90,3% dos galegos/as. Destes, case o 50%, nunca vai a unha igrexa.